Opinión

Patrimonio e dignidade en Sarria

Faise notorio a loita da cidadanía de Sarria en defensa do seu patrimonio natural. Unha loita nada caprichosa nen illada dun sentimento fondo e amplo en favor da preservación dun río, dun arboredo e dun paseo que dan vida e convivencia á cidade de Sarria. Unha loita veciñal contra a especulación organizada e dependente de intereses que moitos deles se manifestan desde as institucións e intereses soterrados. 

Faise notorio a loita da cidadanía de Sarria en defensa do seu patrimonio natural. Unha loita nada caprichosa nen illada dun sentimento fondo e amplo en favor da preservación dun río, dun arboredo e dun paseo que dan vida e convivencia á cidade de Sarria. Unha loita veciñal contra a especulación organizada e dependente de intereses que moitos deles se manifestan desde as institucións e intereses soterrados. 

"A mobilización dos sarrianos é un acto de xustiza e dignidade polo patrimonio urbano e natural. Estamos asistindo a unha estafa electoral".

A mobilización da cidadanía sarriana, organizada nunha plataforma en defensa dos intereses colectivos, loita contra a depredación dos que queren mutilar a conca orixinal do río Sarria, a seu paso pola capital do concello, coa intención de variar seu curso e transformar un espazo público, cívico e lúdico en algo que non tolera a veciñanza. A prepotencia do goberno municipal, na súa teimosía de aferrarse a mutilar a dinámica dese curso e dese espazo de convivencia está ampliando unha loita solidaria de amplios parámetros. Tódolos indicadores apuntan que os esforzos e pericias que ese goberno municipal está empregando vulneran a vontade popular, particularizando unha desconfianza cara ese goberno por considerar que está subordinado a intereses económicos. Se observamos outros conflictos, como os que teñen sucedido en Burgos e outras poboacións, a desconfianza apunta a intereses moi concretos que acotío suceden en Galiza e no Estado español, de famosos e escandalosos procesos xudiciais contra membros de corporacións municipais e outras administracións públicas por parecidos atentados e manipulacións contra os intereses públicos.

A mobilización dos sarrianos é un acto de xustiza e dignidade polo patrimonio urbano e natural. Estamos asistindo a unha estafa electoral. Supoñamos que se un alcalde  manifestara os seus plans de eliminar certos espazos públicos quizais hoxe non presidiría a corporación municipal. A mentira e a corrupción persisten a un nivel sen lindes e de alto costo para os contribuíntes, asfixiados por proxectos e conceptos de nefastos resultados para a cidadanía. O que acontece en Sarria é a suma dun longo inventario de falcatruadas, de prebendas e intereses espurios que se asentan no círculo do intolerábel.

"A plataforma cidadán de Sarria, en seus variados ecos pola defensa do patrimonio local, impón unha nova linguaxe emancipadora dun enorme pragmatismo". 

A plataforma en defensa do espazo fluvial de Sarria e dos intereses mais vulnerábeis do contexto urbano, o ten manifestado con datos e exhaustivas verificacións e atestados técnicos que reproban o proxecto do concello, toda unha programación de intereses que contradín unha suposta innovación. A sostenibilidade dun espazo natural, como o que se está defendendo en Sarria é un paso importante para considerar, reivindicar e loitar por outros que están sendo liquidados co permisismo das autoridades autonómicas e municipais, en puntos moi sensíbeis das diversas xeografías de Galiza, como é o caso das canteiras do Courel. As administracións na tolerancia da maraña colaboracionista cos monopolios devastadores en proxeccións antipopulares.

A plataforma cidadán de Sarria, en seus variados ecos pola defensa do patrimonio local, impón unha nova linguaxe emancipadora dun enorme pragmatismo. Unha excelente vía de concienciación activa contra a violación de certos extremos de interés colectivos, nada dispersos ao que se ven manifestando neste contencioso entre a veciñanza sarriana e o concello. 

A democracia non é adozar discursos melodiosos para acadar o voto cidadán, para despois anular a vontade popular durante catro anos. A mobilización dos sarrianos ten sentido, porque a democrática en varias frontes de referencia e estímulo precisa de accións para negar e advertir do que se intenta manipular. En Sarria emerxeu unha motivación de parar as desfeitas que se producen en espazos especulados, con decisións que corroboran un avance positivo na participación cidadán que ven aseverar: “O povo é quem mais ordena”.

Comentarios