Opinión

Pintar o esencial da terra

A nosa terra ampliada polo pincel de Carlos Maside, fixando eses matices humanos dunha Galiza vital para preservar e durar na súa identidade e, tamén, ambicionar a súa liberdade. Espreitando as  figuras cromáticas do pintor de Pontecesures, na vangarda dunha testemuña permanente sobre as mulleres sometidas a traballos cotiáns. Maside visualizou individualidades e grupos de traballadoras fixándoas na pintura para ser recoñecidas e multiplicadas na permanencia emerxente que ergueron sobriedade e organizando esta terra espida en cor de orxo. 

As pinturas de Maside esclarecen e matizan os esforzos e a diversidade de rebuscas para superar as longas miserias que as intimidou. A precisión con que Carlos Maside matiza a miseria e o dramatismo do pobo galego do seu tempo, no que as mulleres abriron varias vías redencionais, non deixa de ser unha homenaxe a seus esforzos. O noso pintor non falsificou a orixinalidade daquela Galiza decadente e adversa, na que estaba a muller sufridora e integrada en traballos dispersos, tantas veces superando a dos homes. Maside divulgou diversos espazos presenciais onde as mulleres galegas diversificaron contundentes actividades nun país de tantos minifundios coloniais. 

As exitosas imaxes da pintura de Maside, sobre a presenza feminina tecendo o seu propio universo, tan puntualizado na protesta silenciada e irradiando liberdade, pese a ser constantemente agraviadas. Esas vestes tan marcadas por formatos decorativos e populares, de expresivas cores que promocionaron admiración pola beleza estilística na que se representa a estas mulleres en súas diversas actividades. Como son as vendedoras de produtos da terra e do mar, presentes nos  mercados e feiras populares, as cacharreiras, as peixeiras, leiteiras, panadeiras, vendedoras de froitas e pementos de Herbón, que tantas veces as viu Carlos Maside trasfegar polas rúas de Compostela e ouviu os rogos de oferta, ecoando reclamos para vender seus produtos. As sufridas mulleres labregas e mariñeiras, en seus esforzados labores, transcendeu daquela economía de subsistencia, puntuais  rebeldías nun país silenciado, fronte a unha ditadura asasina. Nestas circunstancias, as pinturas de Maside desvelan o destino das nosas xentes nun período de opresión e dun longo ciclo de corenta anos, con varias xeración procuraron saír do foxo das precariedades, inventando cousas efémeras que só inventan os que padecen pobreza e con elas intentaron saír á superficie, prestixiando o esforzo en diversas modalidades que Carlos Maside evocou nese encanto humano, proclamando contundencia social nos respiros da súa pintura, onde as mulleres gozan de liberdade. 

As mudanzas políticas aconteceron e os tránsitos xeracionais tamén. Mais as mozas e os mozos, nacidos e activos nestes corenta anos de democracia e liberdade, no suposto de que estes dous substantivos sexan fiábeis para constatar a superación dos anteriores corenta anos de posguerra. A mocidade actual continúa frustrada ante un sistema que fomenta desigualdade e retrae valores sociais. As institucións continúan fieis aos ditados do sistema capitalista, cuxos tentáculos continúan destruíndo espazos de estabilidade social e laboral. A presente xeración moza soporta un dramatismo que se concreta no desemprego e nos salarios de miseria que lles produce diversas dependencias e outras condicións laborais autoritarias. Unha xeración de mozas e mozos, moi preparados, os máis deles, están sucumbindo ao infrahumano. A mocidade actual procura un sistema social e económico diferente. Fica por inventar outro pragmatismo contestatario no que se concreten diversa protestas, onde outros pinceis revolucionarios, como os de Carlos Maside, influían noutra mudanza cualitativa da Galiza protagonizada pola mocidade.                 

Comentarios