Opinión

Paco del Riego, no cerco das homenaxes

Francisco Fernández del Riego (1913-2010) será o homenaxeado co Día das Letras Galegas de 2023. Ano no que teremos un desexado encontro coas referencias tan personificadas nas súas contundencias cívicas, do seu amplo legado de frutíferas  pegadas de dignidade, na cultura e na política galega. A árbore que el plantou ten unha fértil raiceira. Despois de sesenta anos florece anualmente no ímpeto senlleiro dos escritores que merecen ser homenaxeados co Día das Letras Galegas, polo impacto e defensa da cultura e da lingua da nosa nación.

Sendo académico da Real Academia Galega, propuxo e alentou que o 17 de maio de 1963, data do centenario da publicación de Cantares Gallegos de Rosalía, fose homenaxeado  anualmente a un escritor falecido de recoñecida implicación coa escrita e defensa da nosa lingua e cultura. Así perduran sesenta anos de homenaxe e recoñecemento as benfeitoras e benfeitores que crearon e sostiveron o gran monumento literario contemporáneo que cada ano conmemoramos. Unha festa-homenaxe de sólidos alicerces e fundamentada na patriótica iniciativa de Paco del Riego, consolidada en sesenta edicións.

No derradeiro e presente ano, segundo os estatutos da Academia, xa se podía celebrar a homenaxe en favor de Fernández del Riego. Un extraordinario acerto por parte do colectivo académico, en facer coincidir a dedicación do Día das Letras Galegas de 2023 a del Riego co sesenta aniversario da primeira celebración de dita efeméride en 1963. Digo acerto, porque se fose ao contrario, o SCA (Sacro Colexio Académico) con certas semellanzas ao monolítico Sacro Colexio Cardenalicio e de vetustas composturas, sería un erro imperdoábel aprazar a xustificada homenaxe a un dos esgrevios e defensivo persoeiros da nosa cultura. Tal como se fixo con Carvalho Calero. No caso de del Riego non deixa de ser un presente activo, por parte da Academia, que nos debe congratular.

O próximo ano estaremos observando a Paco del Riego cercado de emotividade, homenaxes, estudos particularizados nas diversa parcelas literarias e políticas que esclarecen o seu traballo en múltiples actividades que el nos deixou, desde a súa pertenza ao Partido Galeguista, durante a II República. Preponderancia e coordinación en seu labor de lealdades en fomentar ese corpus nacionalista, no que en parte estamos asentados, debémosllo a del Riego. Na entrevista que María Obelleiro fíxolle a Xosé Manuel Beiras (Semanario Sermos, 30.07.2022), este comentou as seguintes consideracións: “Paco del Riego era unha personalidade extraordinaria. Era un home absolutamente entregado á causa do nacionalismo e foi do núcleo dos que empezaron a reorganización do PG durante a Segunda Guerra Mundial. (...) O propio Paco dicíame a min: “A diferenza entre Ramón Piñeiro e mais eu é que eu son un optimista nato e el o contrario. “Eu son nacionalista, Ramón é galeguista e federalista”.

Del Riego foi un dos motores que activou a Editorial Galaxia, nos anos cincuenta, e frutificou cultura e accionou o noso idioma, ante os grandes atrancos que impoñía a censura franquista. Foi un dos intelectuais galegos máis seguidos e vixiados por axentes da ditadura. Nen por iso desacelerou as súas actividades nacionalistas. Un longo inventario de artigos periodísticos acreditan a súa postura en defensa dos dereitos insubornábeis dunha Galiza gobernada por si mesma. Tais artigos os asinaba co pseudónimo de Salvador Lorenzana, nada oculto para recoñecer a autoría de Paco del Riego. Optou polo nome do padroeiro da súa parroquia, O Salvador; de apelido Lorenzana, topónimo da súa vila natal: O Salvador de Vilanova de Lourenzá.

Sen dubida, 2023 será un ano importante, por non dicir histórico, para coñecer e recoñecernos na Galiza que Francisco Fernández del Riego espallou destinguidas  correspondencias literarias, históricas,  sociais e evocativas, sobre a que el investigou e escribiu temarios que atinxen a valorizar a súa presenza defensiva na nosa cultura e nas loitas sociais e patrióticas daquela “longa noite de pedra”.

Comentarios