Opinión

As queixumes de Eduardo Pondal

Regresar á poesía e as finuras líricas que nos deixou o poeta bergantiñán, é como unha obriga para pormenorizar o pensamento dos iniciadores da modernidade literaria galega, culminada no Rexurdimento do século XIX. Sobre todo, a tres persoeiros, nada ignorados como Rosalía, Curros e Pondal. Aínda que para Eduardo Blanco Amor, faltaba por integrar a outra das columnas deses rexurdires, como foi Valentín Lamas Carbajal. Eduardo non andaba nada despistado sobre os valores efectivos que produciu aquela xeración interdisciplinar. Pode que aínda falte moito por afondar nos compromisos reivindicativos, sociais, cívicos e redentoristas por unha Galiza liberada e en harmonía cos vencellos que temos con Portugal, como podemos observar no poemario: “Queixumes dos Pinos”. O compromiso de Eduardo Pondal coa Galiza renacida, tivo un enorme significado no chamado “Banquete de Conxo”, celebrado en 1856, sendo el un dos protagonistas daquel encontro coas clases traballadoras de Compostela, por iso foi procesado e a punto de ser deportado as illas Marianas.

As queixas, as proclamas contestatarias, as presenzas harmónicas de Portugal con Galiza, abren moitas interrogacións nas súas aspiracións: “Sí... dos fillos do Luso, / que apartados están / por real estulticia / da groriosa nai”. Aínda mais euforia desprega o seu pensamento de recondución unitaria, tendo como referencia unidade orixinal da vella Suevia: “Barreran os límites / do pobo galego, / dos fillos do Luso / os lazos rompendo, / borraran os nomes / dos pátridos eidos”. Versos que procuran debate que entrañe e escudriñe a súa poesía de combate liberador, do que tanto se ten fuxido dela. Aínda que houbo sinceras e gratificantes aportacións sobre a poesía de Eduardo Pondal, por parte de Carvalho Calero, Salvador Lorenzana (Francisco el Riego), Méndez Ferrín, Otero Pedrayo, Vicente Risco, e Manuel Forcadela e un longo inventario de autores identificados coa obra de Pondal. Que se distinguen daqueles outros desordenados cualificativos, como o “bardo celta” ou o “poeta da raza”, este último figura na súa tumba no cemiterio de San Amaro da Coruña.

A letra do himno galego, persuádenos esa interrogación da primeira estrofa, na que Pondal priorizou estímulos de descuberta, de facerlle preguntas identitarias ao noso microcosmos, cando percibimos rumores, o verdor da paisaxe, e tantas transparencias que nos sustentan na nación de Breogan. A súa revolución poética, a do verso punxente, continúa defendendo os valores e atributos do noso pobo, que outros tratan de confinalos nos silencios da negación. No poema: “Sea forte o galego”, fixo a seguinte chamada de dignificación colectiva: “Sea forte o galego / nos combates da vida; / como robusto pino / que erguendo a escelsa cima, / da tempestade ao sopro / a poderosa frente non incrina”. Nos combates da vida, Pondal expresa e repite en cada estrofa do poema titulado: “¡Bon Cop de Fals!”, a consigna da Revolta dels Segadors na toma de Barcelona de 1640, contra Felipe IV. Tal consigna de combate foi integrada no himno de Cataluña, e a recolleu Pondal: “¡Firmes!: ¡Bon cop de fals!”   

Uxío Carré Aldao escribe no seu libro: “La Literatura Gallega en el siglo XIX”, no apartado dedicado a Eduardo Pondal, ademais de tratalo como un extraordinario poeta, o posiciona como humanista e asentado nunha enorme cultura sobre o noso país, desde o que acede a outras latitudes. Pasando polas afrontas de seus conterráneos, “devido ás aspiracións de novos ideais de liberdade e progreso”. Sinala Carré Aldao que loitou contra os que combatían o avante do Rexurdimento. A mesmísima Emilia Pardo Bazán dedicoulle a Eduardo Pondal, unha frase desas que tiña no manual das denigracións contra escritoras e escritores como Rosalía e Curros. Da condesa non se librou o poeta de Ponteceso, chamándolle “luz de luna”, no comparativo de satélite e negándolle a luz de astro. Mais Murguía o posicionou como un dos áticos precursores da innovadora literatura galega daquel prodixioso movemento crepuscular que foi o Rexurdimento literario, no que Eduardo Pondal destaca como unha figura chave do mesmo.

Comentarios