Opinión

Teresa Pàmies na procura de Rosalía

Estamos en vésperas do 24 de febreiro. Data para lembrar e conmemorar o 185 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro. Un día que marca e aumenta a memoria para o pobo galego. Cada ano que pasa, dita conmemoración ten un alto nivel de participación ascensional nas achegas e descubertas da súa persoa e obra literaria. Infinidades de suxerencias toman unha dimensión estelar de recoñecernos en torno de Rosalía, proclamándoo dona e señora da Matria galega. 

A escritora catalá, Teresa Pàmies (1919-2012), teimou nunha severa rebusca e procurou a Rosalía por eses roteiros composteláns e doutros espazos galegos polos que a nosa escritora transitou. Dese diálogo, Pàmies publicou en 1982 o seu libro en catalán: “Rosalía no hi era” (“Rosalía non estaba alí”, tradución galega de Andrés Xosé Pociña López, publicado por Ediciós do Castro (1996), do que transcribimos algúns parágrafos). As investigacións de Teresa Pàmies en torno de Rosalía convértense en necesarias para  visibilizar, desde Cataluña, os intereses reivindicativos da Galiza expostos na obra de Rosalía. A contribución de Pàmies, aporta un relato conmovido, cando se encontra con  Rosalía en San Domingos de Bonaval, sinalando: “Moitas cousas se quería facer perdoar a burguesía galega propiciando unha homenaxe que o pobo e a intelectualidade avanzada sentían sinceramente. Trataban de eclipsa-la claridade que irradiaba dun poeta social que seguía o camiño de Rosalía cunha lírica máis vigorosa. Todo lle era perdoado a Rosalía: a súa condición de filla bastarda, o seu inconformismo, a súa coraxe de muller nun mundo de homes prepotentes e arbitrarios”.

O poeta de Celanova non foi un epígono de Rosalía. Curros admirou de gran maneira á nosa poeta nacional e con ela a Pondal. Os tres figuran como os pilares do Rexurdimento literario galego de finais do século XIX. Rosalía e Curros tiñan esa complicidade defensiva fronte aos que aportaron decadencia para Galiza. “Follas Novas” e “Aires da miña terra”, publicadas no mesmo ano de 1880, coinciden nesa denuncia cos problemas tan localizados como é a emigración, a fame, os trabucos, a guerra, os excesos do poder caciquil, o abandono das terras, a evocación e a defensa do noso idioma, etc.

Teresa Pàmies relata, en son de crónica, a súa vivencia en sosego en San Domingos de Bonaval, ante o mausoleo de Rosalía, reparando en detalles rosalianos e alimentado  sentimentos e valores que defendeu Rosalía. Ese silencio intimista que mantivo Teresa Pàmies ante o sepulcro de Rosalía, foi interrompido polo esforzado vixiante do recinto que se esforzaba en dar seus pareceres  sobre a autora de “Follas Novas”, falando en castelán e alleando a fala de Rosalía. A crítica de Pàmies sobre esa postura de falar a lingua invasora, ten unha parte pedagóxica e outra de denuncia, a ter en conta o problema de desnaturalizar o idioma galego, sinalando: “O vello vixiante latrica nun castelán precario, tan precario que lle fai falta a súa lingua para explicarse”. A conciencia defensiva dunha comunista e internacionalista como Teresa Pàmies, esposa de Gregorio López Raimundo, Secretario Xeneral do PSUC, e sobresaínte defensora do idioma propio de Galiza. Porén, estaba integrada nas raigañas e atributos da idiosincrasia catalá, a todos os niveis de inclusión, era natural que a súa actitude defensiva non fose allea á lingua de Rosalía.

Pàmies sentiuse moi conmovida polo traslado dos restos de Rosalía do cemiterio de Adina para o mausoleo de San Domingos de Bonaval. Retomando aquela homenaxe e traslado como un acto interesado, conveñen as seguintes palabras de Teresa Pàmies: “Non se pode dicir que Rosalía de Castro sexa unha descoñecida polo seu pobo. Con todo, cada clase social, cada sector da poboación instruída (progresistas, conservadores e reaccionarios) tense apropiado de Rosalía para leva-la auga ó seu muíño. Uns exáltana pola súa tenrura, outros pola súa “lucidez”; utilízana para nutrir un galeguismo beato ou invócana para denunciar inxusticias sociais que se eternizan. Rosalía venlles ben para louvar á muller resignada na desgracia e no abandono, e tamén para infundir rebeldía as resignadas. Rosalía é unha poetisa que soamente Galicia podía dar”. E tamén entendela en seus significados sociais, como é o caso do poema: “A xusticia pola man”. A efectos patrióticos e anticoloniais, como ela denunciou: “Pobre Galicia, non debes chamarte nunca española”.

No interese manifestado por Teresa Pàmies, salienta simpatía e compromiso pola Galiza agraviada e maltreita polo centralismo de Castela e dos catolicísimos Isabel e Fernando, os que instalaron a “Doma y castración en el Reino de Galiza”, -no dicir do cronista Jerónimo Zurita-. Mais tarde, sucumbe Cataluña e Euskadi. As tres nacións diferentes de Castela, pola lingua e outros atributos mutilados, que novamente emerxeron e están florescidos. Galiza soportou catro séculos negros; a nosa identidade e herdo foron negados. Mais o século XIX trouxo o Provincialismo de Faraldo, o Trienio Liberal, o republicanismo e rexionalismo. E Rosalía estaba alí, conformando ática autodisposición para erguer ese enorme monumento que é o Rexurdimento literario e político, mantendo unha postura fundamental no espertar e lexitimación  da nosa Matria.

Comentarios