Opinión

Visibilidade e pragmatismo en María Pilar García Negro na verificación sobre Emilia pardo Bazán

María Pilar García Negro aporta no seu novidoso ensaio, titulado: “Galiza e feminismo en Emilia Pardo Bazán”, da Editora Albarellos (2021), unha entrega necesaria para os galegos, que nos incumbe coñecer, partindo das pragmáticas investigacións e rigor científico ao que nos ten habituado García Negro, en súas enérxicas e doutorais pesquisas. Neste ensaio sobre Emilia Pardo Bazán, descúbrenos unha ampla diversidade de perfís e de concretos “exemplos conspicuos”, de súa dote como escritora en castelán e mergullada nas asimilacións contraídas nos ambientes sociais e político-católico madrileño. Asumindo fórmulas negacionistas sobre a identidade cultural e a idiosincrasia galega, como marco definidor das características en que se nutre e concreta a nosa personificación nacional, que dona Emilia tratou de minimizar e desprezar aspectos visíbeis do noso modo de ser e estar, ben diferenciados dos parámetros e aspiracións unitaristas concentradas nas políticas monárquica-militarista, tan conspirativas e concentradas en Madrid, onde Pardo Bazán estivo abastada de tantos dogmas absolutistas que empregou contra os diferentes, que contribuíron a dotala de sobresaínte fama e honores que os poderes fácticos lle blindaron. Como nos mostra María Pilar García Negro no capítulo inicial e nada reducionista: “O estado e a cuestión”.

Estamos ante un pormenorizado estudo profundo, no que a autora escudriña as entretelas de Emilia pardo Bazán, partindo dos conceptos que esta expresou sobre a Galiza e o feminismo, que veu a ser o epicentro deste suculento e pragmático estudo. Toda unha revelación sobre a señora e aristócrata de Meirás, aguerrida defensora de fórmulas espurias que exhibiu e programou o Estado totalitario españolista: un monarca, unha nación e unha lingua. Velaquí o triangulo trinitario en que se moveu dona Emilia. Porque de inspiración e casta víñalle á escritora de seu proxenitor, José Pardo Bazán, avogado e deputado. Defensor e propagandista da infabilidade papal, protagonizada por Pío IX, que lle concedeu o título de Conde de Pardo Bazán, tamén, pola defensa que mantivo en favor da Igrexa no parlamento, o ano da Revolución de setembro de 1869, onde postulou ideas reaccionarias contra as iniciativas desamortizadoras inspiradas polo goberno revolucionario. Nestas ofensivas eclesiais, Pío IX o investiu co título de condal en 1871.

Neste moralismo clasista e totalitario forneceuse de abruptas destemperanzas Dona Emilia, contra aquilo que non correspondía a seus valores relixiosos e de clase. Neste sentido, García Negro activa certos textos que apunta na seguinte dirección: “Non estamos ante casos isolados na novelística da escritora. O mesmo clasismo que a fai surprenderse da perfeición duns broslados expostos nunha “Exposición de trabajos de la mujer española”, organizada por unha “Junta de señoras” baixo a presidencia da Raíña: “No encantan menos las puntillas: increible parece que sean obra de aldeanas”, o subliñado é de Pilar García Negro, que engade: ...coa desenvoltura habitual, a descreber a vestimenta dos componentes dun orfeón obreiro coruñés: “Asi todos vestían, con la desmaña peculiar del obrero, levitas negras y calzaban guantes blancos”.

En varios textos de “Galiza e Feminismo en Emilia Pardo Bazán”, encontramos interesantes análises sobre exasperados desprezos a Rosalía e a seus posicionamentos populares e redentoristas, en favor das liberdades que a nosa poeta manifestou e defendeu: “Pobre Galicia non debes / chamarte nunca española”. Entre outros que, por suposto, non tiñan oco no patriotismo e no ideario esperpéntico da Condesa. Neste eido, estercado de vilipendios pola autora de “Los Pazos de Ulloa”, non reparou en espallar con ousadía  o seu credo fundamentalista tan mobilizado para menosprezar, post mortem, á dona e señora que deu azos e vitalidade ao noso renacemento literario e autoestima matricial. Mais dona Emilia estaba no parangón madrileño dos muxidores da vaca galega que alimentaban os labregos na Galiza -como sinalou Castelao nun dos seus debuxos-.

María Pilar García Negro, no capítulo: “As estremas da leira”, afonda no posicionamento das dúas escritoras galegas que, en períodos diversos viviron en Madrid asistidas e marcadas pola estremeira que demarca dúas leiras de froitos diversos e dispersos. A de Rosalía é a das labras e dos segadores que ían á meseta e ficaron nos relatos poéticos que  nos lembra en “Castellanos de Castilla”, e noutros episodios que narran o trato desigual e os vituperios que soportaron os galegos de servidume na corte centralista de Madrid, que verificamos en “El Caballero de las botas azules”. Rosalía resume o agravio e, tamén, o arrecendo da bonhomía dos traballadores galegos fora da Galiza. Mentres dona Emilia restrinxía e modulaba as esencias e manifestacións galegas, en súas diversas expresións, tratando de reducilas e ridiculizalas. 

A precisión con que María Pilar García Negro preséntanos a Rosalía e a Pardo Bazán, no capítulo: “Evocación de antano con anecdotario de hogano”, estimúlanos a ver a loita de clases e, tamén, o nacionalismo das liberdades da Galiza e, encontra posición, o nacionalismo unitarista de Pardo Bazán. Dúas visualidades opostas e encarnadas nas obras de Rosalía e de dona Emilia. E nesta dirección entendemos aos políticos con dominio nas institucións autonómicas que actualmente intentan meternos con calzador o modelo de Dona Emilia na Galiza. A reivindicación e a postura de converter o Pazo de Meirás (antiga propiedade da Condesa) en museo, biblioteca e todos os achegos posíbeis de adhesión a seu nome e ideoloxía, que encarna a vulneración da nosa identidade en resistencia contra as absorbencias tan planificadas por un Estado centralista e seus acólitos da dereita na Galiza. 

“Galiza e Feminismo en Emilia Pardo Bazán” é un libro que non deixa a ninguén indiferente, coa obstinada investigación que nos revela María Pilar García Negro.               

Comentarios