Opinión

O silencio da voz, entregándose a Vox

Os silencios son caprichosos cando non deixan de selo para os que se refuxian neles e ceden a palabra a sincréticos autoritarismos. Por tanto, autosilenciarse colectivamente ten as súas consecuencias. Se nos silenciamos e non poñemos voz de disidencia aos problemas colectivos que nos afectan estaremos colaborando cos que relativizan problemas claves que nos afectan ou renunciamos a debater e loitar por procurar solucións a graves problemas. O silencio é moi pernicioso, cando un cede a voz propia para que fale por un o integrismo. Acostumámonos á vida inmediata programada e á improvisación. Cando un perde os valores que potencian a autoestima persoal e renuncia á súa propia voz, un comeza a banalizar o mais importante da súa expresión e remata aceptando esa caricatura deforme, considerando que o seu disfrace é o máis adecuado para persistir nun novo hábito no cal se atopa cómodo e, quizais, imprescindíbel.

E nese disfrace minimizado, o individuo castrado e colonizado non deixa de dicir que a liberdade e a democracia é un mal que hai que extirpar dunha maneira xusticeira e brutal, como o que fai un exorcismo sanguinario. O da caricatura perversa coida que é xusto criminalizar o diferente cando persiste en potenciar a súa propia cultura, a súa lingua e a súa tradición. En definitiva, a súa propia identidade. Levando a súa preeminencia autoritaria a agravar temas tan miserábeis como é a catalanofobia, a galegofobia e a vascofobia. A concepción do único e do uniforme incrementa a fosilización de conceptos libres e dinámicos; destrúe os que pretenden ter voz propia e manifestar a súa esperanza de vivir comunalmente libres. Velaquí a ultradereita sentenciando e anunciando catastrofismo en súas propostas de ilegalizar e suprimir a quen non pense como eles. O peor deste escenario é a representación de actores do circo político actual que alimentaron esa traxicomedia, na que estamos ancorados nese extravagante ridículo que espanta calquera espectador.

O silencio é moi pernicioso, cando un cede a voz propia para que fale por un o integrismo

 

E neste drama de malos e absurdos actores, destapouse o espantallo vivente e andante en súas insidias prepotentes e misóxinas que tentan que as mulleres sigan sometidas ao xugo da vinganza, desclasificadas da súa loita de xénero; continuar marxinando as que teñen un salario desigual e unha desprotección fronte aos abusos e despotismos machistas. A marxinación social das clases mais desprotexidas, catalogadas baixo varias categorías de pobreza existencial e apresadas polo desemprego, desafiuzamentos que os poderosos e banqueiros veñen protexendo a maior estafa que fan cos mais débiles, co consentimento e a pasividade dos actores políticos: monicreques no taboado do circo esperpéntico que toleran a criminalización dos mais desposuídos. Estas e outras desproporcionadas mobilidades de desorde social foron abrindo oco aos extremos mais ameazantes do inmobilismo fascistas. Dentro dese inmobilismo hai unha precoz mobilidade racista contra o outro, o diferente. Os espoliados emigrantes, reducidos a numerosas marxinacións, ven vulnerado os seus dereitos e sendo vítimas do menosprezo de calquera código ético e social que os protexa.    

Con respecto á ascensión dunha nova e macabra orde, dicía no meu artigo: “O fascismo emerxente” (25-10-2018) publicado neste medio: “A ascensión de Donald Trump á presidencia dos Estados Unidos, co seu populismo e reclamo cara ao pasado “glorioso” do Imperio, agora en desfeita, coas accións violentas e cos excesos sen causa, está feita de “actos estéticos” que exploran receptividades para descubrir actores que defenden o culto ao Fascismo”. Non só é o culto senón a participación desafiante e violenta dos que tratan de eliminar as institucións democráticas, tan débiles e con dirixentes tan repregados e ensimesmados en seus propios erros e vicios. Aqueles que proclamaban odio: “A por ellos”, cederon a súa individualizada voz a Vox, que a recolleu para xustificar seu delirio separador. 
          

Comentarios