Opinión

Superar insidias no nacionalismo galego

"É verdade que o nacionalismo actual, está noutra fase, noutras prioridades e noutras incontinencias distintas que nos obriga a facer camiño comunitario".

É indiscutíbel, o proceso histórico do nacionalismo galego de hai cincuenta anos para acá tivo varios procesos de crecemento, froito dun debate permanente sobre a realidade do noso país, que consolidou unha ideoloxía e unha ética que propiciaron un amplo análise sobre as deficiencias sociais, económicas e culturais que aínda soporta a Galiza de hoxe.

Non foi fácil consolidar unha forza que movimentase toda unha acción que culminou a presenza dun movemento de masas, capaz de configurar dous elementos básicos que priorizaron o tema nacional e o tema de precariedade existencial. O noso nacionalismo foi concibido como defensor da nación e protector da clase traballadora, de labregos e mariñeiros. Acto único para permanecer na nación que fixo posíbel a clase de traballadores do campo e do mar, os desherdados que crearon riqueza e cultura, que posibilitaron manternos nunha conciencia dinámica de redención. Este é o fundamento do noso nacionalismo solidario. Esta é a base de continuar o traballo que iniciaron fai cincuenta anos aquelas mulleres e homes que crearon organizacións e deron pulo a unha toma conciencia que desembocou en non poucas e heroicas loitas que procesa a historia de medio século de contundencias cívicas e solidarias.

"Estamos no deber de procurar fidelidades para superar erros e buscar concomitancias para agrandar un proceso que foi descubrindo nación"

É verdade que o nacionalismo actual, está noutra fase, noutras prioridades e noutras incontinencias distintas que nos obriga a facer camiño comunitario, para reparar en común ese camiño cheo de pedras que nos tenden e nos fan caer ou dividir. É preciso estar alerta, ter unha lectura pragmática do que acontece actualmente no Estado español, no tema do soberanismo e da chamada crise económica, mais falamos moi pouco da crise de roles sociais e culturais que, a nós galegos, nos afecta dunha maneira moi sensíbel, cando vemos unha parálise nas institucións autonómicas, co fin de facernos mais dependentes desa homologación que está practicando a dereita españolista.

Estamos no deber de procurar fidelidades para superar erros e buscar concomitancias para agrandar un proceso que foi descubrindo nación e pode que na actualidade estea dando un espectáculo de ir á deriva; de estar potenciando confusión, tanto nos medios de comunicación como erguendo a voz sinistra contra o que fai pouco considerou irmán nacionalista e camarada. Hai que axuntar vontades para superar a verdade individualista e sectaria duns que contrarian aos outros e viceversa. Nestas intransixencias nunca chegaremos a construír o país desexado, por uns e por outros.

"Hai que axuntar vontades para superar a verdade individualista e sectaria duns que contrarian aos outros e viceversa. Nestas intransixencias nunca chegaremos a construír o país desexado, por uns e por outros" 

Os nacionalistas temos o deber de superar eses refugallos existentes cunha dose de infantilismo pequenoburgués que parece que se reproduce neses ecos insultantes que desexan tódalas pestes do mundo á organización nacionalista A, e esta á B. Cando unha delas ten unha adversidade a outra está pendente de erguer a voz ou escribir tódolos vituperios e chamar por tódolos fantasmas posíbeis para que o acompañen a denigrar. Nesta dirección, se non somos capaces de baixar a tensión e ter como norte a unidade, o que estaremos facendo é suspender o bo ritmo dun traballo serio que ten idade e capacidade de dar froitos ou, polo contrario, estaremos dando vantaxes, coas nosas divisións dialécticas, a quen desgoberna o noso país e o inflama de raquitismo.

Nestas circunstancias, convén madurecer para non ser estáticos e non actuar con esa inflexión primitiva que en moitos se manifesta. A verdade absoluta de uns, fronte a de outros fainos mais precarios e intelixíbeis. En política, o que se apraza por diverxencias ten un costo moi elevado. Como a capacidade política dun determinado grupo ou movemento, determínase polos votos, compre estar atento ao que opina o votante. Neste sentido, podería ocorrer que o votante nacionalista, que entende moito de vontades recíprocas e de rebaixar tensións, esgrima a negativa de voto para traer ao rego aos discrepantes.

"A verdade absoluta de uns, fronte a de outros fainos mais precarios e intelixíbeis. En política, o que se apraza por diverxencias ten un costo moi elevado"

O irmán maior dos poetas galegos, Manuel María, sempre insistía que o gran problema de Galiza era a de non tentar normalizarnos. Normalizarnos implica moitas reflexións, unha delas é a de non abrir fendas ou crear ichós para que o noso imaxinado inimigo fique desnortado. A mellor arma para combater a desunión é a coherencia e a confianza nun diálogo pleno e relaxado. A palabra pertinente é a que nos pode traer ao rego para realizar arada comunal.

Comentarios