domingo 27/09/20

Teletraballo

As distancias laborais mudaron, adquiriron novas connotacións. Hai tempo que os sociólogos e outros observadores do mundo laboral ven factíbel o teletraballo nun futuro nada lonxincuo. Un modelo adecuado a un presente de moitas reservas que o coronavirus veu a constatar a súa funcionalidade, poñendo en resgardo a millóns de traballadores de áreas moi concretas, sobre todo da función pública, que veñen desenrolando o labor desde o seu domicilio, con aceptábel rendemento e eficacia, sendo mais operativos que desde outros espazos mais piramidais e burocratizados. Aínda que en menores casos e dunha maneira independente, o traballo a distancia xa se viña executando, non deixaba de ser especulado con certa prevención de resultados suficientemente verificados. Mais non dunha maneira reguladora e de inserción que favorecera a persoas dependentes con fillos en etapa escolar. E a persoas con problemas de mobilidade que teñen que desprazarse, utilizando distintos medios de transporte público.

O traballo a distancia facilitaría unha ordenación coherente con outro modelo diferente de xestión, onde os axentes laborais serían mais precisos e menos precarios a dispor duns concertos en que a oferta e a demanda laboral teñen o deber de ser precisos para eliminar non poucos atrancos e dar maior mobilidade ás traballadoras e traballadores en espazos de produción mais activos e sen os asedios que perturban a non poucos traballadores. En algúns países nórdicos de Europa concedeuse certa permeabilidade a centros que optaron polo teletraballo con rendementos satisfactorios, debido a unha reducida tensión que moitos traballadores soportaban depresións e acosos laborais.

O teletraballo eliminaría millóns de reunións de executivos e desprazamentos de alto coste en todo o mundo. Xustificando novas estruturas e condutos que a tecnoloxía informática pode dispor de maiores frecuencias e modalidades que xa están aflorando e repercutindo nas nosas relacións laborais, e con capacidade de explorar outros campos da comunicación. Se contémplanmos a centos de persoas que viaxan cada día de Barcelona a Madrid e viceversa, no Ave a na ponte aérea, vira o momento que fiquen diminuídos cando as xestións comerciais e financeiras e outras, sexan activadas por videoconferencias e o teletraballo, sexa unha experiencia que esixa a norma de vencer distancias alén das que existen. Para efectuar este cambio imponse unha infraestrutura de alto nivel tecnolóxico que produza consistentes cambios mentalidade e de adaptación. Onde os ministerios de ciencias e as universidades, a nivel mundial, teñen un papel importante a desenrolar as súas inventivas. A aposta científica e a inversión que o Estado empregue na súa actualización e planificación de estar ao día en concretas belixerancias, que as actuais mudanzas obrigan a ditaminar avances e ritmos no sistema laboral que cada vez máis dependen da tecnoloxía e da inversión que os axentes beneficiarios resolvan a eficacia das empresas.

A covid- 19 veu a acelerar o proceso de cambio que estaba conxelado en países moi conservadores en protexer as normativas tradicionais no ordenamento do laboral e produtivo, descoidando concretos operativos e escenarios de estratexia laboral. A eficacia e a rapidez tecnolóxica e informática dos países avanzados, das grandes potencias industriais, deixan en retroceso a nacións retraídas noutras tecnoloxías e relacións laborais nada operativas fronte aos novidosos adiantos que o modelo informático obriga a ser coherentes coa mudanza e ser mais competitivos. A actual pandemia manda sinais de non recluírnos no pasado e crear un novo estilo de cambios sociais e económicos, abastecidos de estímulos de xestións máis operativa e participativa en que os produtores e as empresas abandonen anticuadas desconfianzas perversas que practicaron uns en detrimento dos outros. A pesar de que a loita de clases está vixente e operativa, non podía ser doutro xeito, cando a clase dominante nega esta realidade e xustifica que a plusvalía é un maná que cae do ceo e nada ten que ver cos traballadores, posiciónanos mesmo no centro do conflito. Pese a isto, é preciso crear confianza e amparar un espazo temporal que traia consigo cualificadas mobilidades estruturais, alterando o antigo espazo tan separador entre o produtor e o que se apodera do seu traballo integral.

Posiblemente as mudanzas que se aveciñan determinen un liderato compartido e con capacidade de escoitarse e entenderse para deseñar un compendio de temas que acaden fluidez en calquera sector produtivo. Isto liberaría a moitos empresarios de ser vítimas dunha mentalidade e dunhas posturas alienantes contra traballadoras e traballadores que soportan cargas emocionais, contraendo fatigas e depresións laborais. En frecuentes casos o produtor laboral aínda está baixo un sistema solapado e totalitario, do cal ten que ser cuestionado e revisado de cara a súa eliminación. Chegou o tempo de normalizar novas modalidades de xestión, articuladas por especialistas procedentes de diversas asociacións e organismos do mundo laboral, onde os seus representantes sindicais teñen moito que dicir, moito que negar e bastante que reducir no que se refire a anquilosamentos múltiple que predomina en organismos empresariais que, sistematicamente, impoñen comportamentos agresivos contra de “ordeno e mando”, á vella usanza.

Neste proceso en que “Mudan-se os tempos, mudan-se as vontades”, a covid- 19 veu acelerar procesos e modificar estamentos e procedementos que implican a toda a humanidade a cambiar de hábitos e de rol, en todo o que respecta ás emerxencias económicas, sociais, tecnolóxicas, culturais, artísticas e, por suposto, ás laborais. Unha verdadeira revolución que vai a depender das predisposicións e dos reflexos que teña ese recambio xeracional que aposte por outros valores éticos e desprenderse de hábitos perversos. Todo un desafío contra as precariedades e vulgaridades fomentadas pola clásica elite burguesa. Estamos no inicio dun grande paréntese que a ninguén vai deixar indiferente. Todos estaremos implicados, directa ou indirectamente. Un cambio social e produtivo, nada ausente do imaxinario das persoas que o anhelan optar pola innovación en tódolos sentidos.

comentarios