Opinión

A vergoña insolidaria de Europa

Impón a situación maltreita de centos de miles de refuxiados que buscan o seu paraíso nesta Europa insolidaria que se chama unida e democrática, cando exhibe un comportamento turbio e involucionista, con respecto aos Dereitos Humanos e ao auxilio dos refuxiados que se contempla no marco da ONU e no ACNUR (Axencia de NU para os Refuxiados) . No seu artigo 1, di: “Ningún Estado Contratante poderá, por expulsión ou devolución, poñer de ningunha maneira a un refuxiado nas fronteiras dos territorios onde a súa vida ou a súa liberdade perigue por causa da súa raza, relixión, nacionalidade, pertenza a determinado grupo social, ou de súas opinións políticas”. O capítulo 7 esclarece: “Ninguén será sometido a torturas nin a penas ou tratos crueis, inhumanos ou degradantes”. Que lexitimidade teñen estes preámbulos nesta Europa e nos Estados que a compoñen, violando o que asignaron e poñendo barreiras de arame nas súas fronteiras e reducindo aos refuxiados sirios, que foxen da barbarie bélica de todos os despotismos posíbeis e actuando cos mais estraños comportamentos de insolidariedade e con efectivos instrumentos de tortura. Repugna ver ese amoreamento de milleiros de persoas concentradas neses campos controlados por policías de choque, en situacións límite, que non corresponden á predica que lanzan os gobernos da pretendida Unión Europea, cada vez mais en desfeita, moral e humanitaria.

Estamos asistindo a unha realidade que nos leva ao cénit das degradacións humanas mais intolerábeis

Os medios de comunicación informan a diario das tumultuosas e longas rutas marítimas e terrestres de refuxiados sirios, controladas por mafias, ante a pasividade dos diversos gobernos desa ficticia e pretendida Unión Europea que, ademais, son os culpábeis de intensificar esa violencia silenciosa que se practica nesas rutas e campos de concentración, onde miles de nenos soportan o mais terríbel que lle pode acontecer a un ser humano: abandono e insolidariedade neses campos de lama; sen auga e sen os mínimos sanitarios capaces de controlar a fame e as doenzas que poden converterse en devastadoras.

Estamos asistindo a unha realidade que nos leva ao cénit das degradacións humanas mais intolerábeis. O problema dos refuxiados da guerra civil de Siria constata varios e novos factores incomparábeis con outros éxodos bélicos, como os que podemos ollar en grandes reportaxes dos refuxiados da guerra civil española, as grandes fuxidas da guerra de Katanga, Ruanda, Bosnia etc. Tráxico o que acontece coas longas marchas dos refuxiados sirios. Mentres na vella e simplista Europa a violencia cambiou de sentido, todo se amaga co silencio ou coa palabra adozada de simplismos por parte da elite política e económica.

Síntome fanonista desde aquel momento (1973) que lin o libro “Os condenados da terra”

Síntome fanonista desde aquel momento (1973) que lin o libro Os condenados da terra, de Frantz Fanon (1925-1961), en clave anticolonialista e antiimperialista. Nunca esquecerei estas liñas de impacto escritas por Fanon, sobre o que el pensaba de Europa: “Non perdamos o tempo en estériles ladaíñas nin en mimetismos nauseabundos. Abandonemos a esa Europa que non deixa de falar do home ao mesmo tempo que o asasina por onde queira que o atope, en todas as esquinas das súa propias rúas, en todos os recantos do mundo. Fai séculos que en nome de unha pretendida ‘aventura espiritual’ afoga a case toda a humanidade”. Para os burócratas desta Europa imposíbel, pode que traten de ignorar e silenciar o significado real destas palabras de Frantz Fanon. Mais para a sociedade civil, que observa tales sufrimentos, toma vixencia a constatábel insidia con que son tratados os refuxiados sirios por parte dos magnates europeos.

Nos meus anos de mocidade e de lectura revolucionaria, chegou ás miñas maos en 1972 o libro: “Cultura proletaria y cultura burguesa” de Heleno Saña, no que o autor falaba desa Europa insolidaria e capitalista, pretendida por Adenauer, de Gaulle, Bech, Hallstein. Nese catálogo redentorista, no contexto posbélico, de novo deseño burgués, Saña sinalaba que esa Europa pretendida por estes mentores da unidade, sería como un enorme campo de concentración para o proletariado e as clases desfavorecidas de Europa. O in crecendo numérico daquela Unión Europa incipiente vémolo ben avultado na Europa actual. A Europa rendida e submisa a Angela Merkel, cos seus acólitos e monifates, domina ese amplo campo de concentración europeo, onde os condenados a explotación teñen seu centro e seu asedio. A Europa inadmisíbel das grandes finanzas que ten como referencia a ese tótem idolátrico: o Becerro de Ouro, Mammon. Por tanto, o humanismo hipócrita que tanto rebole nas palabras tan soantes e tan ocas dos que dominan Europa, perfora as autenticas sensibilidades e accións humanistas dos desprotexidos (no sentido mais clásico do termo) deste enorme campo de concentración chamado Europa.

Comentarios