xoves 09.04.2020

Poesía! Flor de vida namorada

Hoxe é un gran día para celebrar a dous poetas que tiñan o mesmo nome e, amais, naceron o 19 de xaneiro: Eugénio de Andrade (1923-2005) e Uxío Novoneyra (1930-1999). Os dous amaron e partillaron emotivas imaxes do fervor da terra nativa, tanto do lado telúrico como da paisaxe, que suxiren tantas dimensións que cada espazo ofrece. Tanto Eugénio como Uxío motivaron emerxencias da terra en varias ordes do que ela ofrece da súa minuciosa e iniciática orde que, estes dous grandes da poesía galaico-portuguesa, compendiaron a elocuencia e a oferta que nos seus poemarios podemos extraer fortuna lírica e metafísica para confortarnos e contemplarnos.

Para celebrar, tamén, a poetas que no corrente ano celebramos o centenario de nacenza e visitar ese afortunado legado poético: residencia pedagóxica do grande misterio da poesía que nos circunda e atrae como flor de vida namorada. O inventario dos poetas mundiais que nos chaman e animan a ler e descubrir as súas propias obras, son poetas para non esquecer. En 1920 comezaron a balbucir as palabras até acenderlles luz e lumieira estelar. Neste  centenario podemos celebralos lendo os seus apoteóticos versos para non consentir que luz xenerosa non se apague.

Mohammed Dib, foi un prodixioso poeta e novelista arxelino, de notábel compromiso coa liberación nacional de Arxelia, sendo expulsado do seu país pola ocupación francesa. Foi profesor das universidades de California e París. Procedía dunha familia pobre e  pasou polos oficios de xastre, contador de comercio, intérprete e membro do Partido Comunista de Arxelia, casado cunha francesa. Os seus primeiros poemas os escribiu aos quince anos. Dib foi o gran escritor arxelino e una das figuras mais importantes da literatura contemporánea. Poeta comprometido cos cambios sociais do seu país e cos valores de liberdade para a muller. Así respiran estes versos: “as aves bruscamente de novo / velaquí a muller / sen estrela nin soño, nin géyser, nin roda, a muller.

Olga Orozco, é unha das voces mais interesantes da poesía de Arxentina, integrada na chamada “Tercera Vanguardia”, marcada polo surrealismo. As súas referencias de inicio poético foron S. Juan de la Cruz, Rimbaud, Nerval, Baudelaire e Rilhe. Nesta dimensión configurou unha das poéticas mais atraíntes de América latina. O relato poético de Olga Orozco, está debruzado sobre a procura  iniciática, de innovada repercusión no que ela verificou nas fontes do tarot, como revela o poema: “La cartomancia”, no que se revelan símbolos exotéricos que Orozco soubo administrar nesa elocuencia con que configurou o mencionado poema: “No invoques la Justicia. En su trono desierto se asiló la serpiente. / No trates de encontrar tu talismán de huesos de pescado, / porque es mucha la noche y muchos tus verdugos”.

Rosemary Dobson, esta poeta australiana era neta do ensaísta e poeta, Austin Dobson. Asistiu á Universidade de Sydney e exerceu como editora. Os mais dunha ducia de poemarios da súa autoría revelan a unha das voces mais sobranceiras de Australia. Foi unha poeta moi virada á poesía clásica, clasificada dentro dos parámetros horacianos. Os rexistros poéticos de Rosemary Dobson suxiren meditación. Porque foron creados para ser asumidos para abrir cancelos a unha poesía de imaxes, capaz de levar ao lector a outras dimensións, alén do repregue do poema, para protexelo coa imaxe. Como ela simplificou: “Era unha cor estraña, unha lúa nova, / Unha bola equilibrada nunha fonte”.

João Cabral de Melo Neto, estamos ante a enorme personalidade do poeta pernambucano, que é homenaxeado en todo o Brasil no seu centenario. Comparte aureola florida con os grandes da modernidade da poesía brasileira: Manuel Bandeira, Drummond de Andrade, Cecília Meireles, Murilo Mendes, Vinicius de Moraes, Jorge Lima e Mário Quintana, o inventario deses grandes continúa. João Cabral estivo en dúas ocasións ao fronte do Consulado do Brasil en Barcelona, 1947-1950 e de 1956-1958. Da súa primeira estadía, contacta co Joan Miró, escribindo un ensaio sobre o pintor. En 1948, xunto a Joan Brossa, Antoni Tàpies, Modest Cuixart, fundamentan o grupo artístico de Barcelona: “Dau al Set”, adscrito ao movemento surrealista. João Cabral de Melo Neto, foi un intelectual que coñecía a cultura e as letras hispanas. Froito delo, publicou un libro de poemas, titulado: “Andando Sevilha”. Barcelona tamén prepara homenaxes ao grande poeta que fertilizou versos como estes: “A chuva na Galícia / é a chuva Rosalía: / nela se perde o tento / se chove fora ou dentro”.

Joan Perucho, este xuíz barcelonés non se retraeu exclusivamente a ser xurista, senón que foi poeta, novelista, articulista e crítico de arte. A el debemos varios dos escenarios polos que transitou con esmerada militancia literaria. Vinte e un libros de poesía confiren autoridade a un poeta traducido a varias linguas. Perucho foi ese poeta de palabra limpa que individualiza un lugar importante na poesía catalá. “Agora respira sobre o muro, insomne. / A morte encheu de terra aquela boca”.

Eliseo Diego, a cubanidade ten respiros sublimes neste poeta, do grupo “Orígenes”. Din os seus críticos que a súa poética forneceuse dunha relixiosidade emocional, ese destino de reclusión en si mesmo que tiveron tantos cubanos. Foi un pioneiro divulgador da literatura cubana en varias universidades de América hispana. O seu primeiro poemario, data de 1949, titulado: “En la Calzada de Jesús del monte”, que catapultou a toda a poesía de Eliseo Diego a permanecer no éxito. “Calzada, reino, sueño mío, de veras tu me comprendes / cuando la demasiada luz forma nuevas paredes con el polbo”.

György Somlyó, poeta húngaro e unha das reliquias poéticas que tivo o seu país. Procede da basta cultura poética, representada polo enorme poeta nacional Attila József esclarecedor emerxente de tantas virtudes que concedeu á poesía húngara. Somlyó participou no movemento literario “Lua Nova”, influenciado polo surrealismo francés. Moi orientado á literatura francesa, sendo profesor da Sorbona. Recoñecido dramaturgo e persistente crítico literario na Radio Nacional de Hungría. Esmerado sonetista, entre outras variedades estéticas que mostra o valor da súa poesía.

Tonino Guerra, unha das voces italianas que foi considerado como o poeta do cinema, pola súa calidade de guionista e por introducir acentos líricos nos seus guións. Tonino Guerra pertenceu ao movemento de poetas, “E circal de giudizei”. De seus guións cinematográficos fixéronse servir grandes e múltiples directores, como Federico Fellini e Vittorio De Sica. Sendo mestre de escola foi apresado polos nazis e introducido nun campo de concentración. Autor de numerosos libros de poesía. Sirva esta proba tan persoal: “Contento o que se di contento, / estiven moitas veces na vida / cando me liberaron en Alemaña / fiquei ollando unha bolboreta / sen ganas de comela”.

Raul de Carvalho, este poeta portugués estivo integrado no movemento neorrealista, tamén con destaque surrealista. Na década de 1950, os seus poemas suxeriron unha importante atracción crítica, e connotado como un poeta que procurou a dimensión da palabra poética, coa que caracterizou o seu surrealismo. Moi estimado en varios estratos literarios portugueses. Mais non foi considerado como un dos grandes poetas da súa xeración. Como se di en Portugal, daquel que non chegou a ser  de suposta importancia: “É un grande poeta secundário”. “Os lábios secan, as palavras dormen, os sonhos dispersam-se, a presença ausenta-se, há o lago de que não se ve o fundo”.

Paul Celan, poeta imprescindíbel para comprender a poesía contemporánea. De orixe xudeu, considerouse alemán por nacer en Czernowitz, terra que pasou a formar parte de Romanía en 1918, na I guerra mundial. En 1944 a Unión Soviética anexiona este territorio a Ucraína. Paul Celan abandonou o sionismo, participando en instancias socialistas, apoiando a República española na guerra civil. O seu primeiro libro o publica en alemán. A poesía de Celan destaca a súa influencia surrealista. Foi considerado como un virtuoso da palabra poética que fomentou tantas emocións nun publico que o considerou como o poeta alemán do século XX. Viviu en Francia, onde morreu en 1970. “Os teus ollos – para onde están orientados os teus ollos? / Os teus ollos están orientados cara a améndoa”.

Benvida a poesía, en este ano que encetamos con estes dez poetas. Cultivando a flor namorada e solidaria da poesía para ser mais libres e enteiros. O noso poeta, Luís Pimentel, acertou cando dixo: “¡A poesía é o gran milagre do mundo!”. E Manuel María insistiu: “Un poema é un ser vivo que anda, / respira, soña, chora, salouca, / ama, berra, cintila e escurece, / cala, aborrece a mentira”.

Poesía! Flor de vida namorada
comentarios