Opinión

A sanidade galega fronte a pandemia

O coronavirus pon a proba a capacidade organizativa da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia e as diversas inflexións da era Feijóo, remitíndonos a diversos afaires que se coceron e mastigaron no limbo dos sixilos e das ocultacións da administración sanitaria. O coronavirus, alén do significado real dunha pandemia, mostra o horizonte desolador duns dirixentes opacos, dados aos imprevistos e nulos naquelas previsións que deben estar dentro do marco dos organismos internacionais da saúde como é a OMS, entre outras alertas. Ficou ao descuberto o que aconteceu hai poucos anos coa epidemia de ébola, o desconcerto total do ministerio de Sanidade, dirixido por Ana Mato e sobre todo co inoportuno consejero de Sanidad da Comunidade de Madrid, Francisco Javier Rodríguez, deposto do cargo, xunto á indiferencia esperpéntica e de gravidade silenciada polo goberno Rajoy. Daquela desfeita debíase aprender o necesario para prever e superar outras epidemias. Coa actual pandemia do Covid- 19, as cousas cambiaron. Dada a agresividade do virus, hai un factor importante de coordinación dado que as directrices sanitarias e científicas marcan as vías políticas de actuación e non ao revés. E isto é moi positivo, cando se toman medidas drásticas e, sobre todo, cando a ciencia sanitaria marca as políticas de actuación. Coido que con esta dinámica supéranse habituais comportamentos de “charanga y pandereta”, do que tanto nos ten acostumados os gobernos da dereita, dificilmente insoportábeis.

O modus operandi da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, tan acostumada a visíbeis torpezas e a tomar decisións políticas sen os ditames da ciencia médica, non teña tomado decisións de prevención ante tanta incerteza da cidadanía e, sobre todo, de coordinación en moitas direccións excepcionais. O noso rural despoboado e desasistido cunha poboación de persoas maiores e vulnerábeis que precisan dunha atención solvente, ante as precariedades e os ritmos de vida imposta, “alonxados do mundanal barullo”, carentes dun servizo de atención e de dunha información puntual da que carecen. Mais os temores están en toda a sociedade e, certamente, o Covid- 19 non entende de fronteiras nin de clases sociais, aínda que as poderosas a disuaden distintamente ao que soportan as clases pobres e desprotexidas, que son as mais afectades. Estas clases sociais desfavorecidas son as mais vulnerábeis e as menos atendidas. Por tanto a loxística informativa é algo básico para manter no punto de mira asistencial corrixindo o desamparo que soportan. E nestes casos tan graves, como son as pandemias, hai que prevelas e atender ás sinais de devastación que emiten, extirpando a súa expansión. O que se ten feito até agora, nestes casos, era proporcionar doses selectivas que partían dunha ideoloxía envelenada e conspirativa contra a oposición no Parlamento de Galicia cando se falaba de sanidade integral.

Aí está o señor Feijóo e o seu aparello burocrático da Consellería de Sanidade e tamén a Consellería de Política Social, cos seus debidos arroutos de súbita eclosión propagandística en múltiples afaires. Subliñando que o goberno do Estado español ten desatendida a saúde dos galegos, cando a Xunta ten competencias na sanidade pública de Galiza. Pronto ratificou o presidente, sinalando que está a disposición das normativas do goberno central. Que mágoa que a Xunta de Galicia non poida aportar as súas experiencias e avances en sanidade -porque non as ten- para conformar unha estábel sustentabilidade científica en Galiza, orientada pola ciencia médica, sen barreiras e sen as indicacións políticas que sempre marcan a vía contraria ao que precisa a ciencia médica. Senón hai unha política de investimento na investigación e un deseño que verifique toda a relevancia que Galiza merece ter e partindo dos diversos perfís da súa identidade sustentábel en materia sanitaria, seguiremos sendo vítimas da burocracia do xuntoiro que eclipsa a parte mais estimábel do que os galegos consideramos vital como é a sanidade pública.

O señor Alberto Núñez Feijóo e seus gobernos, marcaron o declive interesado de non contar cunha sanidade sólida no que concirne a tantas posibilidades e exploracións sanitarias desde unha perspectiva galega, da que estamos exentos e neutralizados. O seu afán interesado foi o de transvasar a sanidade pública cara á privada. Neste aspecto houbo camuflada habilidade de procurar a decadencia de hospitais e ambulatorios públicos, negándolles equipamentos sanitarios de primeira necesidade. Todos vimos imaxes de saturación, en tempos de gripe, a decadencia dos hospitais galegos cando os doentes son asistidos nos pasadizos hospitalarios, por falta de espazos dignos e de ditos equipamentos e falta de camas. Neste estado de alarma pandémica, as deficiencias e os desbordamentos que ten o persoal médico, de enfermeiras e enfermeiros, entre outros servicios sanitarios, sinalan a deficiencia máis inestábel sustentada polo goberno autonómico de Feijóo.

Con estas desproporcionadas deficiencias, en moitas ocasións, alertaron varios deputados do Parlamento Galego sobre a ineficacia da sanidade da Xunta, incapaz de reorganizarse e, sobre todo, cando o persoal sanitario deron a voz de alarma baixo un posicionamento moi sensíbel e de urxente preocupación, só recibiron apoio de certos grupos parlamentarios e non do goberno autonómico. Só os responsábeis de sanidade responderon con evasivas e silencios. Todos eses desaxustes polos que pasa a sanidade galega no “proxecto” da Xunta, obedecen a priorizar e urxir a privatización da saúde pública. En constantes ocasións intentouse desde a Comunidade de Madrid, presidida por Esperanza Aguirre, a privatización dos servicios públicos sanitarios. Ela foi a inspiradora, mais foi derrotada pola unanimidade do persoal médico e de enfermeiras e enfermeiros e pola solidariedade dos madrileños.

Na Galiza déronse persistentes pasos para unha entrega da sanidade publica cara a privada e dunha maneira moi solapada. As loitas emblemáticas que levou a cabo o persoal sanitario do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, en varias direccións, está na mente de todos, revelando unha loita conxunta noutros centros de Galiza. O Hospital Álvaro Cunqueiro aportou interrogantes sobre a situación hospitalaria: falta de equipamentos e de persoal cualificado. Por tanto, deuse unha repercusión xeneralizada de combate en favor da sanidade pública. Mais Feijóo e os seus persistiron con outras tácticas e habilidades de desmantelamento, ben medidas e contadas en tempo e espazo. Recortar servizos en ambulatorios e deixando ao descuberto algo tan elemental como son os departamentos de pediatría, como aconteceu en numerosas comarcas galegas. Desmantelar aos poucos hospitais comarcais. Sírvanos como referente o Hospital Comarcal de Monforte de Lemos, que moitos deses servizos foron integrados no Hospital Universitario Lucus Auguisti (HULA). Cando o hospital de Monforte concentra unha extensa poboación de comarcas de todo o sur da provincia de Lugo. Os seus sanitarios teñen convocado diversas e numerosas manifestacións populares en demanda de mellores servicios técnicos e material asistencial para cubrir graves deficiencias que soporta todo o persoal hospitalario.

Mais o peche do paridoiro de Verín é o caso mais visíbel da política sanitaria mais fraudulenta do señor Feijóo, mentres el toma o sol en barcos de vela, a cidadanía soporta estes fraudes sanitarios. Como se entende que se peche un servizo de fundamental prioridade, como é o paridoiro de Verín que atende a unha amplísima comarca, que desde a capital do Támega a Ourense hai unha distancia de uns oitenta quilómetros. Mais a distancia disparase cando as embarazadas teñen que ir desde a Gudiña a mais de cen quilómetros do hospital de Ourense a parir. Así son os decretos do ordeno e mando do señor Feijóo, sempre fora de lóxica e loxística que demanda a realidade. Que trama corrupta é esta? Decisións temerarias e de alto risco para as mulleres en parto, é incríbel. Sobre todo vindo dunha institución como é a Xunta que os seus dirixentes non emiten respecto por temas tan sensíbeis como é o de traer unha vida a este mundo. Un acto solemne que merece o maior dos respectos e atencións que estes políticos desestiman.

Moitos temos dúbidas de que teñamos unha das mellores sanidades do mundo, visto estes precedentes na Galiza. Quen honra e satisfai a excelente calidade da sanidade son as médicas e os médicos, enfermeiras e enfermeiros e todas e todos os que teñen responsabilidade no bo funcionamento de calquera organismo sanitario. Estes son os que velan pola nosa saúde e os que non dubidan en estar puntualmente nas urxencias que demandan os pacientes. A sociedade o esta expoñendo e recoñecendo dunha maneira aclamatoria co seu bater de maos nas balconadas de cidades e vilas. Isto honra o valor e o labor tan indispensábel que están prestando os sanitarios deste país e nestes momentos de máxima gravidade por estar en primeira liña combatendo o coronavirus e expoñéndose a fatais consecuencias. Por iso o noso recoñecemento e a nosa homenaxe debe continuar e estar ao lado de todos eles. Porque todos eles respaldan e reivindican unha sanidade pública e de calidade.

Comentarios