Opinión

A UPG, no reencontro de 50 anos

Cando un pensaba e presaxiaba que Galiza estaba en momentos decadentes e decapitada, xurdiron homes e mulleres con ideas e con capacidade de acción organizativa que non sucumbiron nen foron indiferentes coas agresións coloniais.

Cando un pensaba e presaxiaba que Galiza estaba en momentos decadentes e decapitada, xurdiron homes e mulleres con ideas e con capacidade de acción organizativa que non sucumbiron nen foron indiferentes coas agresións coloniais. Persoeiros que defenderon a dignidade do noso pobo. Hai suficientes relatos históricos que puntualizan o esforzo e as loitas colectivas, grazas a numerosos dirixentes que foron puntuais en denunciar e crear activos para tantas contundencias que recolle a crónica patriótica.

 "A protesta e resistencia fundamentaron e activaron programas e debates, capaces de crear e combater políticas integracionistas que despersonalizaban a nosa idiosincrasia".

En visibeis dificultades e decadencias polas que pasou Galiza, sempre apareceron as persoas apropiadas para dar alternativas aos problemas. Persoas que non as coaccionou o silencio nen o medo. A protesta e resistencia fundamentaron e activaron programas e debates, capaces de crear e combater políticas integracionistas que despersonalizaban a nosa idiosincrasia.

As persoas que lideraron movementos de dignidade e de liberación nacional estiveron por enriba de desánimos e decadencias, con esa dose de autoestima lexitimaron o herdo da lingua, da cultura e de ser nós mesmos na plenitude da nosa singularidade. De mostrarse capaces de resolver os nosos problemas e crear fórmulas que responden as nosas particularidades sociais e económicas. Esa presenza de persoas con ideas, combates e solvencia patriótica confirman o pragmatismo de proxectar e perfilar o país que queremos e confiamos. 

Demasiados dramas na historia de Galiza dos séculos XIX e XX. A dictadura franquista, asasinou indiscriminadamente a gran parte dos patriotas galegos; espoliou e perseguiu a milleiros de simpatizantes coa redención popular. Intentou cambiar a historia e borrar co silencio a memoria e a esperanza dos galegos. Mais no momento puntual rexurdiu unha organización de loita baixo as siglas UPG. Foi en 1964, cando aqueles mozos de Brais Pinto, en irmandade redencional, souberon erguer a palabra e crear unha organización que foi medrando, compartindo ideas, accionando valores prohibidos e desvirtuados. Comezou a xurdir a esperanza e a certeza para descubrir país. 

"Ninguén pode negarlle á UPG o esforzo aglutinador e de “petar na alma do pobo”, para crear conciencia e elaborar un nacionalismo que superou as versións do galeguismo tradicional". 

Ninguén pode negarlle á UPG o esforzo aglutinador e de “petar na alma do pobo”, para crear conciencia e elaborar un nacionalismo que superou as versións do galeguismo tradicional. A presenza ideolóxica de Castelao, no ideario da UPG, foi un revulsivo rexenerador para concretar actuacións en tódolos sectores onde existían problemas e falta de confianza para resolvelos. 

A UPG, como organización clandestina, ten no seu inventario o drama da represión que se cuantifica con mortos, encadeados, desterrados e exiliados. Isto evidencia o compromiso de loita, de ter vontade por esclarecer país e crear un movemento de masas que se manifestou na ANPG e, mais tarde, no BNG. 

Na UPG houbo contradiccións internas e de liderato, unhas veces superadas e outras con graves disidencias e rupturas. Mais a historia nútrese de feitos concretos e a Unión do Pobo Galego abriu en 1964 un tempo novo nunha terra asoballada. Seus actos e efectos foron positivos, aínda que moitos o neguen. Isto é verificábel nos 50 anos de historia. Os galegos non podemos ignorar a unha organización que tivo peso e marcou os tempos en non poucas presenzas de loita reivindicativa, nun escenario de revanchismos e ortodoxias tipificadas nos que combaten o nacionalismo e nos que fan demagoxia coa mentira cando repudian a evidencia. 50 anos de historia pesan para reencontrarnos coa realidade e sacar conclusión, desde unha óptica de neutralidade. 

Comentarios