Rosalía de Castro e o feminismo

Rosalía foi unha tenaz defensora das mulleres oprimidas socialmente e combate contra a discriminación e maltrato de xénero. Talvez fose a precursora en erguer a súa voz en favor das sen voz na Galiza. Cun lixeiro percorrido pola súa obra estaremos certos de que ela foi o pulo necesario de intentar cambiar unha sociedade integrista, como era a sociedade galega do século XIX, con respecto á discriminación das mulleres. Rosalía conviviu co sufrimento que soportaban as donas, e de tales causas ganduxou conmovedoras respostas, iniciando conciencia a través das denuncias na súa escrita. Rosalía foi consciente de tecer unha obra na que tivese espazo e ampla repercusións o papel liberador que as mulleres tiñan que conquistar a tódolos niveis.

No prólogo de Follas Novas, aparecen as mulleres nese centro defensivo dunha maneira nítida e de exaltada coraxe, sinalando: “N’ó campo compartindo mitade por mitade c’ os seus homes as rudas faenas; n’á casa soportando valerosamente as ansias d’a maternidade, os traballos domésticos e as arideces d’ a probeza. Soyas as mais d’ ò tempo, tendo que traballar de sol a sol, e sin axuda para mal manterse, pra manter os seus fillos, e quisais ô pai valetudinario, parecen condenadas a non atoparen nunca reposo se non n’á tumba”. (...) “...un-ha abnegación tan grande, que sin querer sentímonos inferiores a aquelas oscuras e valerosas heroínas que viven e morren levando a cabo feitos maravillosos por sempre iñorados, pero cheos de milagres d’amor e d’abismos de perdón”.

Neste 180 aniversario do seu nacemento en Compostela, o 24 de febreiro de 1837, o pobo galego está mostrando unha dispoñibilidade de reencontrarse coa súa palabra, sempre viva e nunca inmorredoira da nosa poeta nacional. Defensora de tódalas lexitimidades que a Galiza tiña de seu, e sendo aldraxada a súa dignidade e a súa cultura, a nosa poeta mantivo unha actitude radicalmente defensiva. Rosalía identificou as mulleres como baluarte contra a pobreza e a explotación, como protagonistas de coller “A xustiza pol-a man” e con fouce ergueita: “Entonces cal loba doente e ferida, / d’un salto con rabia pilley a fouciña, / rondei paseniño... ¡Ni-as herbas sentían!”...

Rosalía identificou as mulleres como baluarte contra a pobreza e a explotación, como protagonistas de coller “A xustiza pol-a man” e con fouce ergueita

Na desigualdade de xénero, Rosalía adiantouse a criticar o matrimonio como dominio dun xénero sobre o outro, con predominio do home: “DECIDES qu’ò matrimonio / é santo e bueno; serayo; / mais non casou San Antonio, / por mais que o mesmo demonio / tentouno a face-ò ensayo”. A hipocrisía do matrimonio late nos versos rosalianos dunha maneira moi ilustrativa. No poema de Follas Novas, “¿Que lle digo?, trata dun emigrante que decide volver a Galiza, e pregúntalle a un veciño, tamén emigrante, que quer que lle diga á súa muller Antona, este con amantes na Habana, respondeu: “-Que como poida se goberne Antona, /e anque d’ela me doyo, / Quen non sabe nin ve..., sempre perdona”. Versos que se vencellan aos dedicados ás “viúvas de vivos e mortos”.   

Rosalía foi equitativa en defender a Xan, fronte ao predominio e domesticación que lle impuxo Pepa, a súa dona. Aquela afortunada Pepa, mentres Xan traballaba ela parrafeaba co irmán do crego ou catáballe as pulgas ao gato. No final do poema “Xan”, connota a desigualdade do maltrato que, en número soportan as mulleres: “n’hay máis qu’un anxo antr’ demos, / n’hay máis qu’un atormentado / antre mil que dan tormentos”. 

Ese fulgor redencional que manifesta Rosalía en seus poemas acada maior elocuencia nas súas novelas en castelán, tan descoñecidas e moi pouco lidas polos galegos que nos centramos máis na poesía en galego, ignorando bastante o que ela dixo de Galiza e dos problemas das mulleres da súa prosa. Hai páxinas tan intensas sobre o drama da muller que provocan reincidir nunha lectura na que se connotan casos individuais e colectivos de maltrato de xénero, nos que a nosa poeta, desde diversos espazos sociais, incide no predominio dunha discriminación vinda do dominio e acomodo a un rol que determinou as regras marcadas polo machismo. Nesta dirección, o capítulo VIII da novela, El caballero de las botas azules, Rosalía apunta o seguinte: “En las novelas, las mujeres son siempre discretas y hermosas, hablan el lenguaje de las musas y escriben poco menos que madame Sévigné; pero si se desciende a la realidad de los hechos, esto no es siempre cierto, y aun estamos tentados a decir que casi siempre es mentira”.

Hai páxinas tan intensas sobre o drama da muller que provocan reincidir nunha lectura na que se connotan casos individuais e colectivos de maltrato de xénero

Prodixiosa a chamada de atención que nos convoca a descifrar a magoante realidade das mulleres que soportaron e soportan eses estereotipos da muller oprimida e alienada; e así, Rosalía, apresuradamente, denunciou solapadas interferencias dos homes, impoñendo poder sobre as mulleres. En “El caballero de las botas azules”, Rosalía compón un poema que pon en boca dun dos protagonistas da novela: “La mujer que a un amante taimado / la blanca mano le deja coger, / ¡desdichada!, pues sigue la senda / por donde otras muchas solieron perder. / Así, niña inocente, / muéstrate siempre dura / para aquel que tu mano / incautamente asegurar procura”. Versos elocuentes que, en sentido figurado, transcenden alén dun tocamento de maos, que naquela época estaba mal visto polos canons da vetusta moral alienante e dos “bos costumes” dominantes e absurdos. Sirvan estes versos como aviso de non tolerar abusos poñendo as masculinas maos  sobre as da muller, como dominio omnímodo de atrapar a súa liberdade.

Na novela Flavio -na que se desenvolve unha das tramas amorosas e nada inocente, no que toca á liberdade da muller, desprendida dos vellos despotismos en uso- Rosalía ofrécenos esta particularidade agresiva por parte de Flavio: “-En verdad, sois una mujer infame-  volvió a decirle Flavio con torva mirada-, ¡y mereceis que os castigue!” “-¡Castigarme! -contestó la joven reponiéndose con altivez-. ¡Castigarme!- volvió a repetir mirándole frente a frente con orgullosa severidad-. ¿Y quién sois vós, caballero, para dirigirme semejantes amenazas? ¿Queréis decirme a qué raza extraña perteneceis?” Este é un dos textos mais sublimes na literatura rosaliana que nos posiciona nun ambiente pouco frecuente, en que a muller tomara esta posición de desafío fronte ás ameazas dun home. Mais Rosalía consignou como arenga este texto de combate e insubmisión, de impor tolerancia cero -como se di actualmente-, fronte ameazas e maltratos de xénero.

O feminismo de Rosalía fertilizou en toda a súa obra literaria dunha maneira contundente, tomando exemplos das súas vivencias coas mulleres sinxelas e mal tratadas, por múltiples axentes opresivos, desde o propio marido até outros que tiñan dominio sobre os labores que realizaban, inxerindo maltrato. Neste círculo viciado de dependencia feminina, Rosalía explorou as penurias dese realismo existencial, con esa carga dramática que ela expón na novela La hija del mar. Unha novela de mocidade que a publicou cando tiña vinte e dous anos. No prólogo, da súa autoría, reivindica o papel da muller a tódolos niveis e con ironía, comeza dicindo: “Antes de escribir la primera página de mi libro, permítase a la mujer disculparse de lo que para muchos será un pecado inmenso e indigno de perdón, una falta de que es preciso que se sincere.” (...) “Posible me sería añadir que mujeres como madame Roland, cuyo genio fomentó y dirigió la Revolución francesa en sus días de gloria; madame Staël, tan gran política como filosofa y poeta; Rosa Bonheure, la pintora de paisajes sin rival hasta ahora; “Jorge Sand”, la novelista profunda, la que está llamada a compartir la gloria de Balzac y Walter Scott”. (...) “Pasados aquellos tiempos en que se discutía formalmente si la mujer tenía alma y si podía pensar”.

A temática de La hija del mar procuroulle espazo en Muxía, e a protagonista é unha moza, Teresa,  criada na marxinación dunha casa de pobres que se move dentro das penurias mariñeiras. Rosalía contemplou as miserias e asoballos que soportaban os mariñeiros. Rosalía foi unha enorme novelista, que capturou todo un escenario de explotación na que estaba sumida Galiza. A súa obra literaria revela as inquedanzas que tiña polos oprimidos labregos e mariñeiros, manifestando un patetismo que requiría ser observado dunha maneira moi especial, desde esa apoteose de rebeldía que a distinguiu. En La hija del mar, está presente a loita de clases que representa Teresa, a muller enérxica que loita contra as ondas marítimas e contra os furiosos ventos caciquís que a oprimían. Neste libro hai un texto moi resoluto sobre a opresión da muller; unha petición a Deus e, mesmo un desafío o seu poder divino, por non liberar ás criaturas que soportaban asoballo. Unha repulsa de tu a tu, que me lembra aquel desafío que o Padre Vieira increpou a Deus por permitir que os holandeses invadiran o Brasil. 

Rosalía foi unha enorme novelista, que capturou todo un escenario de explotación na que estaba sumida Galiza

Petición violenta contra os poderes divinos; convite e consigna de rebelión para que as mulleres determinaran erguerse contra os poderes que as asfixiaban. O seguinte texto de Rosalía, non ten desperdicio: “¡Oh Señor de Justicia! ¡Brazo del débil y del pobre!, ¿por qué no te alzas contra el rico y el poderoso que así oprimen a la mujer, que la cargan de grillos, mucho más pesados que de los calabozos, y que ni aun la dejan quejarse de su desgracia? Infelices criaturas, seres desheredados que moráis en las desoladas montañas de mi país; mujeres hermosas y desdichadas que no conocéis mas vida que la servidumbre, abandonad vuestras cumbres queridas, en donde se conservan perennes los usos del feudalismo; huid de esos groseros tiranos y venid aquí, en donde la mujer no es menos esclava, pero en donde se le concede siquiera el derecho del pudor y de las lágrimas”.

Os poderes opresores, sempre na tentativa perversa de desvirtuar a palabra ergueita e escrita que Rosalía culminou en defensa dos marxinados sociais e da elevación de dignidade das mulleres postergadas. Elementos básicos de disidencia para que alcumasen a Rosalía como “chorona”, nunca mais lonxe deste comportamento de pranto e laio.  Rosalía estivo no combate cívico e humano polos dereitos nacionais da Galiza, dos marxinados e das mulleres maltratadas, esgrimindo a palabra de dobre e aguzado gume. A nosa Rosalía, conmemorada neste 24 de febreiro, data do seu 180 aniversario, precisa dunha lectura inaprazábel que nos identifique con tantos e insuperábeis problemas que continúa tendo o noso país, e que Rosalía combateu, coa esperanza de alentar unha Nova Galiza en libertade.