Opinión

Remol

Chéganos “Remol” de Manuel María nunha terceira edición, publicado pola Casa-Museo Manuel María. Suxerinte poemario que marca diversas etapas de compromiso co noso país e o firme posicionamento do autor ante a sociedade galega. Desde un espazo tan determinante na tradición e compromiso adquirido na poesía galega, como opción de denuncia para esixentes mudanzas. Os tons comedidos e, tamén, belixerantes que incorpora Manuel María, dunha maneira desafogada e quizais sen importarlle os perigos que corría o espallamento de “Remol”, este libro nada inocente que accionou para o rexurdir desas brasas acesas e cubertas de cinza no remol da lareira popular. A poesía galega foi capaz de resucitar lumieira nunca apagada e aínda asumida no compromiso dun poeta implicado en facer valer o verso en tódalas esixencias que connotan liberdade. O noso poeta estivo virado durante un lustro (1963-1968), na composición deste poemario e batendo no picaporte de varias editoriais para a súa publicación. Algunha delas xustificouse co nutrido número de compromisos que estaban na longa espera de ser publicados. Outras non disimularon o medo á censura daqueles anos. En todas estas derivas, como ben di a nota do autor, na primeira edición: “Tamén nestas ocasiós o libro tivo que quedar no caixón”. A publicación viu a luz na Galiza emigrada de Buenos Aires en 1970, por Edicións Nós. 

En “Remol” están presentes as actitudes de compromiso vital e a dinámica en tentar abrir as portas á liberdade e contemplar amplos horizontes, para vencer os atrancos impostos pola ditadura. Este libro que chegou de Arxentina, a conta gotas, logo nos sentimos recoñecidos en moitos poemas e, tamén, multiplicados no compromiso en desatrancar o noso país. Era un desafío, un cara a cara co poeta comprometido cos problemas que había que solventar, co formato ideolóxico do nacionalista que neste libro hai tantas adherencias e, tamén, respostas cruciais de reencontrarnos con nós mesmos, desbotando os reflexos de alleos espellismos. O combustíbel de propulsión, que gradualmente emprega o poeta, achéganos a dialogar sobre os verdadeiros problemas en que estaba sumida Galiza. Manuel dálle visibilidade aos arrepíos desa “mesma noite arrodeándonos” e fai destaque ideolóxico co fin de vulnerar os medos impostos polos poderes reaccionarios.

Frecuentemente, neste libro encontramos persistente dor popular e denuncias contra os  agravios en que estaba sometida a “Galiza labrega e mariñeira, / a Galiza do tópico”.   Manuel María en “Remol”, mostra unha actitude de adherencia e acceso á nosa identidade nacional, procurando coherencia solidaria cos nosos irmaos mais próximos da comunal nación na lingua, invoca nestes versos: “Que lonxe Angola e Mozambique! / Macau, case irreal, carne de soño. / E ti, meu Portugal, na beiramar, / dándolle as costas á sedenta Iberia”. As adhesións tan personalizadas forma parte da constante loita contra insidiados que construíron separación cos nosos irmaos e alén Miño e océanos. Aquí está o apelo e o recoñecemento de Manuel neses versos en formato de crónica alentadora e emancipadora. Ademais dos rescates tan personalizados onde o amor mostra seus coidados, tan espelidos como heteroxéneos, o poeta modulou esa carga de humanismo existencial tan presente na poesía de “Remol”. 

As propostas que atopamos neste libro, encontramos as protestas devidas e invariábeis que flúen na conciencia e compromiso ideolóxico dun poeta teimado en esclarecer a verdade dunha época de terror, no que a poesía rompeu cadeas. O poderoso legado de denuncias e protestas que nos deixou Manuel María en “Remol”, teñen concretas diversificacións e tensións, identificábeis con relevantes escenarios que nos revela no poema: “Acuso á clase media”, xa un clásico no alegato de compromiso e liberdade. Un poema que repercutiu enormemente na toma de conciencia e combate político, eran recitados estes versos de “Remol” case na clandestinidade. O ano de publicación deste libro (1970), coincidiu co histórico e sumarísimo Proceso de Burgos, contra dezaseis nacionalistas vascos, que o réxime intentaba asasinar. Un ano moi cargado de controles represivos. Nesta situación facía acto de presenza este libro cívico e contestario, con proclamas de liberdade nun sentido amplo. Todo un exemplo memorial e comunitario que aglutinou destacados sentimentos na concreción social e realista dun proxecto poético vizoso que xerminou conciencia de nación en rescate, exemplar legado que nos deixou Manuel María. O último poema deste libro: “Mensaxe a Ernesto Che Guevara”, remata nestes versos de testemuña e homenaxe: “o amor e mais a liberdade / é algo que non pode asasinarse!”                     

Comentarios