luns 06/12/21

'Poesía galega Reunida (1991-2017)', de Isidro Novo, polas andainas saudosas da súa lírica

Dicía Jorge Luis Borges que a poesía é a depositaria da hospitalidade para os que a procuran en todas as súas afinidades e dimensións. Sobre todo para quen intenta confortarse co seu misterio, coa soidade e máis coa arte de construción que moitos lectores e críticos a procuran interesadamente desde o lado histórico, escatimando os valores efectivos que podemos obter desa sintonía intrínseca e fundamentada na patente ordenada da portentosa palabra que define ao poeta, como buscador das esenciais e das  retrospectivas  desa constante andaina sen retorno polo solitario exercicio de abrir portas e fiestras para osixenar o verbo creativo que nos convoca para descubrir admirábeis símbolos e combates que latexan nas nosas fraquezas. Sen limites e con sensíbeis interrogantes, no don poético que é capaz de desfacer as ataduras, ante estas dimensións do poema e de seu creador, encontramos a pluralidade como é o caso do bo facer de Isidro Novo.

Convén admirar as reflexións e os valores tan determinantes con que resolve a súa poesía Isidro Novo (Lugo, 1951-2018), no recente libro de estrea: “Poesía Galega Reunida (1991-2017)”. Publicado pola Editorial Galaxia (2021). Un refrescante memorial lírico vindo dun enorme poeta que nos clarifica os dons e as perlas da poesía que nos pode aclarar a brevidade de todo un universo que os lectores debemos ter a valentía de descubrir e admitir o transfundo da materia poética. Como dicía Oscar Wilde: “Quixen coñecer a outra banda do xardín”. E nesa admirábel misión de pretender descubrir e constatar o enorme florilexio de ilimitados espazos e confirmar a oferta deste noso xardín galego que soubo captar e entronizar na súa poesía Isidro. As referencias imperiosas que vibran nas tres partes divisorias, unificadas neste libro: “Dende unha nada núa” (1997), “Poesía dispersa” (1991-2017) e “Sonetario impertinente (libro de trivialidades urxencias e desafogos puntuais)”. Tres fecundos apartados que engaden diversos subtítulos nos que concorren matices e temperos emerxentes, para un tempo de poesía no que Isidro Novo albiscou a necesidade de innovar a poesía galega, nun escenario de toma de conciencia identitaria. El percibiu un tempo de innovación na que non valía observalo, senón multiplicalo, interpretalo e mudalo coa mobilidade que el prestoulle a esa innovación, tendo como reflexo o pretérito herdo identitario.

En toda a súa individualizada creatividade que nos aportan os tres subliñados apartados, no “Sonetario Impertinente”, o seu autor ofrécenos as seguintes “Palabras prévias”: “Algún foi feito [sonetos] hai moitos anos e moitos fai só algún tempo, pero neles todos fun eu e coido que en todos, dalgunha maneira, sigo sendo dentro do presente máis cotián e ordinario”. Aporta a este terceiro apartado cincuenta e catro sonetos, nada dispersos e  diversificados en concretos temarios que inciden na toma de conciencia pola pertenza do noso, como solemnizan os seis últimos versos do último poema desta xeira: “Hai que volver a onde o país ten alma / se agoamos darlle alento á esperanza / e arelamos seguir sendo quen somos / Cómpre erixir alicerces con calma / se queremos insuflarnos confianza / para ser mellor fogar que fomos”. Este tipo de manifesto ou testamento patriótico de Isidro Novo, de indicadas e perseverantes alertas, trata de preservar os dons identitarios, que foráneas mentes depredadoras pretenden eliminarnos. Este poema leva a data “(Outubro, 2017)”. Ler este poemario, de recente estrea, e como conversar coa cordialidade sempre presente do noso saudoso Isidro Novo.                   

'Poesía galega Reunida (1991-2017)', de Isidro Novo, polas andainas saudosas da súa lírica
comentarios