Opinión

Volverán as searas desexadas?

Pode que os tempos negados e esquecidos, e seus concretos valores, que os silencios esmagaron brutalmente modificando con insistencia o noso modus vivendi, as mudanzas de aldea; o costumeiro de aldea tan sedimentado e ordenado pola nosa labregancia foi evocado polo renacentista Antonio de Guevara, bispo de Mondoñedo, na súa ática obra: “Menosprecio de corte y alabanza de aldea” (1539). Óptima ofrenda para reflexionar sobre o noso existencialismo rural, no que se harmonizaron tantos dons identitarios, agora destruídos e vulnerados por unha enérxica colonización que provocou mudanzas nun espazo rural como é o galego, tantas veces avantaxado e autosuficiente na súa produción agrícola, que o vemos desordenado e incapacitado polos que nos fan dependentes de mercados foráneos, ben alleo aos produtos de primeira necesidade que tradicionalmente eran orixinarios da Galiza, que fortificaron seu autoconsumo.

A invasión de Ucraína manifesta as carencias do Estado español e da súa dependencia de produtos ucraínos e rusos como son os cereais e as forzas enerxéticas como o gas e o petróleo. Un Estado que importa máis que exporta está condenado a un déficit cuantitativo e a unhas carencias permanentes que o fan dependente de países exportadores e de conxunturas comerciais e industriais que marcan o destino superior dos que producen e exportan bens a países que carecen de materias primas e de infraestruturas. Este é o adival que ata a Europa e, mesmo, o seu secuestro.

Esas materias primas que nos venden, nunha situación de dependencia, no marco dos prezos desorbitados que descompoñen a unha economía fráxil e dependente, incapaz  de responder a quen dita os prezos. Por outra banda, o goberno español tan submiso aos ditados de Bruxelas, en materia económica, baixo o baremo e as directrices da vicepresidenta económica Nadia Calviño, unha férrea aristócrata das institucións europeas. A invasión de Ucraína produce a desbandada de prezos das mercadorías; desfases de relacións polo tema do Sáhara, vemos como ese gladiador fantasma, decadente e impotente, desvanécese coas afrontas que acomete Marrocos e o gas de Arxelia, que catapultan a este goberno cara o disparate máis acedo que produce o ministro Albares, na sinistra aventura de desprestixio que se comete coa antiga colonia do Sáhara.

As guerras evidencian drásticas e severas mudanzas. A de Ucraína toma un aspecto global, no que respecta á economía e aos costes daqueles produtos dos que carecemos. Ucraína é un dos abastecedores de trigo e millo e outros símiles que o Estado español vén importando, por hoxe esa canle comercial está pechada. Hai que procurar outros abastecementos, quizais mais caros, pola subida de prezos de orixe e polos intermediarios que son o acicate de tipificar o prezo deses produtos. A denominada “España vaciada” de extensos territorios sen cultivar e completamente despoboados, continúan emerxendo efectos destrutivos para a agricultura. A desprotección produtiva, no ámbito galego, xerou ese incesante éxodo depredador para noso medio, no decrecemento económico.

A Galiza abandonada e deprimente está dentro das políticas administrativas que asfixian aos abandonados produtores. A Galiza campesiña ten territorios a ermo que foron abundantes agros de fértil produción, agora esmorecidos por falta de planificación e mecanización que as administracións autonómicas e estatais continúan negando. Aquelas extensas searas douradas e espigadas de centeo; o pan que por tradición rural foi a dieta de centos de xeracións galegas, que a seu redor creouse unha cultura que nestas mudanzas e abandonos xa non ten continuidade. Eses agros están convertidos en silveiras, toxeiras, xesteiras, etc. É tan visíbel esta desfeita que o laio da terra e de súas metáforas anuncian desastre ou o apocalipse final do noso rural. Volverán as searas desexadas?

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios