Opinión

Retrovisor

O retrovisor transmitía visibilidade ao condutor “a”, sobre o auto “b” que ficou relegado a uns mínimos de velocidade Mais o seu condutor, con catro acompañantes, reaccionou violentamente e aproximouse a marchas forzadas polo carril da dereita, intentando adiantar ao auto “a” que ocupa a vía esquerda. O consegue, e a menos dun quilómetro tanto o motor como o carburador, invadidos por unha espesa fumeira negra, anunciaban o final dese percorrido. O sorprendente é que a realidade sempre avisa máis dunha vez a condutores que desestiman vixiar a mecánica e as sinais de precaución. Precipitándose en ousadas aventuras que os levaron a cometer flagrantes episodios, por excesos emocionais de conquistar unha vitoria imaxinaria en súa errada competición. Mais ao verse imposibilitados da locomoción que lles asegurara chegar ao obxectivo marcado, non tardaron as críticas e as liortas entre eles que as converteron en codelo acedo e reseco que tiveron que engulir. Mesmo naquel escenario, os admiradores das grandes carreiras os observaron con ilimitada desconfianza. Toda esa proclamada unidade de siglas e de variedade de opinión, rematou cedendo ao estrago. Tal como sucedeu con aqueles ambiciosos acaparadores que querían apoderarse do manto de Cristo e, de tanto tirar del, para conseguilo enteiriño, os cinco tiveron que conformarse coas miudanzas dos farrapos da prenda estragada. Isto pode parecer unha metáfora. Certamente a é.

Diego Sarmiento de Acuña, mais coñecido polo Conde de Gondomar, embaixador de Felipe III en Londres e bo defensor de Galiza nas Cortes de Castela, en certa ocasión dixo esta pragmática frase: “Somos galegos e non nos entendemos”. Velaquí unha clave dos infortunios de Galiza e da que nos avisou o Conde de Gondomar. Unha excelente crítica para precisar que a mensaxe continúa vixente despois de catrocentos anos. Parece que nestes tempos que corren, aínda fica encristada no imaxinario de certos políticos que non se recoñecen nesta intanxíbel frase, para entenderse. O verbo transitivo, entender, facilítanos a definición: “posuír competencia e coñecemento para executar unha meta”. Estes substantivos avivan a atención, no noso cotián peregrinase para levar retrovisores e detectar as correrías fraudulentas que practican certos “condutores” de improcedentes velocidades temerarias. Nese xogo de espellos, de luces e intermitentes están as alertas disuasorias, para dar visibilidade á ruta trazada e chegar ao destino, que coñecemos polo nome ocasional de 5A.

Os que foron de maos dadas naquela empresa unionista de salvar a patria, revestidos de nacionalistas de esquerda -moitos deles o eran e o son- tal vez merecedores de algo máis xusto do que se practicou naquela proeza de intencións de acumular poder, para despois ser vítima do mesmo, sen disimular as liortas que tantas veces foron publicadas en editoriais e comentarios da esclarecida e sospeitosa prensa que espreita estes avatares, para colocalos na ridiculez publica. Así se pasou toda unha lexislatura de críticas, que aproveitaron eses medios inquisidores dándolle prioridade a esas diverxencias e activando o desastre que se confirmou no ano electoral de 2019. Perda de suculentas alcaldías; troco de ideas e de personalizados nomes con cargos ben endeusados no sacerdocio laico que tiveron que cubrirse co cilicio penitencial. Mais eses catro anos aportaron moitas sorpresas para aqueles que practicaron unha prédica nada novidosa e que agora presiden ministerios. Aquí aínda fica algo substancioso na rúbrica de Antonio Machado, no que dicía daquela “España de charanga e pandeireta”. Mais a Galiza actual, xa non podemos catalogala dentro dese “espírito burlón y de alma quieta” popular. As refregas cultivadas polos que pretendían rexenerar o país ficaron baixo un teito estragado que consentiu pingazos. Cousas da vida, ben entendíbeis. Os que parecía que caeran nos malditos presaxios do desastre, agora xa non hai dúbida de que están ben ergueitos, con representacións municipais aumentadas e presenza no parlamento español. O retrovisor continúa en acción, captando certeza do bo conducir cara o 5A.

Comentarios