Opinión

Santo Antonio de Lisboa e de Padua, acusador dos poderosos

Se dicimos Fernando de Bulhões poucos saberán que nos referimos ao verdadeiro nome de Santo Antonio de Lisboa e de Padua. Na primeira destas cidades naceu en 1195  e na segunda faleceu en 1231. Fillo dun militar da nobreza real, natural da diocese de Tui, da banda portuguesa. De curta idade ingresou na Orde de S. Agostiño de Lisboa, sendo transferido aos cóengos da  mesma orde en Santa Cruz de Coimbra, na que se ilustrou en canónica e teoloxía. A orde agostiña desfrutaba de grandes poderes, privilexios e benestares, mentres nunha das montañas do extra radio de Coimbra, en Santo Antão dos Olivais,  vivía un reducido número de ermitáns, seguidores de Santo Antón abade, que facían voto de pobreza e ían pedir os sobrantes de comida ao impetuoso mosteiro dos agostiños de Coimbra. Isto desvelou certa preocupación en Fernando de Bulhões (futuro Santo Antonio de Padua e de Lisboa), ao ollar unha Igrexa de pobres e ricos. En certa ocasión visitou aos pobres ermitáns e meditou como durmían nunha esteira sobre  a terra, e cubríanse con sacos; mentres os agostiños tiñan amplos e hixiénicos departamentos con espléndidos colchóns, adegas e despensas repletas de víveres. Estas riquezas fixeron meditar a Santo Antonio sobre a desigualdade que practicaba a comunidade chamada cristiá, provocando un radical desafecto coas riquezas da Igrexa, saíndo da orde agostiña para entrar na franciscana, defensora dos pobres.

Santo Antonio de Pádua, con San Francisco de Asís e Xoaquín de Fiore, son os grandes vultos da mística redentorista do século XIII, os que romperon con aquela igrexa anquilosada nos vellos preceptos medievalistas que protexía, e tan suxeita aos códigos fundamentalistas máis retrógrados que a xerarquía católica practicaba en todos os seus dominios. Basta ler as biografías dos papas Inocencio III e Bonifacio VIII para comprender o totalitarismo daquela Igrexa do referido século e as imperfeccións dun catolicismo que distaba moito do cristianismo evanxélico. Estas tres figuras persistiron nas fontes do cristianismo orixinal e, sobre todo, na defensa dos humildes e non na rancia política dos xerarcas pontificios, imitadores das contendas mundanas e dos sátrapas daquel tempo. Ante aquel panorama, Santo Antonio foi o mais frontal ante aquela curia asentada en Letrán. A súa sabedoría, en tantas artes e regras sagradas, que aprendeu nos ambientes agostiños de Coimbra, as puxo ao servicio da orde franciscana do Poberello de Asís. Despois de percorrer Francia e Italia, asentouse en Padua, centro de acción sermonística dos frades menores franciscanos. Sen os sermóns de Santo Antonio dificilmente podemos entender concretos desordes da Igrexa do século XIII,  e varios problemas polos que pasaba a Igrexa. Polos cales dámonos conta da ampla e fonda cultura que el tiña, nos canons e nas ciencias clásicas e sagradas. Quen lea seus longos sermóns darase conta da espesa ciencia sagrada que acumulou este santo portugués.

En español non abundan publicacións da súa prédica, os seus sermón son bastante descoñecidos. Na Galiza hai un descoñecemento sobre a verdadeira personalidade mística e intelectual de Santo Antonio. Nun país no que en raras igrexas non falta unha imaxe deste santo. Mais non deixa de ser  unha figura reducionista e caricata que só se fala de seus milagres cos animais, co namoro das parellas e co responsorio de protección. Polo demais é unha personalidade ignorada en seus sermóns, exentos de comentario na predica das igrexas. Hoxe trece de xuño, día dedicado á súa santidade, festexado en multitude de parroquias galegas, poucos párrocos falarán da verdadeira figura de Santo Antonio, no sentido mais amplo de ser un home comprometido coa sociedade máis pobre e discriminada, ben por que o ignoran ou porque os seus sermóns son difíciles de dixerir nunha Igrexa e nunha sociedade que lle interesa silenciar as verdades ditas por Santo Antonio que aínda están vixentes nestes tempos crús. Despois de case oitocentos anos do seu pasamento, os seus sermóns teñen unha incidencia ben directa nos problemas actuais. O papa Francisco o sabe e o reivindica.

Nos tempos que corren e nas dificultades de explotación que soportan os mais pobres e débiles nestes tempos pandémicos, compre lembrar algúns matices da súa sermonística. No sermón do 9º domingo despois de Pentecostes, Sinala: “Os ricos deste mundo, que axuntan con fraudes as riquezas da iniquidade e da desigualdade, non teñen ningúns amigos de veciñanza (se ben o pensasen) máis que os pobres”. No 2º domingo de Advento, prosigue: “O pobo desprezado é o pasto dos avarentos e dos usureiros. Como as aves e as bestas dilaceran o cadáver. (...) O sangue dos pobres e frío, tal como tamén a súa facenda. A pobreza e a nudez non permiten aquecelos, máis cando o calor da necesidade aperta, entón invaden, emprestan, para zugarlles o sangue”.

Noutra dirección ben paralela, acusa aos dirixentes daquela Igrexa fría, como nos amosa no 12º domingo despois de Pentecostes, onde di: “Jesus Cristo, hoxe é vendido por negociantes Arcebispos e Bispos e demais prelados da Igrexa. Corren por aquí e por acolá, compran e revenden a verdade con mentiras e oprimen a xustiza con simonías”. Con esta sermonística notamos que Santo Antonio é moi actual, ou ben a Igrexa dos xerarcas de hoxe é ben retrógrada. Prosigue o sermón: “Os vendedores ambulantes son os abades e priores hipócritas e os falsos relixiosos, que venden polo diñeiro o labor humano baixo pretexto da relixión, na praza da vaidade mundana, as falsas mercadorías da santidade allea”.

Sobre o sacerdote perverso e ignorante, lanza a seguinte pauliña, no 4º domingo despois de Pentecostes: “As sentinelas da Igrexa son todas cegas, privadas da luz da vida e da ciencia; son cadelos mudos que teñen na boca a pezoña do demo e por iso non conseguen ladrar contra o lobo. Concéntranse en cousas vanas, porque pregan polo diñeiro, procurando a contrición das almas, dicindo con ignominias: Paz, paz; e non hai paz. Son cadelos sen vergoña, porque posúen rostro de meretriz e por iso non queren avergoñarse. Ignoran a saciedade, dicindo sempre: Mais, mais, e nunca basta. Estes pastores que se apacentan a si mesmos descoñecen a intelixencia, da cal escribiu o Profeta: Procurade coñecer o camiño da perfección”.

Nestes días é noticia o franciscano, Jesús Sanz Montes, arcebispo de Oviedo, un fundamentalista da liña rouquista, ben desviado da pobreza do Poberello de Asís e das encomendas santoantonianas no que se refire á defensa dos pobres. Son noticia en todos os medios de comunicación das apropiacións indebidas de casas que foron edificadas polos fregueses e estes queren darlle uso veciñal e este dirixente católico pretende vendelas. Se os franciscanos San Francisco, Santo Antonio e San Boaventura ergueses a cabeza que farían con Sanz Montes...?   

Santo Antonio foi un home que revolucionou o seu tempo e alén do mesmo; tamén o de hoxe, que non usurpou  a defensa en favor dos humildes. Agora entendo porque a súa palabra foi encuberta por outros estereotipos que lle colgaron para que ignoremos as súas denuncias. Para descubrir ao verdadeiro Santo Antonio de Padua precisamos de ir ás fontes da súa prédica e veremos nel a imaxe do Nazareno e a súa mensaxe liberadora. Neste seu día, a miña homenaxe máis íntima.                                

Comentarios