Opinión

Polo lindeiro da mudanza e da soidade

Aférrome aos versos de Camões. A súa proclama está o inventario dos lindes do tempo no destempo, e a deserción dos desandares existenciais e das carencias do que un pensa, de que o tempo carece de determinacións absolutas. O ser humano é ese bichiño tan enorme e tan indecente, cando mastiga os escrúpulos alleos e non chega a comprender que as mudanzas confinan as súas persistencias, cando esquece as mudanzas temporais. Aférrome ao pensamento camoniano, nese camiño sen retorno e con tantas encrucilladas, polas que transcendemos, sen presentir as mudanzas, cando os lindeiros da vida evocan a perda do que xa non precisamos. Mastigamos tantas amarguras cando deixamos de percibir os signos da mudanza global. Di o épico portugués: “Mudan-se os tempos, mudan-se as vontades, / Muda-se o ser, muda-se a confiança; / Todo o mundo é composto de mudança, / Tomando sempre novas qualidades”. Estes versos precisan dunha reflexión ben nutrida de pensamento estoico, tamén, salientando a meditación budista para emancipar as nosas conspiracións emocionais, social e colectivamente, sen liturxias nin solemnidades, para que a vida teña outros recoñecementos nas mudanzas que esixe o tempo.

Procurar mudanzas, na verdade e na plenitude da nosa soidade, non deixa de ser un esixente acto para contemplarnos e recoñecernos enteiros e predilectos, resistindo no récord de insólitas descubertas. A verdade non tolera esaxeracións do que a vida en mudanza exerce. Como sinalou Gramsci: “Dicir a verdade é sempre revolucionario”. Pode que a verdade emancípese na soidade. As nosas coitas interrógannos, ás que nunca respondemos con asidua exactitude de revolta. Non nos contemplamos, quizais porque somos dunha estirpe cargada de erros e de medos. É preciso dar a batida con mudanzas conspirativas. Mesmo no que o tempo insinúa en súas mudanzas, para saír da covardía  e dese fluído barullento que nos acomoda a vivir fóra da realidade, instalados na cova dos tempos idos e no silencio cenobítico sen comprendelos.

Nós, os parias globalizados, somos incapaces de renunciar ao que pulsan os silencios. Somos incapaces de renunciar aos silencios dos cortellos, para erixir debate coa soidade dun pensamento innovado e ser capaces de forxar mudanzas de igualdade e liberdade. É preciso a soidade das contundencias, emisaria de íntimas transcendencias. Atérranos ficar sos e sen nós, mesmo cando as mudanzas insinúanse en tácitas verdades. Mentres toleremos o lastre da poeira que lanzan monolíticas e poderosas esfinxes do poder político e financeiro, estaremos á deriva de temas importantes e abundantes que clarifiquen esa mudanza que nos trae o ecoloxismo e o feminismo, entre outros aportes dialécticos que matizan as verdades en mudanza, que entendeu Camões. Tamén aférrome ao ditame destes dous versos de Celso Emilio: “Ti i eu sen tempo / polo tempo que imos”.

Comentarios