Opinión

O patrimonio románico galego en desfeita

Impresiona a desfeita de numerosas individualidades do románico galego, como a que remato de observar nunha enorme fenda no mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Miño, na Ribeira Sacra, que se produciu hai anos nas arcadas do seu pórtico e que vai a maiores, sen que os axentes do patrimonio galego tomen decisións sobre este asunto. Non estamos idealizando estes monumentos románicos que aínda preservan os matices da nosa identidade medieval. Estamos sinalando un factor de risco que ten o patrimonio románico do noso país, sobre todo, en casos moi concretos como é este monumento, expresión da escola compostelá do Mestre Mateo. Estamos falando dun enorme monumento que polas súas características ten a súa supremacía nestas ribeiras miñotas da Ribeira Sacra.

Para cando haberá un diagnóstico ben elaborado e unha estratexia solvente para estes monumentos do románico rural, como o de Santo Estevo de Ribas de Miño? Ninguén sabe. Ignorar ou esquecer está na orde do día das institucións públicas, tan ignotas da realidade do que se pasa co noso patrimonio. Xa non falemos das previsións necesarias no que respecta á valorización monumental, ao investimento, protección e equipamentos de infraestruturas para preservar ese amplo volume da arte medieval que encabeza o estilo románico, unha das fontes máis interesantes na que a súa iconografía erelátanos a vida relixiosa, cultural, histórica, artística, económica e social, manifestando un amplo relato da vida enteira e dos sentimentos dos galegos do medievo. O pasado pesa en todas as súas emerxencias de futuro. Na súa perpetuación, non se abren as canles precisas para non ignorar o esencial do que somos. Recuperar o pasado significa constatar no presente a conquista do futuro. A quietude desas pedras mensaxeiras, con elementos figurativos, aínda nos fala do noso pasado e suxire presente e futuro. Monumentos visitados por centos de persoas e ignorados por políticos e institucións. Italo Calvino, no seu libro As Cidades Invisíbeis, fainos a seguinte pregunta: “Viaxas para coñecer o teu pasado? Viaxas para atopar o teu futuro?” Un grande dilema para a maioría dos que percorren estes monumentos, nos que non se verifica o pasado que emite respiros e conductas que personifican futuros.

Eses conxuntos de arquitectura románica posúen un elevado valor histórico, no que se reflexan acontecementos e epopeas populares, no que se verifica o preponderante labor de labregas e labregos que foron o motor dun cambio social permanente, no contexto da loita de clases,  facendo posíbel a grandeza destes espazos da sagrada ribeira. Aquí exprésanse os valores emerxentes e tecnolóxicos do que foi uso e costume utilitario, de tantas predisposicións, iniciativas e motivacións que foi o contributo manifestado polas clases traballadoras. Nesta dirección hai un silencio, por non dicir unha ocultación, do que se manifesta na iconografía románica e na abordaxe que sustenta a verdade do que foi o noso pobo na Idade Media. Só interesa un turismo relixioso de masas. Simplemente un turismo encadrado nun plano reducionista, que só se explica en formatos moi simples de relixiosidade, esquecendo -non sei se interesadamente- a multiplicidade que personifica o tema relixioso, no concepto integracionista do homo universalis. No ora et labora de monxes e freiras, converxendo nunha serie de diversificacións creativas en todos os aspectos creativos que tiveron respiro nestes espazos monásticos. Neste aspecto, falta unha retrospectiva puntual que reconstrúa cada unha das funcións que se deron nos numerosos mosteiros, igrexas, capelas e oratorios románicos e outras edificacións civís que aínda son indicativo dos cambios sociais dos séculos XII e XIII. Todo este contexto non se explica, lamentablemente. 

Alén das estruturas arquitectónicas e da relixiosidade destes templo, mantéñense outros contidos, talvez, máis amplos e singulares que se nos ocultan por parte de quen programa esas visitas, excesivamente de carácter relixioso, que tantas veces dificulta esclarecer contidos mais amplos do que foron estes enormes espazos de agricultura extensiva e cuxo centro foron os mosteiros. Non estou seguro de que os axentes do bispado e do Patrimonio da Xunta vaian de maos dadas e na liña de sublimar só unha evidencia en deterioro de outras. A conservación e divulgación do noso románico rural e de seus centros mais neurálxicos, como os da Ribeira Sacra, están a anos luz do románico que se conserva e divulga en Portugal, Cataluña e Navarra e xa non digamos en Francia e Italia. Mais hai casos moi individualizados na Galiza, como o que acontece co románico de Pantón (Ribeira Sacra), onde un grupo de persoas moi concretas puxeron en marcha a chamada Rota do Románico, que este ano chega á XXX edición, con varias proxeccións dirixidas por especialista do románico e seus variados contextos, na que se engloban estudos de divulgación sobre o espléndido conxunto de mosteiros e igrexas de Pantón, onde o Concello ten un protagonismo moi especial. Un modelo de participación a seguir noutros concellos. Sen estas previsións, o noso románico seguira en desfeita.        

              

Comentarios