Opinión

Ucraína, doe e supura

A titánica loita dos pobos que emerxen e erixen a súa liberdade, a súa autoestima e pór de manifesto a súa dignidade e lealdade a ser independentes e soberanos, son merecentes dun apoio solidario sen restricións. Hai moitos exemplos prodixiosos que se manifestan dunha maneira rotunda e determinante na historia defensiva dos pobos libres que non se deixan subxugar por tiranos. O visíbel intento de dependencia por parte do vetusto e sátrapa Vladimir Putin e seus monifates, constatados sanguinarios que cernan vidas neste cruento xenocidio polo que está pasando a cidadanía de Ucraína. A resistencia de Kiev e doutras cidades devastadas, coa súa vangarda de cidadáns insurrectos e defensores  armados con deficientes operativos, son capaces de frear ao exército invasor ruso e desfacer a súa farsa potencial e criminosa. O mundo verifica nos defensores da patria ucraína que “o povo é o que mais ordena”. Cumprindo a antiga vocación de Zeca Afonso; cumprindo a vontade popular de ordenar as cousas mais sensíbeis que lle toca organizar a unha sociedade empeñada na súa liberdade. É verdade que Ucraína está nun mosaico de intereses económicos e bélicos moi perigosos, entre os que representa Rusia, a Comunidade Europea con EUA e o propio medo de todos...

A coraxe individual e colectiva da sociedade ucraína deu mostras, através da súa historia, de estar moi atenta aos ecos defensivos da súa nación, tan cobizada e dividida por seus estremeiros veciños. Remato de ler unha novela que desvela a coraxe e o confronto ante os temores consabidos que ameazan a individualidade de Ucraína. Un relato sobre unha muller, Baba Dunja, que despois da catástrofe de Chernóbil, decidiu ficar naquel espazo pregado de radioactividade. A novela titúlase: “El Último Amor de Baba Dunja”, da autoría  de Alina Bronsky (Ekaterinburgo, Rusia, 1978). Tres Puntos Ediciones (2021). A catástrofe de Chernóbil, ten diversos indicadores de permanencia existencial para Baba Dunja e para os novos veciños que ela acomodou. As circunstancias insólitas desta muller viúva están repletas de solidariedade, en súa idade abastecida de anos que non a dobregaron. Posiblemente este persoeiro de ficción encarne a actual sociedade ucraína que dá visibilidade as súas loitas, resistencias e conquistas. O escenario en que se move a vida de Baba Dunja en Chernóbil, no centro da catástrofe e da desesperanza, emerxe vitalidade sobrehumana fomentando coraxe, forza e valentía para reconstruír un espazo mórbido, onde seus habitantes morreron e outros emigraron completamente desmobilizados.

Alina Bronsky, revela nesta novela varios puntos de inflexión en que se moveu a política inmobilista rusa neste escenario xeográfico. Mama Dunja, en súa meditación construtiva, subliña: “Moita política en Ucraína, en Rusia e nos Estados Unidos. Claro que a política é moi importante, mais a fin de contas depende dun fertilizar as patacas se queres comer puré”. Estes refachos de sentido común, colocan a Bronsky nunha das autoras que se posiciona na tradición humanista dos grandes escritores rusos, críticos puntuais sobre a situación límite da sociedade rusa de diversas épocas, como é o caso explícito da escrita de compromiso de Lev Tolstói, no seu libro: “Contra Aqueles que nos Gobernan”. Os recursos literarios da escritora Alina Bronsky, ofrecen un enorme despegue da realidade conmovedora e de “Unha profunda humanidade no medio do abismo radioactivo” (Kirkus Review, dixit). Ese humanismo desbordante que despega a protagonista da novela, Baba Dunja. O accidente nuclear da explosión e destrución masiva das plantas radioactivas de Chernóbil, o 26 de abril de 1986. As mortes e os fuxidos que produciu este accidente en Ucraína, nesta narración hai claves e lecturas que veñen a ser un anticipo das circunstancias agresivas e bélicas que Putin realiza coa invasión actual de Ucraína. Como a que sinala Baba Dunja: “Hai días en que os nosos mortos atropélanse uns a outros na rúa principal”. Esta é realidade que doe e supura na actual Ucraína.

Comentarios