Opinión

Cousas da Academia (IV): De Lalín a Niterói, pasando por Silleda

Estamos a seguir estes días a crónica dunha viaxe singular onde un grupo de persoas está a representar as tres institución oficiais:  un secretario xeral, representante da política lingüística da Xunta de Galicia, o presidente da RAG, que representa a institución responsable da normativa oficial da lingua galega e a presidenta do Consello da Cultura Galega, que representa tamén a sección de lingua da RAG, segundo recollen os resumos oficiais da viaxe. A fotografía non sorprende a ninguén porque o trío é tan habitual que semella inevitable.

É oportuno que a RAG estea representada nunha festa gastronómica que ten milleiros de réplicas en todo o país e representa unha política turística tan rancia e sospeitosa?

Protestei, e así consta por escrito, cando o presidente da RAG nos representou, aos académicos, na festa do cocido de Lalín, retratado entre chourizos, escoltado por unha parte da Corporación Municipal. Non houbo comunicación anterior ao plenario, todo o soubemos pola prensa. É oportuno que a RAG estea representada nunha festa gastronómica que ten milleiros de réplicas en todo o país e representa unha política turística tan rancia e sospeitosa? Non se debería ter activado un protocolo na RAG que sopesara a oportunidade de ter ido a tal evento? A miña pregunta oficial foi contestada cun telegráfico “eu penso distinto”. É respectuosa coa institución esta actitude de feitos consumados que conculca o regulamento da RAG e mesmo as mínimas normas de cortesía e convivencia? Son preguntas que, respectuosamente, trasladarei ao presidente no plenario próximo.

Non pasou moito tempo e xa temos ao presidente e secretario e directora da sección de lingua da RAG nunha viaxe a Niterói (Brasil), pasando por Silleda para comprar melindres, con fins e obxectivos que descoñecemos na institución. De calquera xeito unha proba inequívoca de universalidade!

Un titular anuncia “o plenario da Academia Brasileira de Letras ábrelle as portas á RAG”. Nada sabemos dos fins nin dos obxectivos da viaxe nin das portas que se abren porque nada se nos comunicou. Non debería haber un protocolo de representación nestas viaxes polas vilas do mundo? Todos formamos parte da procesión dos caladiños?

Nada nos informan as crónicas que se trata dunha viaxe académica onde a directora da sección de lingua impartiu, por exemplo, unha conferencia maxistral sobre a recente publicación da gramática normativa do galego que lle debe á sociedade e o presidente da RAG outra sobre un tema tan grato para el como é a hermenéutica da comunicación…

Cabe a posibilidade que a viaxe sexa de cortesía, o que non resta gravidade ao asunto non comunicalo, e neste caso xa non se trata dunha embaixada cultural onde se impartiron conferencias maxistrais; máis ben se trata dun comando turístico-cultural onde está permitido proferir todos os tópicos que comunica a prensa: que o galego é unha lingua prestixiosa, que é a orixe da gran familia galego-luso-brasileira, que o idioma nos dá identidade, que abre portas, que nos abre o mundo mundial etc. etc. Non se poderían pregoar estes lugares comúns desde Galicia? Sería algo máis económico polo menos…

Alégrome unicamente por un meu coñecido que está a facer a tese de doutoramento sobre os tópicos no mundo da comunicación periodística

Alégrome unicamente por un meu coñecido que está a facer a tese de doutoramento sobre os tópicos no mundo da comunicación periodística. O seu traballo collerá vento na vela dabondo con este pasto, que quedaría inédito se non se fixera desde a distancia ultramarina.

E todo isto sen tomar as mínimas precaucións: as casas reais para evitar un problema grave sucesorio prohiben que viaxen no mesmo voo dúas persoas da mesma dinastía en liña de herdanza directa. Pois ben, imaxinemos que de repente un malfadado accidente, que os deuses non permitan, por favor, perdamos ao presidente, secretarios varios e presidenta doutra institución. Que sería dunha cultura galega descabezada, decapitada para sempre? ¿Cantos anos tardou en resucitar o equipo do Manchester United despois daquel grave accidente padecido por volta dos anos sesenta? Sexamos prudentes, por favor, sentidiño…

Comentarios