Opinión

Ricardo Carvalho Calero e a superación do silencio

Pode que os silencios teñan esa apoteótica sorpresa, mesmo para quen os cultiva e os converte en algo inhabitual, fronte a múltiples demandas dunha mesta cidadanía integrada en asociacións culturais e cívicas que viñeron demandado o Día das Letras Galegas para D. Ricardo Carvalho Calero, sen que a Real Academia Galega significara algunha resposta ás múltiples demandas de colocar a un persoeiro tan significativo das letras galegas, na persoa que abriu canles e debates de cambio no que respecta á situación da lingua galega, ante a mudanza dos tempos que esixe ampliación de miras e achegamento a outras realidades normalizadas e que tantas veces  somos alleos a elas. A normalización de Galiza precisa de amplas mudanzas en tódolos campos posíbeis e, a nosa lingua, non pode ser allea a esas mudanzas que o mundo actual da comunicación está producindo dunha maneira sistemática, advertíndonos dos perigos de ficar desfasados. No caso de insistir na negativa de asumir os necesarios trocos que precisa o noso idioma, por medio de debates que clarifiquen a súa situación de risco. Ao contrario, estaremos precipitándoo a graves imprevistos e fracasos.

Carvalho Calero abriu un debate claro e decente, ao recoñecer e postular por unha fronte que nos coloque nun amplo diálogo co bloque lingüístico orixinal galaico-portugués como é o lusófono

Carvalho Calero abriu un debate claro e decente, ao recoñecer e postular por unha fronte que nos coloque nun amplo diálogo co bloque lingüístico orixinal galaico-portugués como é o lusófono. Pese a esas posturas omnímodas e intransixentes da Real Academia Galega que negaron o debate de Carvalho, os académicos estaban rexeitando a un avante de normalización que continúa precisando o noso país. Polo menos dun debate que non se debe aprazar. Pese a ese integrismo corporativo de negación ás teses do filólogo e profesor Carvalho Calero, o reintegracionismo tivo nel o seu punto de partida e, en seu tempo de evolución, a súa presenza é incuestionábel, polo que non podemos negar que sexa unha cuestión menor, cando se ergueron barreiras de contención como veu facendo a Real Academia Galega cos seus permanentes e insistentes silencios. Un anatema inmutábel e permanente que revela o seu propio integrismo. Mais a realidade é contundente, fronte á teimosías do que non procede. “Duro é dar couces contra o aguillón”, nesta situación, Saulo de Tarso caeu do cabalo e, por fin, a Real Academia Galega caeu da burra, volvendo ao rego e atinando co recoñecemento de D. Ricardo, nomeado para homenaxealo o Día das Letras Galegas de 2020.

Remitíndonos a datos aritméticos, o noso escritor finou o 25 de marzo 1990, así que en 1999 tiña a posibilidade de ser elixido para a homenaxe do Día das Letras Galegas de 2000, respectando os dez anos de moratoria que establece o Estatuto da Real Academia, para estes casos de homenaxe. Por tanto, cumprido o período real de admisión, en troques, estableceuse unha férrea complicidade de omisión, tan contundente como permanente. Así pasaron vinte anos de veto, que os académicos podían alegar que se elixía ao escritor en normativa galega e non ao reintegracionista. Carvalho é autor dunha gramática galega e da monumental “Historia da Literatura Galega Contemporánea” e de numerosos textos en galego normativo  -tamén foi académico da RAG-. Qué aconteceu con tanta miopía?

Vinte anos de continuada omisión, ao final bateron na pedra, mais a cicatriz sempre sinalará a ferida que deixou esa anomalía.  

A partir do ano 2000 comezaron as unánimes reivindicacións para nomear e celebrar ao vello profesor, ante unha Academia muda mais non xorda. Persistentemente ancorada no inmobilismo e na omisión. Mais a mobilidade de integracionistas e non integracionistas abriron unha enorme fenda reivindicativa, ampliada por centros culturais, cívicos e sociais de firme contundencia e solvencia, convertida en suma e medra que foi ridiculizando a postura inmobilista dos señores e reais académicos opoñentes. Os doutos académicos subestimaron que, “No meio do caminho tinha uma pedra” (Drummond de Andrade). Á medida que persistía o silencio da Real Academia Galega, intensificouse o recoñecemento a Carvalho, erixindo o seu nome en rúas e prazas, en asociacións cívicas e culturais; colocando destacados bustos, como o que se erixiu en Compostela; iniciando debates académicos en universidades e ciclos de conferencias sobre a súa persoa e a súa obra, dunha maneira ilimitada e escudriñadora. Por tanto, o relato cidadán, en favor de Carvalho Calero, superou a obstinada postura da Academia, colocándoa nunha posición  marxinal e sen transcendencia. Despois de vinte anos déronse conta que tropezaban na pedra drummondiana. A maioría daqueles académicos que, persistentemente, negáronlle a Carvalho a súa homenaxe no Día das Letras Galegas, é agora cando o recoñecen e o elixen para celebralo o dito Día de 2020. Dunha maneira rotunda: de vinte e tres académicos, vinte e un votaron en favor, un en contra e un en branco. Tarde piastes, para superar todo ese traballo feito por asociacións e institucións de todo índole que se adiantaron ao recoñecemento debido á persoa e á obra de D. Ricardo Carvalho Calero. Vinte anos de continuada omisión, ao final bateron na pedra, mais a cicatriz sempre sinalará a ferida que deixou esa anomalía.  

Comentarios