Opinión

Predominio da decadencia e da ignorancia

O universo no barullo das decadencias. A converxencia da crisis económica, da actualidade pandémica e do cambio climático que emerxen nunha imparábel decadencia de valores. Nestas circunstancias todo é posíbel e críbel. Sucede como na multiplicación dos pan e dos peixes: o grande milagre da confusión. A sociedade que soporta agravios e continúa atrincheirada na pobreza e na ignorancia, sen palabras e sen ideas para disparar e acertar no branco dos que provocan decadencia. Tales desfases comezan cando non se dan respostas contundentes contra os que as programan e executan. Nestes ambientes insoportábeis da anormalidade decadente, a temeridade amplíase cara un anuncio apocalíptico. Mesmo sucede cando non se dan respostas precisas contra os grandes intereses e interesados explotadores dos seres mais indefensos e das materias primas de sostibilidade material e ambiental. Nestas situacións  anúlanse as ideas máis necesarias para dar resposta as decadencias que soportan os marxinados. Curioso: a marxinación convértese en silenciosa flaxelación, en código de dominio contra os axentes que producen riqueza: os traballadores. Ese silencio absorbente que elimina calquera crítica dirixida aos poderes económicos e políticos. O sistema imperante e desestabilizador, blíndase na discreción e na súa ousada temeridade.

De diferente maneira, todos estamos na gaiola da confusión e sen percibir as decadencias e as atadeiras dos poderes fácticos dun sistema que espalla confusión para que seus domesticados estean desmemoriados, conformistas e adeptos a seu propio declive. Somos pezas amorfas dun encaixe dominante. Así é posíbel a confusión da nosa derrota. Estamos na certeza de ser escravos sen dar mostras de que o somos? Hai conciencia delo, mais todo o encubrimos no limiar do silencio? Tanto silencio ocultando o transcender das transparencias. Nese revulsivo hábito de renunciar ao combate está a aposta esmagadora dos foraxidas que fornecen seus imperios coa plusvalía dos desvalorizados traballadores. Vivimos nunha sociedade de rendementos que induce e anula a nosa autoestima, conferíndonos a enigmáticos auto sometemento. O colapso social en que vivimos xa non permite entender as pequenas particularidades dos problemas existenciais. A sociedade produtiva está desatendida por si mesma e xa non percibe a súa propia e profunda alienación á que está sometida, tanto a nivel individual como colectivo.

Marx criticaba a férrea disciplina de explotación que se lle impoñía ao proletariado mineiro e téxtil no século XIX, alleándoo de seus magoados problemas existenciais e humanitarios. O longo período postmarxista, móstranos unha actualidade de auto explotación que converte aos axentes laborais nun flaxelo permanente e anulando seus  sentimentos de liberdade. Velaquí o predominio da ignorancia máis teimuda ao pecharse en estímulos e prédicas fundamentalistas do propio sistema opresivo. A ignorancia e a maior usura dos tempos actuais. É a crueldade máis nociva dos atrasos e retrocesos que o desorde actual está puntualizando en seus omnímodos poderes, utilizando sofisticada linguaxe e labirínticos símbolos que nos reclúen en escuros dominios. A ignorancia, posiblemente, sexa a maior traxedia cando se converte en transixente coas anomalías que proveñen do trío que inculca e protexe a ignorancia, como baluarte dun conformismo que ampara os sistema político, económico e relixioso. Aquí é onde millóns de oprimidos  mastigan lixo e coidan que ten sabor a dignidade. A ignorancia procura degustar o marmelo putrefacto coidando que é doce.     

Comentarios