Opinión

O agardado filme sobre Moncho Reboiras

“O capitán do pobo, o altivo camarada”. Darío Xoan Cabana

Asistimos con interese en toda Galiza ás proxección sobre a personalidade política e humana de Xosé Ramón Reboiras Noia, Moncho Reboiras, cun éxito de público merecido. A obra de Alberte Mera, director do filme, creou unha expectativa importante en todo o público traballador e nacionalista no noso país e realmente paga a pena asistir a unha proxección que non deixa indiferente ninguén.

Un documental precisa dun esforzo engadido para manter o interese e a atención. O ritmo que o director lle aportou resultou acertado, polo que ninguén pestanexa durante a hora que dura a proxección. A combinación da parte documental, as entrevistas e o relato ficcionado encaixan perfectamente como pezas dun motor ben engraxado que conducen a cumprir o obxectivo prefixado de dar a coñecer a Moncho Reboiras.

Moncho Reboiras foi un galego excepcional, un comunista e un patriota exemplar, cuxo compromiso o levou ao maior dos sacrificios pola independencia e o socialismo en Galiza. Grazas ao filme podemos acceder ás fontes directas de todo o que aconteceu ao redor do asasinato do Moncho a mans da policía española. Tamén as caídas de Xosé María Brañas, Manolo de Remesar, Marisa, Lito e outros, que sufriron terribles torturas dos aparellos represivos do estado franquista e o seu paso pola cadea, algo do que nunca foron recoñecidos polo réxime do 78.

Os comenzos da Unión do Pobo Galego e a súa posterior conformación como partido comunista patriótico de ideoloxía marxista-leninista que loitaba pola independencia de Galiza. A política organizativa e de masas que levou a conformar todo un movemento nacional popular de liberación no que se impulsou unha organización sindical de clase e nacionalista o SOG, unha Fronte Cultural co impulso dun abondoso número de asociacións culturais, a organización da loita labrega a redor das Comisións Labregas, ERGA no estudantado. A consolidación das estruturas partidarias da UPG como partido comunista e a creación dunha fronte armada que como se di no filme denominouse “Irmandiños”.

E a fronte de todo isto, asumindo unha entrega exemplar estaba Moncho Reboiras, empeñado en implantar o nacionalismo galego no seo dos traballadores para que a UPG se dotara dunha militancia proletaria que o convertera nunha auténtica vangarda comunista. E como non, asumindo as maiores responsabilidades na Fronte Armada, nun contexto de extrema dificultade e debilidade, que se superaba a base dunha militancia entregada e compartida. Reboiras non loitaba só, soubo rodearse de militantes comunistas e nacionalistas de aceiro, procurou obreiros de vangarda en Organización Obreira e en Galicia Socialista. Foi un referente para todos dende que comenzou a súa militancia na UPG e continuará a selo no futuro para todos os comunistas e independentistas galegos, unha persoa íntegra e valente que foi quen de materializar a posibilidade dunha República Galega soberana e dunha Galiza socialista, que encarna hoxe nun movemento de liberación nacional e social do que fan parte milleiros de mulleres e homes galegos.

Parabéns a Alberte Mera por darnos esta oportunidade de recoñecer e homenaxear unha vez máis a Moncho Reboiras.

Comentarios