Opinión

A traxicomedia da Semana Santa

Persiste a vella atracción polos espectáculos sombrizos e sanguinarios, nesta vella Iberia de pel de touro. 

Persiste a vella atracción polos espectáculos sombrizos e sanguinarios, nesta vella Iberia de pel de touro. Unha obsesión polo macabro e por todo o que transcende da traxedia seudoclásica. A liturxia e o clamor horrendo exaltan composturas tétricas unha vez ao ano, cando baixan dos retablos das igrexas unha serie de imaxes de cristos e dolorosas para exhibilas ante tumultos, por rúas e prazas. 

O escarnio é benvido e asumido na exaltación de tantos acomodos dunha ortodoxia que evocou sangue de martirio e cheiro de traxedia. Neste sentido, a comedia ten outros apelos de dominio e sacrificio que transcende desde a beatífica sangue dos primeiros mártires pola causa da Igrexa, para transcender cara outras causas do poder dominante que xustifica guerras e dar todo o sangue polas patrias. Ese todo fica acubillado na conservación dos poderes dictatoriais que sempre precisaron da adulación e do sacrificio da peonada popular.

A este pobo irredento sempre se lle inculcou a prédica obsesiva dos mártires, como bo exemplo de Cristo, en imaxes que fomentan unha emoción de traxedia e culpabilidade. Así medrou a entelequia devastadora, promovida pola anguria desas imaxes de cristos tétricos e agoniantes, para conmover a seres fráxiles e de fe remota e simple; indefensos que aceptan a eses cristos, ferozmente dobregados pola dor, pendurados nun madeiro e pola dimensión tétrica que ofrece esa policromía de sangue que a coroa de espiñeiro fai brotar da fronte, do costal alanceado e de maos e pés cravados. Estas expresións de martirio abren ferida sen cicatrizar en almas espidas e identificadas con esa iconografía que propicia a exaltación do sangue e da barbarie.

Resentimentos e rebeldías que foron aplacados coa mística intransixente feita á medida de persecucións  inquisitoriais, onde o sangue buliu a cachón

Eses cristos tan elementais, de procesión de Semana Santa, e tan confraternizados con aquela España escuálida que menciona Antonio Machado, que nos remite a tanta miseria humana. Resentimentos e rebeldías que foron aplacados coa mística intransixente feita á medida de persecucións  inquisitoriais, onde o sangue buliu a cachón. Esas imaxes  expresan, nese barroco xesuítico, unha carga psicolóxica, para perpetuar e exercer un dominio que se configura no ocultismo do sagrado. Todo un esperpento groseiro asumido nas catedrais e nas corridas de touros. A carraxe inflamando o ego das multitudes, dunha maneira irracional e asumindo o papel de traxedia para matar e ser matado, ao mesmo tempo, entre cristos e touros.

O noso grande sabio, o Padre Sarmiento, comparou a gran traxedia dos cristos inmolados co asasinato dos touros, onde o pobo interveu na orxía da morte. Ao respecto, dicía Unamuno: “Se mata al toro como un buen cristiano español de los buenos tiempos mataba a un perro infiel, de veras”. Pode que estas figuras nos leven a detestar de nós mesmos, a humillarnos e ser pasivos ante as falcatruadas dos poderes políticos e relixiosos, aos que se lle rende veneración.

Todo ben diferente ao que os Evanxeos formulan sobre Xesús de Nazaret. Demasiados intérpretes dun fundamentalismo que nada ten que ver coas esixencias dunha nova era racionalista e pensante 

Ante estes cristos crucificados, deles amo a arte que enxalza a creatividade da forma escultórica. Aborrezo a irracional doutrina de desprezo que se reivindica nese corpo degradado e flaxelado como imitación a seguir. Atráeme a iconografía que exalta a ese Cristo resucitado, transfigurado e ascendido. O vigor e o enunciado severo e sereno dun pantocrátor fraternal que proclama a súa idiosincrasia: “Ego Sum, Lux Mundi”.

Mais, certo cristianismo partillou a luz evanxélica en mil e un invento que propiciou desfeita e desprezo polo ser humano. Todo ben diferente ao que os Evanxeos formulan sobre Xesús de Nazaret. Demasiados intérpretes dun fundamentalismo que nada ten que ver coas esixencias dunha nova era racionalista e pensante. Contundentes apostasías configuraron un cristianismo que creou unha imaxe tétrica, dun Xesús que non corresponde co texto evanxélico

A agonía de Cristo, tan reiterativa e reservada para as grandilocuencias das procesións de Semana Santa, vén incrementar a agonía dos excesos doutrinarios do cristianismo, como moi ben interpretou Miguel de Unamuno: “Y así, el cristianismo, el verdadero cristianismo, agoniza en manos de esos maestros del siglo. La pedagogía jesuítica es una pedagogía profundamente anticristiana”. E continúa o desatino. 

                      

Comentarios