Opinión

A semente, a árbore a froita

A reflexión que empreguemos sobre un libro e o seu contido mais mediático, en seus  variados contextos, no que se explican as incontinencias dun pais antigo, con rexa historia, dinámica cultura e lingua que perfila e amamanta nación: noso máximo patrimonio monumental, que os galegos levamos con nós e nos identifica como diversos, froito do herdo que vertebrou a nosa identidade comunal-nacional. O libro: “A semente, a árbore, a froita”, publicado por Xerais, está clasificado como lectura de crónica. Mais introdúcenos en diversos temarios, capaces de mobilizarnos e de levarnos á persistir e afondar nos resplandores que iluminan o noso país. Un libro de preguntas e respostas que verificamos na intensa entrevista entre María Reimóndez e Ana Pontón. Preguntas moi axeitadas cara unha pertinente realidade, na que vivimos e na que coidamos de cada un dos espazos e das súas transformacións ilimitadas.

Emerxen as preguntas fluídas de María Reimóndez, unha intelectual con portento investigador, escritora, tradutora, activista, feminista e escudriñadora das profundas esencias do ser e do estar. Que vén a lexitimar a unha xeración de remansos e contundencias. Os que seguimos a María Reimóndez, sabemos que é unha persoa moi virada ás realidades construtivas da nosa Matria e cara as diversas problemáticas que podemos contemplar na Galiza actual. As preguntas de Reimóndez, protagonizan un ambiente sensíbel para facer labor, como ela di: “...as cousas que facemos no día a día, os actos pequenos, son os que cambian os espazos”. Convincente compromiso no actuar coa mudanza das cousas mais elementais e sublimes nas que estamos asentados nos rentes dun proxecto para tódalas Galizas posíbeis, que está no noso imaxinario e na nosa esperanza.

As respostas de Ana Pontón, nesta longa e percibida entrevista, lévanos a dimensionar as pegadas intelectuais dunha acentuada personalidade popular na que destaca a conciencia de sentir o latexo constante da súa nacencia no medio rural sarriano, onde a Galiza pulsa con forza as evidencias de ser e estar no herdo comunal da casa familiar, nosa primeira nación, na que se articulan as vivencias para compartir coa veciñanza, nosa comuna existencial e plural, con súas lexítimas verdades e, tamén, contradicións. A acción da nosa ruralidade creando seres contundentes que responden a unha serie de formatos culturais, psicolóxicos e, sobre todo, cos dons e atributos da que emana da nosa lingua. Este é o contexto en que se desenvolveu Ana Pontón, como tantos de nós, fillos lexitimados do rural profundo, onde asumimos as grandezas do pobo curtido da labregancia, onde percibimos graves convulsións, agravios e inxustizas. Unha aprendizaxe activa para reflexionar e tentar cambiar as cousas, que aínda hoxe gravitan sobre a nosa nación. Neste estado de temas está naturalizada a que hoxe lidera o BNG; a que procede das esenciais marcas de tantas visibilidades emanadas do contexto labrego, e con longa traxectoria e compromiso, albergando esperanza para mudar o que ela protagoniza e que hoxe, 12 de xullo de 2020, pode e debe ser unha data histórica para Galiza.

Estamos ante un libro moi concreto, critico e conciso para percibir o retraso de Galiza. Un retraso puntualmente premeditado e con prácticas aleivosas, que determinan os poderes centrais e de dereitas no noso país. Sabido é como marxinan estes vicerreis do Estado centralista e fieis executantes de consignas liquidadoras das sensibilidades que practicamos os galegos para erguer país, e da notabilidade de normalizarnos na cultura e na lingua, devastadas con sixilo e con programas de asimilación. E disto fala Ana Pontón, dunha maneira contundente e clarificadora, cando di: “A lingua marcou a miña identidade, axudoume a ver as relacións de poder que se producen na sociedade e fixo que botase fóra moitos complexos”. Testemuña insubmisa a imitar, fronte aos complexos que axudan a lapidar a nosa identidade. Unha proclama que confirma os paradoxos e as contradicións que nos asisten.

Nesta ruta de respostas, Ana Pontón corrobora a idea castelaonista, de que os galegos temos que consolidarnos e autoprotexernos ca oferta dun nacionalismo de esquerdas que integre a ese amplo ventallo de demandas cidadáns que fortalezan o noso ideario de liberdade, e que actualmente fomentan as alternativas do BNG. Pontón, baixo un amplo prisma de visibilidades, manifesta: “Somos unha sociedade moi dinámica en moitos ámbitos, mais tamén contraditoria. Aínda que sexa un pouco tópico, si é certo que ás veces vexo zonas que, pola propia inercia económica e social, amosan un certo desánimo colectivo”.  É moi correcto incidir no desánimo colectivo, produto das consideradas desfeitas programadas polas insistentes e destrutivas políticas colonialistas que ben exercendo o PP en Galiza. Neste tema, Ana Pontón é intensamente precavida en manifestar unha serie de temas nefastos propiciados polas tres lexislaturas do señor Núñez Feixóo, tan nocivos e especulativos con promesas que non se sosteñen no baremo das solucións que precisa Galiza.

O título deste libro marca puntualmente tres estadios do labor nacionalista e de esquerdas do BNG que está desenvolvendo Ana Pontón, como aglutinadora da sementeira e das realidades que configuran os sementadores do noso país, con esa certeza e esperanza que frutifica nesa árbore de espléndida e verde follaxe que promete acugulado froito. Todo un símbolo do traballo xeneroso, ordenado e cumprido. Sen dúbida, hoxe vai ser un grande día para a recolección desa froita que avidamente foi sementada e coidada cos saberes que propicia a nosa Terra.  

Comentarios