Opinión

Outonada xerminal

As mainas e mornas choivas de outono convidábannos a temperar a sementeira de centeo nos agros e nas nabeiras os nabos. Foron tempos idos xa lonxincuos da miña nenez e adolescencia, recollidos pola memoria que sustenta tantas saudades das labregancias vividas e afastadas da realidade campesiña actual. Aquelas faenas de aderezar os campos, no alborecer dos días certos de sementar os produtos que o outono esixe e fai agromar. Aquel chiar de carros que levaban os bois xunguidos á moída, carrexando esterco para fertilizar sementeira. As apuradas andainas da xente atendendo aquelas outonadas xerminais e tamén da recolección do millo e das patacas. Sobre todo das castañas, esa regalía que aínda trae aos labregos na recolección deste froito que mantivo, desde antigo, a tantas xeracións de galegos que na nosa Ribeira Sacra ao outono chamamos o mes da castañeira. Tamén as apañas de landras para a ceba de porcos xa non existen. Moita xente ía cunha abaloira, de varios metros de altitude abalar carballos e castiñeiros. Mentres o bater das castañas e das landras no chan producían uns sons dispersos e abstractos que as colleiteiras e colleiteiros harmonizaban cantigas, en gratitude e loanza ás recoleccións e sementeiras.

O calendario pétreo dos capiteis medievais de Santa María do Azougue de Betanzos,  lembrou e convidou á xente da labregancia a executar o labor dos doce meses do ano. O do mes de outubro está representando o abalar da outonada, aparece un labrego abalando un castiñeiro ou carballo. A mesma encomenda e reclamo memorial de labor para o mes de outubro o encontramos no calendario agrícola das pinturas da Basílica de S. Isidoro de León. Aquí aparece unha persoa abalando as pólas dun castiñeiro, con dous porcos a seu pé. Os tempos viñeron demasiado apurados e deixaron desfasados estas antigas e memoriais  lembranzas que impoñía a potestade dos meses. A precipitada agonía que soporta o noso rural, debido ao desamparo e fuxida da súa poboación, veu a culminar a alteración (xunto coa mudanza climática) e a perda das repetidas costumes e labores de outonada.

Eran tempos propicios para as vendimas e a recolección de patacas tardías. De tantos desasosegos na vida irredenta dos campesiños, tan afanados e tantas veces sen recompensa, aínda cantaban e aturuxaban no trasfego da vida dura que eles tiñan nas vendimas e outros labores nestes socalcos de empinadas viñas da Ribeira Sacra. A uva convertida en líquido para degustar Baco e seus seguidores. Os doutos alquimistas do viño áureo, os viñateiros das ribeiras galegas,  perfeccionaron seus primordiais dons para celebrar todo o ano ao dadivoso  outono.

Son múltiples os sinónimos que priorizan as sazóns que outono demanda outonarse para outonecernos nas fragrancias e nas boas mantenzas que esta estación do ano aporta. Aqueles perennes pastos verdes chamados outonizos, tan reservados para as xugadas de vacas fatigadas na labranza e carrexando carros, tiñan a súa recompensa nos outonizos que producía outono en farturentos lameiros. Non podemos deixar de ser outoneiros, no que nos integra e no que nos perfila e aporta o beneficioso outono. Nestes tempos de fondas mudanzas e esquecementos, o suculento outono, con seus tradicionais magostos, encetando viño novo e saborosas mazás tabardillas. Os galegos non podemos negarlle memoria redencional ao noso outono galego.        

Comentarios