Opinión

A seca, un problema actual e de fondo

Ninguén nega a catástrofe que produce a falta de choiva, pola que está pasando a península Ibérica, e concretamente Galiza. Esta nosa terra de algo mais de dous mil ríos que moitos deles xa mostran o seu curso areoso e pedregoso completamente seco, nunha estación do ano onde a choiva e a neve enchían os acuíferos e os nosos grandes ríos con seus afluentes, manifestando o valor real que para os galegos ten está dádiva pluvial. Sobre todo no espazo rural que é o que máis soporta esta inmensa carestía de auga. Esta realidade fai tomar conciencia aos mais desinteresados e desprevidos sobre o cambio climático, pola vulnerabilidade, efectos e contrastes que vén manifestando. Hai constantes manifestacións sobre ese apocalíptico deterioro medioambiental que os científicos predín, e que a todas luces se manifesta. Xa non se trata do mitolóxico ciclo bíblico, dos sete anos de seca e sete de abundancia de auga pluvial; nin de mitos ou de rogativas a santos, virxes e poderes celestiais. Na parroquia chantadesa de Pesqueiras había un crego, metido en anos, D. Faustino, cando os seus fregueses demandábanlle rogativas e procesións coa milagreira virxe de Pesqueiras, para que ela abrise os alxibes celestes e despregara o maná da auga para fertilizar os campos de terrón a ermo e os sedentos viñedos, este crego, sabio e non menos científico, recomendáballes: “Deixade os santos tranquilos e facede pozos. Non vos cansedes de facer pozos ben fondos!”.

Hai constantes manifestacións sobre ese apocalíptico deterioro medioambiental que os científicos predín, e que a todas luces se manifesta

A famosa encomenda dese crego pragmático faime pensar na falta de previsións ante un irreversíbel cambio climático que está alterando espazos xeográficos e modificando pautas e códigos humanos. Ante tanta evidencia e clamor, os poderes políticos resístense a aceptar a evidencia destas mudanzas. Neste noso país decadente non hai investimentos para proxectos serios de prevención, ante as constantes alarmas que produce esta inaudita seca que podemos comprobar no volume seco de ríos e acuíferos. Xa non basta con remendos de levar unha cuba de auga a determinadas granxas de gando, para salientar un problema inmediato, e despois disto frotar as mans ou lavalas como Pilatos, mirarse ao embigo e sentirse politicamente eficaz. O tema é moito mais serio e amplo, como para non disfrazar o compromiso e a obrigación política, que en tantas ocasión se cambia por caridade e compracencia personalista. Por tanto, agresión e vulnerabilidade van de maos dadas, mais en favor dos que cometen agresións.

É evidente que falta unha cultura cidadán de reserva e conservación daqueles bens naturais como é a auga. Falta concienciación e compromiso ecolóxico e social de coidar e planificar sobre as poucas reservas naturais das que dispomos. Estamos ante un problema crucial, por non dicir catastrófico, que vén tomando un carácter ascendente e propiciado polos monopolios financeiros e por multinacionais que constantemente depredan os recursos naturais. Perante a alteración do sistema climático e doutros problemas medioambientais, continuamos sen tomar medidas pragmáticas. A situación actual obriga a modificar modelos de conducta, a moitos niveis, e optar por unha sostenibilidade allea a intereses globais que son os que producen desequilibrios e desastres a nivel global. Estamos ante a necesidade de ampliar compromisos e esixencias, comezando polas institucións locais -as mais próximas á cidadanía- até chegar aos poderes estatais. 

Perante a alteración do sistema climático e doutros problemas medioambientais, continuamos sen tomar medidas pragmáticas

 

Os concellos teñen unha misión moi clara en todo este proceso de carestía de auga potábel e non só. Mais o tema non é operar en solitario ou con inventos primarios e residuais, o tema é de conxunto, se por tratar de superar unha carencia nun período determinado o problema toma unha dimensión imparábel, como o que está sucedendo, estamos ante a falta dunha política que proxecte un horizonte estratéxico desde os concellos, na xestión dos recursos e da repartición equitativa da auga. Moitos dos nosos concellos someteron e apropiáronse de diversos servizos comunais de auga, dando concesións a determinadas empresas e monopolios e actuando dunha maneira desleal e negativa, deixando claro o nivel de corrupción que se produce en varios ámbitos das institucións locais. A carencia de auga, debido ao cambio climático, amplía o problema ante un futuro inmediato. Por tanto, estamos ante un proceso estrutural de grandes dimensións, desde ámbitos políticos, económicos, sociais e culturais. Estamos capacitados de admitir a tamaña desfeita que nos depara?    

Comentarios