Opinión

Ucraína: a espiral no labirinto (I)

Ucraína, nos lances e designios de seu movemento en espiral e no acatamento defensivo de súa propia historia e dignidade. Contundente oposición liberadora fronte ao ímpeto da masacre, nas interioridades do labirinto ruso; dos sátrapas zaristas de antes e das crueis e sanguentas  incertezas que Stalin proferiu en Ucraína e agora Vladímir Putin, o cultivador de todos os apéndices totalitarios do imperialismo e do nacionalismo egocentrista ruso no deseño da súa expansión. Putin é un esforzado sobrevivinte e imitador desas odiseas da  tenebrosa Rusia imperial e stalinista. A actual intervención bélica encaixa neses persoeiros que emerxeron dun espazo cultivado polo poder que humilla e desterra aos que procuran dignidade e solidariedade. Neste escenario, convén percorrer e identificar a grosso modo, os tres grandes períodos da historia de Rusia, baixo as conquistas imperialistas dos zares; a revolución bolchevique, en súas máximas comprensións polo internacionalismo do proletariado e a liberación dos pobos, sendo instrumentalizada por Stalín, na Segunda Guerra Mundial, cos seus avances vitoriosos cara Berlín, integrando a todos eses países do chamado “Pano de Aceiro”, integrados polo dominio omnímodo de Moscova. Utilizando represións de abastada contundencia, ao estilo da antiga ordenanza zarista. E máis tarde repetido en países como Hungría, Checoslovaquia e Afganistán. O terceiro e actual período histórico o constitúe o derrube da URSS. Mais o novo desorde o propician persoeiros ben nefastos que falaban de democracia, que procedían dos aparellos comunistas como Borís Yeltsin e Vladímir Putin, axente do KGB. Creando un novo ordenamento con ditames burocráticos e imperialistas utilizados por zaristas e stalinistas. O despotismo actual ruso leva en seu ADN eufóricos comportamentos asasinos daquela Rusia de tempos pretéritos que exhibiu un nacionalismo-populista, descabezando nacións como a actual Ucraína.

O despotismo de Putin coloca a Rusia no desuso da liberdade e da democracia que aspira  a cidadanía, cando se ve emporcada nas máis vetustas e miserábeis persecucións de homosexuais, de opositores a seu persoalísimo réxime e desprezando os Dereitos Humanos con distingo represivo. O seu poder radica nunha oligarquía que nos remite aos vellos tempos de Catalina a Grande e de seus sucesores. Velaquí a un deteriorado persoeiro, apetecido e involucrado en atropelos flagrantes do dereito internacional. O belicismo “nazi” de Putin en derrubar a soberanía e independencia de Ucraína permite observalo desde estes matices. Terxiversando a historia, con apelos ao nacionalismo da grande e eterna Rusia. Este é rol agresivo de Putin, na recolla de comportamentos imperialistas da Gran Rusia, contemplando aquel escurecido e tiránico herdo.

Fronte a estes desafíos do gran imperio ruso que pretende consolidar Putin, despois do desmantelamento da Unión Soviética, flúen as ambicións xeopolíticas dos Estados Unidos tomando posicións na ampliación da OTAN, nos antigos países do “Pano de Aceiro” no que incidiron países que foron invadidos tradicionalmente polos zares e o stalinismo, como Polonia e Hungría, alentados pola interesada precipitación da Unión Europea, no que respecta ao macro-economicismo de ampliar os seus mercados en diversas áreas de influencia económica e armamentista. Alegando ás ambicións do antigo nacionalismo ruso, que conflúe no novo ordenamento putiniano sobre as novas fronteiras das que xa tiñan saído da desaparecida Unión Soviética. Fixando as alarmas en diversos puntos e enviando un decidido aviso a Occidente fronte á súa intencionada expansión. Putin e seus burócratas acolléronse con decisión ao res non verba, e de facto produciron esa primeira colisión en 2014, en que Putin enguliu territorios ucraínos. Deixando aos Estados Unidos e a seus aliados de Europa bastante atrapallados ante a trasnoitada e indixeríbel decisións bélicas do Kremlin. Ese foi o preámbulo dialéctico desta guerra en que Rusia impón a súa dureza ante a confusión da OTAN e da UE, que se repregan en ameazas marxinais. Así continúan invocando os inoperantes bloqueos económicos co fin de deitar réximes opostos aos intereses norteamericanos e seus aliados,  que só serviron para aumentar o empobrecemento da poboación deses países que dicían liberar. Mais non propiciaron a caída ou o cambio de réxime. De nada serviron os bloqueos de Cuba, Irán e tantos outros países. Co gran potencial da Rusia atómica acontecerá a mesma repetición. As súas materias primas, poderosamente demandas por Europa e, mesmo dependente  dese celeiro de produtos dos que mesmo os europeos abastécense.

A actual confrontación bélica de Ucraína, nada convencional por parte e Rusia en súa liturxia exhibicionista, na que conflúen sacralizados tótems que expresan eses antigos símbolos guerreiros que a Rusia de Putin dixire e practica. A titánica loita dos pobos que queren constatar a súa liberdade, a súa autoestima e pór de manifesto a súa lealdade á independencia e á soberanía, manifestan prodixiosos exemplos como os que manifesta Ucraína, dunha maneira rotunda. A última expresión de liberdade é a que estamos asistindo no abatemento Kiev. Esas avalanchas de cidadáns insurrectos, de gaveleiros armados de insuficiencias, que son capaces de enfrontarse ao gran ditador e á súa farsa depredadora. Verificamos nos insurrectos de Ucraína que “o pobo é o que mais ordena”. É verdade que Ucraína está nun mosaico de intereses moi perigosos, entre os que representa o imperio ruso de Putin, fronte aos USA, OTAN e CE, noutros escenarios e comparecencias bélicas moi perigosas.

Comentarios