sábado 25/09/21

A presenza de Xela Arias no Liber-84 de Barcelona

Do 25 ao 30 de setembro de 1984, a cidade de Barcelona organizaba o Liber-84 con ímpeto de superación, con respecto ao Liber-83 celebrado en Madrid. Barcelona logrou A pretendida superioridade no “Liber-84”. Correspondente a 22 edición do Salón Internacional do Libro. Todo un monográfico dedicado ao mundo editorial situado nunha superficie de 7.700 metros cadrados  no pavillón da Metalurxia do recinto da Feira de Mostras de Barcelona. No que se instalaron máis de 600 editores nacionais e internacionais. Nun daqueles espazos estaban os libros da editorial Xerais de Galicia, e a fronte deles  Xela Arias. Coido que tamén estaba o recen nomeado director desta editorial, Luís Mariño. Cando recalou por uns momentos, a comitiva de autoridades, presidida por Jordi Pujol, presidente da Generalitat; Javier Solana, ministro de Cultura; Pasqual Maragall, alcalde de Barcelona e Paul Nijhoff, relacionado co mundo editorial holandés e representante dos editores. A activa e elocuente moza de 22 anos, Xela Arias, mostroulles certos libros expostos, sobre todo un a petición de Pujol. Non sabemos que título era do interese do president catalá. Mais foi unha noticia resaltada por determinadas difusións de radio en galego, asentadas en Barcelona.

Neses días de instancia no Liber-84, Xela chamoume con urxencia e finalidade de entregarme en mao unha entrada especial e personalizada que a dirección de Xerais enviábame para asistir aos eventos do Liber-84. Ademais era portadora de 20 convites para que eu os distribuirá entre os amigos galegos interesados pola lectura e os libros. Nese momento eu non podía procurar o agasallo de Xerais, dado que tiña na miña casa ao poeta ourensán, Eduardo González Ananín a súa dona Carolina e o pintor Marcos da Abeleda e a súa dona Fina Priedes, nese horario en que Xela pretendía facer a entrega, eu estaba ocupado cos amigos visitantes no Museo Picasso. Propúxenlle que collera un taxi e viñera á miña casa para xantar e falar. Xela acepto e á hora marcada apareceu. Eu non a coñecía persoalmente, si que tiña lido seus poemas en algunhas revistas especializadas en poesía. Mesmo, tíñame enviado varias publicacións de Xerais, das que eu fixera varias recensións de prensa.

A presenza de Xela Arias naquel xantar, ilustrou convivencia na miña casa, durante unhas tres horas de conversa, abrindo e concretando un diálogo emocionante mantido entre Xela e Fina Priedes. A asturiana falou sobre a súa dramática situación, cando estreaba mocidade a seus 15 anos, formou parte da resistencia e das operacións maquis, sendo apresada polos fascistas, torturada e encadeada. Cando saíu do cárcere, coñeceu en Asturias a Marcos de Abeleda, casaron cando ela tiña 17 anos. Lembro a atención e a fixación que a nosa poeta puxo na admiración dos feitos narrados pola antiga guerrilleira. A Fina a falar e a Xela a interrogala e collendo apuntes sobre a participación das mulleres na guerra civil. Fina Priedes a reconstruír o papel das mulleres fronte a represión revolucionaria de 1934, das mulleres rurais da minería. A explosión da guerra civil de Oviedo, os ambientes comunistas de Asturias, os batallóns feministas na vangarda política e combativa fronte a agresión do exército sublevado. Lembro daquela conversa que Xela estaba moi fixada nos matices sobre a conciencia feminista, procurando respostas do comportamento das mulleres normais e populares fieis á República. Priedes decatouse que a poeta visitante enfilaba as súas preguntas e curiosidades sobre o  impacto e percorrido feminista no proceso da guerra civil. Mesmo, polo lado emancipador das mulleres e da conciencia que as estimulaba. A Fina mudou a crónica polo relato de rescate emocional que para Xela conferíalle unha enerxía pedagóxica e didáctica ao escoitar falar á memoria na palabra rompente dunha protagonista da contenda bélica. A asturiana co puño e batendo na mesa, como confirmando co seu imperativo cívico e revolucionario a acentos de mulleres asturianas combatentes. Sendo as adiantadas romper seus prexuízos e marxinalidades que foron capaces de crear innovados horizontes de liberdade. Mulleres analfabetas que na guerrilla aprenderon a ler.

Rematada a longa conversa, levei a Xela no meu coche ao pavillón do Liber-84. Durante a curta viaxe de regreso, ía realmente emocionada por encontrar a unha dona protagonista e vítima da represión con tanta vitalidade defensiva,  conciencia e coraxe feminista. Faloume da necesidade de traducir para o galego, aos grande escritores de outras literaturas que temos que ler en castelán. Era unha das necesidades que Xela notaba a faltar, para dinamizar o coñecemento de outras literaturas e ampliar os parámetros de tradutores.

Pasaron 37 anos do único encontro que tiven con Xela en Barcelona. Envioume o seu primeiro libro de poesía: “Denuncia do equilibrio” (1986). E anos mais adiante, xusto en novembro de 2003, chegoume a inesperada e triste sorpresa do seu falecemento. Foi para todos algo incomprensíbel. A súa erudición vocacional e defensiva pola palabra galega, coa que erixiu e forneceu a nosa literatura. Mais a resonancia da súa ática verba continúa viva, para conmemorala e lexitimala na súa obra que continúa rompendo tantas alienacións e escurantismos. O Día das Letras Galegas deste ano, as veremos mais erguidas e liberadas coa palabra sen renuncia que nos deixou Xela Arias Castaño. Sen renuncias, celebraremos a Xela nas prazas, nos suburbios, e nos ermos onde a palabra agarda ser inzada en proclamas identitarias, sen medo. Como ela deixou escrito  no seu legado poético:

     “Nega o medo.

       Dá a túa risa.

       Arrima os días

       e na punta alta do odio coloca

       xunta a min o necesario desespero”.

comentarios