xoves 29/10/20

¡Viva el rey!

O declive da monarquía española está servido, polas súas propias indecencias: corrupcións, escándalos familiares, a fuxida do país do emeritísimo, cuxo patrocinio e ascensión foi por obra e gracia dun carniceiro ditador. Seus sucesores no trono, herdeiros e aspirantes a levar nas súas testas a espada de Democles que constantemente ameaza aos que ostentan o poder indebidamente como é o caso dos  borbóns. Neste preciso e delicado momento en que a espada de dous gumes apunta severamente sobre insidiosos e raspiñeiros comportamentos. Quen comeza a manter esa espada devastadora contra a indecencia dos que amosan o poder indebido e ilexítimo é o puño popular, corrixindo, matizando e mudando toda adherencia cinicamente constituída por incríbeis poderes ditatoriais, aos que deben seu patrocinio Juan Carlos I e Felipe VI.

O caso Urdangarín permitiu abrir as portas das grandes e decididas estratexias corruptas que desde a Zarzuela motivaron a escalada que desembocou nun escándalo notorio pola dimensión da trama xulgada e con cárcere. Os furtivos amoríos de Juan Carlos con Corinna Larsen, pagados con sesenta millóns de euros o colocan como o señor do gran prostíbulo real. Así o definiron os grandes xornais internacionais. O xefe de Estado español na picota, no mesmo taboleiro das indecencias de Fernando VII. E Felipe VI nas aventuras borbónicas, ni hierático despotismo de maltratar a Cataluña na irresponsábel discursiva ameazante dos feitos de Outubro de 2017. A imaxe da xefatura de Estado polo chan das inmundicias. Irreverencia e teimosía no odioso verbo contra os cataláns; non houbo un ton de reconciliación de sosegada neutralidade. Felipe de Borbón perdeu unha grata ocasión de pacificar a situación, así o manifestaron numerosos medios informativos internacionais. A caída foi de severa proporción, que endexamais poderá sacar o seu pé da profunda sepultura onde xa o ten.

Mal síntoma cando as suculentas voces de persoeiros da anegada extrema dereita e doutros cercos retrógrados  fanse oír ao unísono: “Viva el Rey! Viva el Rey, coño, aunque estea dentro de su tumba!” A tumba de Felipe VI da a impresión de estar deseñada por seus entrañábeis súbditos de ocasión e rango. Por esa dereita aceda que fede a franquismo. Os ecos da santa irmandade dereitista sonorizando: “Viva el Rey!” Non deixa de ser un síntoma, un presentimento que algo importante para eles esfarélase. Son as voces permanentes que están no día a día aí, espallando mensaxes das tradicións facistoides, martelando nos “valores” xerárquicos e tradicionalistas, que vén a ser a cantata: “Dios Patria y Rey”. E para nada resulta estraño que Jiménez Losantos, Cayetana Álvarez de Toledo, Fernando Sabater, Rosa Díaz, Vargas Llosa, Arcadi Espada, Rajoy, Paco Vázquez, Bieito Rubido, Roberto Blanco Valdés, José Luís Corcuera, Joaquín Leguina, García Paje, Abascal, Ayuso, Casado e un abastado número de persoeiros que intentan permeabilizar a pirámide da tradición escurantista da monarquía borbónica, que continúa en desfeita e espallándose como graos dun perverso rosario de síntomas para aborrecer. Estes apoios non deixan de ser unha óptima e obstinada credencial para converterse en sepultureiros da dinastía borbónica.       

Restaurar a República é unha débeda que temos pendente para lexitimar unha democracia avanzada que non temos; con outro perfil ben diferente ao que foi deseñada a Constitución vixente. Pola cal mídense os parámetros da democracia actual, feita á medida dos intereses financeiros e dos poderes fácticos que protexeron esa nomenclatura “democrática” tan orixinal e vinda das extravagantes liturxias do poder franquista. Estamos en débeda coa II República que frustrou o poder militar consolidado polo Bienio Negro de Lerroux e Gil Robles. Aquela II República, imperfecta e estatalista, aínda abriu canles de modernidade desde unha perspectiva da burguesía máis transformadora, en certos ambientes, cun formato transparente, orixinario do modelo democrático francés que estimulaba mudanzas para as clases desposuídas da plusvalía que producían. Unha II República frustrada por unha guerra civil que durou tres anos e cunha posguerra sanguinaria que durou corenta anos. Aquela República lexitimada popularmente foi unha esperanza de cambio. Mais tamén modelada e dominada por monárquicos convertidos en republicanos de opereta e puntuais destrutores dunha República moi debilitada por seus excesos estatais e españolizada. Neste tema é preciso ler o “Sempre en Galiza” de Castelao, onde verificamos unha serie de situacións anómalas nas que incorreu aquel republicanismo, no que respecta a súa centralización e unitarismo que non concedeu os verdadeiros dereitos as nacionalidades históricas. Actualmente renace un sentimento republicano que amplía outras reivindicación como son o tema das nacionalidades, tantas veces relegadas ao silencio.   

comentarios