Opinión

Permanecer no legado de Castelao

Xaneiro é para os galegos un mes entrañábel e multiplicado de lembranzas, porque é o mes enteiro do noso inesquecíbel Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, nel finou un día 7 deste mes, no exilio de Bos Aires en 1950, e naceu o 30 en Rianxo. Dentro de catro días celebramos os seus 134 anos. Particularmente, teño preferencia pola celebración do 30 e non pola do 7, aínda que si é lembralo.  O óbito pode que nos reclúa na tristura. Coido que celebrar a vida enteira e vital dun enorme persoeiro da calidade de Castelao, permite mergullarnos nos seus pasos certos que abriu camiños para seguir os seus tránsitos, as súas visibilidades e as inalterábeis certezas, rescatando a autenticidade galega; ordenando cada peza dese quebracabezas alterado e dispersado polos que organizaron múltiples depredacións na nosa identidade. Se algo somos na reivindicación e na loita por unha Galiza eficiente e non alienada -incluso na palabra conspirativa e sempre en alza- debémosllo a Castelao, pola autenticidade do seu discurso ideolóxico.

Neste século XXI, a 70 anos da morte de Castelao, permanecen as dúbidas que protagoniza a crueza social e económica que nos depara esta Galiza desintegrada pola pobreza das súas clases sociais, pola falta de postos de traballo e polo auxe dun novo modelo de emigración que  a unha xeración moza, ben preparada intelectual e tecnicamente, a emigrar dunha maneira deprimente. Entre outras xigantescas inxustizas e escurantismos que se proclaman nas diversas xeografías de Galiza. Son desafíos que teñen que ser resoltos con prioridade e pragmatismo político, tal como advertiu Castelao. E isto é o que falta nunha axenda estritamente galega que recolla os graves problemas en que están fragmentados baixo un silencio esmagador, nas esferas e competencias da administración autonómica.

Neste eido tan personalizado pola inconcreción, tratan de confundir á sociedade galega obstruíndo e ocultando os graves problemas sociais, culturais e lingüísticos. Nestes casos tan puntuais, cabe unha palabra para dar nome a esta situación: colonialismo. Pouco se fala del pero existe. Castelao púxolle marca e nome, conferíndolle o seguinte alegato e destino: “A nosa Terra é nosa. ¿De quen máis podía ser? ¿Dos que a aldraxan? ¿Dos que lle negan a fala e o pensamento? ¿Dos que a encadean? ¿Dos que a rouban? ¿Dos que asasinan os seus fillos mais queridos? ¿Dos que a ensumiron na ignorancia? ¿Dos que a queren vender como escrava? ¿Dos que lle negan o dereito a ser libre?” Como nos quedará a conciencia sobre a situación social do noso pobo despois de ler este texto publicado en 1944, no “Sempre en Galiza”, que continúa vixente no que respecta á marxinación en que estamos sumidos. Nesta situación, aínda sigue ilustrándonos naquel debuxo minucioso e pedagóxico do seu álbum “Nós”, onde un patrucio acariña a tres cativos, cercados polo relato da miseria, sinálalles a orfandade que soportan, ao dicirlles: -“a nosa terra non é nosa, rapaces”. Velaquí o problema colonial: nu e en destaque, en alto relevo, para considerar o problema crucial no que estamos ensumidos e que continúa rigorosamente en maltreita vixencia.

Hai poucas semanas que Carlos Mella, presidente da Fundación Castelao, declaraba a “Nós Diario”: “Castelao foi moi pouco comentado e moi pouco lido”. É unha consideración que non debemos negar. Coñecer o nome de Castelao e algunhas das súas tarefas e compromisos, non implica, para a gran maioría de galegos, coñecer tódolos perfís da persoa e da obra de Castelao. Os 40 anos de silencio imposto pesaron. Pesan aínda. Mais Castelao esta habilitado na memoria de milleiros de persoas. Así o corroboran os grandes estudos que sobre el fixéronse e outros continúan en marcha. Mais é verdade que notamos a súa ausencia en certos niveis do ensino, en foros abertos da propia cidadanía. Quizais nas aulas universitarias é onde está mais presente e rehabilitado. Esta anomalía de deixar certas cousas no invernadoiro da memoria, poden ser lesivas para a nosa calidade de conciencia e compromiso como galegos, por falta de escudriñar e confrontar varios temarios da problemática social e nacional galega na obra de Castelao.

Estamos nun período de cambios estruturais, a nivel global que nos afecta. Temos capacidade para afrontar e de recoñecernos no que somos e na dirección que debemos coller, no sentido mais comunal: nacional? As ideas non abundan en certas xeracións para protagonizar un espléndido voo de admirada altura, e baixar das nubes sen precisar do paracaídas made in Spain. Castelao o dixo da seguinte maneira: “E xa é hora de dicir que Galiza será forte en Hespaña cando se negue a falar castelán e fale fortemente a súa lingua”. Esperanza e certeza visualizan todo o aspecto pragmático de Castelao que podemos observar no “Sempre en Galiza”, en seus discursos e conferencias. Todo un legado de permanencia para manternos no ático apousento da súa palabra e visualizar a realidade do noso país: “Galiza soio merecerá respecto cando abandonemos a nosa mansedume, despois de saber o que fomos, o que deixamos de ser e o que seríamos con vida independente”. Agradecemento a esa vida enteira que naceu o 30 de xaneiro de 1886.                 

Comentarios