Opinión

Renata Pallottini e Reynaldo Valinho Álvarez, In memoriam

Chéganme tristes noticias do Brasil, polo óbito de dous escritores amigos falecidos neste mes de xullo. Renata Pallottini (1931-2021) e Reinaldo Valinho Álvarez (1931-2021). Os dous coincidentes no ano de nacencia e de pasamento. A perda para a literatura brasileira é enorme, sensíbel e de saudoso memorial. Grandes e xenerosos amigos, sempre predispostos a informar de novidades e enviarme libros e outras materias relacionadas coa creatividade literaria que se producía no Brasil.

Lembro ben aquela chamada telefónica nunha tarde de inverno en Barcelona de 1997, cando Renata Pallottini entrou en contacto comigo, viña coa encomenda de entregarme un libro que a poeta brasileira, Myrian Fraga enviábame. Convideina a xantar un domingo e estivemos falando todo ese día. Coincidía na altura en que eu estaba traballando na “Antoloxía da poesía brasileira”. Renata estaba na nómina dos escollidos. A diversidade creativa desta autora era moi ampla, mais a súa consabida fortaleza creativa foi a poesía e o teatro. Da súa autoría traíame un valioso e amplo volume do seu teatro completo. A dramaturxia desta creadora paulista aportou destinguidas novidades de vangarda para o teatro do seu país. Foi unha recoñecida profesora da Universidade de São Paulo e profesora da Escola de Arte Dramática (EAD).

Renata Pallottini foi unha intelectual moi sensíbel coa Península Ibérica, concretamente con Portugal e Galiza. No seu poemario: “Praça Maior” (1988), mostrou as súas benquerenzas con diversas xeografías galegas, con cidades entrañábeis como é Compostela, da que apreciou varios espazos como a praza do Obredoiro, o Pórtico e persoeiros como Rosalía e Valle-Inclán, tan atraída polo seu teatro, do que valorou esa continua presenza popular e costumista de Valle, da que descubriu autenticidade e personalidade do pobo galego, daqueles tempos idos.

Reinaldo Valinho Álvarez, foi un recoñecido escritor e poeta carioca, ademais de profesor universitario e fecundo pescudador en diversos eidos da literatura. Coñecino nunha daquelas noites do mes de decembro de 2007, na plenitude do verao fogoso de Río de Janeiro, no barrio do Flamengo, rente á baía de Guanavara, na casa do escritor e editor Cláudio Aguiar, desde onde óllase a ática e pétrea escultura natural do Pão de Açucar, mudo e perpetuo vixiante de Rio de Janeiro. Desde aquela  enorme terraza fluíron  animadas conversas cos convidados de Aguiar: Reynaldo Valinho Álvarez, a poeta Astrid Cabral e co escritor e científico, Melquíades Pinto Paiva e o propio Aguiar. Xordiron conversas atenciosas co profesor e académico Reynaldo Valinho Álvarez (Rio de Janeiro, 1931) que traía para min varios libros da súa autoría. Chamoume a atención un moi especial, que na capa reproduce un  dos hórreos de Combarro, rente ao noso mar tenebrorum, titulado: “Das rías ao mar océano” (2000). Encontrándome cunha enorme  novidade, de estar ante un enorme galego de alma perseverante e animosa, dado que as súas raíces máis profundas mergullaban naturalidade galega. Reynaldo era fillo de galego, de Salvaterra do Miño, e de mai da Beira Baixa (Portugal).

Reynaldo Valinho Álvarez mantivo vivo o orixinario celme da matria galega que lle transmitiu o seu proxenitor. Súa alma saudosa non deixou de revelar as nobres presenzas da Galiza cando Reynaldo falaba dela desde a diáspora. Explorou numerosas saudades en seus versos: "Das rias ao mar oceano,/ tanto medo e tanto engano./ Os sonhos que se sonharam, quantos deles naufragaram?// Mil e uma travessias/ são tragadas pelos días./ As noites roem lembranças/ no porão das esperanças". A súa alma tivo ollos de profundas dimensións que traspasaron as tebras do esquecemento. Facendo un percurso por este libro poético equivale a escalar outra suxerencia que Reynaldo non confundiu naquela Galiza histórica e ancestral e aí están poemas nos que Pedro Madruga cabalga ironías do pasado e da emigración connotada en ilusións e frustracións. De Reinaldo Valinho Álverez, fica a Galiza das plenitudes, das confirmacións e da autoafirmación que esclareceu nestes versos: "Andando em Ponteareas sobre o Tea,/ passo a ponte medieval e sigo adiante,/ vou além do Porriño e chego a Vigo/ para plantar-me no alto da Guía/ e olhar a ria baixa que penetra/ por entre o verde escuro dos pinheiros/ e segue terra a dentro como as naus/ que oscilavam no mar das romarias,/ ao tempo de Meendiño e de Codax, transportando, entre coitas, os amigos/ das doncelas transidas e trazidas/ pelo medo das ondas, ansiosas,/ tendo a garra da espera nas gargantas/ roucas de amor, angustia e solião". 

Sobre este poemario, dixo o crítico Leodegário de Acevedo Filho: "A diáspora ou dispersão do pobo galego por motivos históricos, incorporando-se a Galiza no territorio espanhol, não impediu que a lingua galega sobrevivesse e, con ela, todas as tradições culturais do pobo que a fala. Reynaldo Valinho Álvarez, poeta brasileiro de fundas raízes galegas, pois filho de emigrantes, (...) manifesta nítida herança do imaginário de um pobo, cuja língua, o galego-português, é a propria matriz histórica da lingua de Camões, ele próprio de origem galega".

Renata Pallottini e Reynaldo Valinho Álvarez, meus lembrados e saudosos amigos e da Galiza, que o enorme manto envolvente, albo e en espiral, reteña en nós a memoria e o calor, do que estes dous talentosos escritores abriron longas corredoiras coa palabra de pertenza.   

Comentarios