Opinión

Putin na admonición de Pushkin

A obra teatral do dramaturgo ruso, Alexander Pushkin, titulada: “Os apousentos do zar”, comeza co diálogo entre os dous serventes deste magnate sanguinario. O primeiro deles pregunta: “Onde está o zar”. O segundo responde: “Está falando cun adiviño”. Continúa o primeiro: “Está ben! Esas son as xentiñas do seu pracer: profetas, feiticeiros, adiviños. Semella a unha moza casadeira que adiviña sempre. E curioso: Qué será o que quere adiviñar?” Responde o segundo: “Pregúntallo, aí vén”. O primeiro: “Oh, que sombrío está!” Fala o zar: “Acadei / o cumial do poder. Logo cumprirei / o sexto ano do meu reino sosegado. / Entón, son feliz? Non! É o mesmo / que acontece na nosa mocidade / cando estamos sedentos de pracer / namorámonos; mais, saciada / a sede de amor mediante un breve gozo, / logo vén o fastío... En vano / os magos augúranme longos anos / de vida e de agraciado goberno. / Non poden entreter a miña vida / nin o meu poder: presinto a desgracia / e a ira divina. Desgraciado de min!”

O drama que nos presenta Pushkin está relacionado cos diversos conflitos políticos e sociais nos que estaba confinada a Rusia do zar Boris I Godunov, que a gobernou desde 1598 a 1605, que perpetrou o crime, durante os sete anos no poder, nun contexto histórico turbulento que a obra pushkiana revela a este  avarento e criminoso impostor. A traxedia escénica de Alexander Pushkin, revela o ditame daquela época e de seu sátrapa, transferida á actualidade bélica da Rusia actual, que ben podemos pensar que Putin é unha reencarnación de Boris I. A historia sempre repite os excesos do poder de diversa maneira, esclarecendo o totalitarismo convivinte entre épocas determinadas. Podemos admitir a traxedia daquela Rusia da que foi cruel protagonista Boris Godunov, coa actual agresión cometida en Ucraína e de millóns de rusos que soportan a tiranía de Vladimir Putin.

Nesta analoxía, Pushkin pon en boca do monxe Pimen, o seguinte: “Todos nós provocamos / a ira do Señor, por elixir / a un infame rexicida como zar. / Oh, qué horríbel desgraza, incríbel!” Cantos cidadáns da Rusia de Putin estarán considerando as palabras de Pimen, no intre de avaliar a gobernabilidade ditatorial deste obsesivo imitador da crueldade que deixaron os criminosos zares. A semellanza entre Boris I, que nos presenta Pushkin, e os comportamentos de Vladimir Putin, como sublime ditador omnímodo e agresor colonialista, móstrase na crueldade que practica na actual guerra de Ucraína. E co poder absoluto que practica nesta Rusia que el modelou con astucia e cautela, erixíndose como o zoar do século XXI. É innegábel a concorrencia entre estes dous estados despóticos. Mais o de Putin resulta perigosamente nocivo para a humanidade, cando a ameaza co seu poder atómico que acumula Rusia. E con el toda a ralea de visionarios, profetas, feiticeiros e adiviños. Pushkin, advertiunos coa súa admonitoria contundencia.

Comentarios