Opinión

Polos vieiros de Manuel María

Adiántanse as letras galegas de 2016 dedicadas a Manuel María.


Adiántanse as letras galegas de 2016 dedicadas a Manuel María. O pasado domingo iniciouse un roteiro polos diversos espazos urbanos de Monforte de Lemos, dirixido por Xosé Rodríguez Martínez e convocado pola Asociación Colado do Vento de Sober, coa que colaborou o Colectivo Lemos Le. Un longo percorrido que comezou na igrexa da Compañía (Escolapios), mesmo no retablo de Gregorio de Moure, onde Manuel María era un afervoado visitante, ao que levaba a seus amigos a visitar a escena da circuncisión. Estivemos diante da estatua sedente e perto da casa onde viviu durante corenta anos. 

Nesta ruta de guiados, alén das doctas direccións manuelianas que nos deu Rodríguez Martínez, estaba a presenza de Manuel por tódolos arredores e arrecendos de Monforte. Xosé Rodríguez Martínez é un excelente coñecedor da historia e das entretelas de Monforte e de seu poeta adoptivo, en tódolos percorridos pola cidade do Cabe. Con esa presenza viva de Manuel María e do seu libro: “Cancioneiro de Monforte de Lemos”, do que se destacan as lecturas que se realizaron nos lugares evocados polo noso poeta e, tamén, da Ribeira Sacra. A rúa do Cardeal Rodrigo de Castro, na Praza España, na Cadea Vella, no altivo monte de S. Vicente, na ponte gótica, nas Clarisas, no Campo de Santo Antonio e na antiga sede do Concello de Monforte onde el foi concelleiro na primeira lexislatura da democracia. 

2016 será un excelente ano para manter ese diálogo, que nunca se suspendeu con Manuel María

Mergullarse neste tipo de percorridos, coa activa participación dun nutrido grupo de mais de cincuenta persoas, dun guieiro tan activo e dun poemario tan expresivo que nos abre singular ruta polas delicias dun portentoso percorrido, onde Manuel deixou a súa pegada e iluminou estes espazos, converténdoos en materia viva e memoria transcendental.

Ao final, en volta da súa estatua, Suso Verao interpretou algunhas das súas cancións dedicadas a Manuel María. Tamén o grupo musical o Trícole de Sober cantaron varios poemas musicados de Manuel. Un escenario moi emotivo e vivo que pode que adiante as homenaxes previstas para o próximo ano. Isto significa que a personalidade creativa e humanista do noso preclaro poeta e da súa obra tan activa e personalizada en varias xeografías e problemáticas de Galiza, comeza a conducirnos nun enorme acontecemento histórico do Día das Letras Galegas de 2016, será todo un acontecemento onde ao noso poeta nacional, volvamos a reencontralo en tódalas Galizas posíbeis; no memorando que el nos anticipou na constatación da súa obra poética, na prosa, no teatro e na súa creatividade xornalística.

2016 será un excelente ano para manter ese diálogo, que nunca se suspendeu con Manuel María, por medio de centenares de actos xa previstos, de publicacións e outros estudos que verán a luz para conmemorar e ir ás fontes da sabedoría e do amor persistente que Manuel María profesou ao pobo galego.

         

Comentarios