Opinión

Ourense nos lumes da Xunta

Levamos moitas décadas asistindo ao tráxico e insuperábel espectáculo dos lumes que calcinan o espazo natural galego e poñendo en perigo a persoas que ven os seus fogares destruídos, os seus bens e o gando desaparecer baixo devastadoras lapas. Un ano tras de outro co lume ás costas. O lume continúa en presente, sen que as prevencións administrativas cumpran coas esixencias que demandan este tipo de catástrofes. Cada ano de incendios na Galiza ten o seu historial, o seu inventario e o seu aquelarre devastador. Tradicionalmente a provincia de Ourense é a mais castigada pola agresividade dos incendios que produce unha radical devastación do noso medio natural e produtivo. En pouco ou nada os responsábeis da Consellaría do Medio Rural e, en seu conxunto, a Xunta de Galicia non teñen sido eficaces no que respecta a manter cun cadro de persoal estábel e especializado e con aparellos de prevención estratexicamente espallados naqueles puntos onde se teñen repetido devoradores incendios, que dispoñan dunha mobilidade e estabilidade eficaz.

Os responsábeis da Consellaría do Medio Rural e, en seu conxunto, a Xunta de Galicia non teñen sido eficaces no que respecta a manter cun cadro de persoal estábel e especializado e con aparellos de prevención estratexicamente espallados

A provincia de Ourense continúa sendo a máis castigada é deficitaria da Galiza no tema de prever e controlar os incendios. As estratexias tan particulares dos que teñen competencias, neste apartado de incendios, deixan ven á vista as carencias de planificación fronte a monstruosos incendios como os de 2006, aos que tivo que intervir o exército. Mais tarde repetíronse outros de semellante magnitude sen que se modificaran as nulas e persistentes estratexias inadecuadas para comprender que a gravidade e expansión do lume en toda a xeografía galega ía aportas enormes desfeitas do noso medio natural. Con todos eses antecedentes non se cambiar o modelo da ineficacia. Era urxente ter en conta a certos expertos no cometido de combater os incendios, que aportaron necesarias encomendas que a administración non tivo en conta nos doce anos de mandato do señor Feijóo á fronte da Xunta de Galiza. Quen non lembra, no período citado, o  cadro de técnicos e brigadas de prevención de incendios que expresaron as súas prioridades, reiteradamente desatendidas polos dirixentes da Xunta.

O lume prosegue devorando as nosas fértiles veigas, montes e forestas; vivendas, enseres necesarios e granxas. Deste terror ninguén aprende e as solucións dos políticos do xuntoiro pouco aportan ante os bens minifundistas da estratificación divisoria de pequenas parcelas e sobre o abandono á que está sometida a provincia de Ourense. Os esquemas de prever e combater os incendios continúan sendo os mesmos que os de derradeiras décadas, sen ter en conta que os baremos específicos dunha política axeitada na preservación do noso medio ecolóxico varía dun ano para outro e ter en conta este dato.

Mentres a Xunta continúe apoiando as plantacións extensivas de eucaliptos, esa árbore depredadora e allea ao noso territorio, desprezando os nosos bosques de árbores autóctonas, estaremos metidos nas graves hecatombes que se aveciñan.

Os sucesivos incendios que suceden no territorio galego, dos que podemos tomar como referencia a famosa viñeta e a elocuente frase do humorista catalán Perich: “Cuando el monte se quema, algo suyo se quema... señor conde”. Unha viñeta que foi mala de dixerir e comprender. O manifestado por Perich é que o monte é de todos non só dos latifundistas. Nestes momentos de cambio climático o noso patrimonio forestal continúa ameazado por falta de políticas coherentes que determinen unha planificación do territorio. Mentres a Xunta continúe apoiando as plantacións extensivas de eucaliptos, esa árbore depredadora e allea ao noso territorio, desprezando os nosos bosques de árbores autóctonas, estaremos metidos nas graves hecatombes que se aveciñan. As leis que saen do pesado e maioritario rodete do Parlamento galego, e os decretos da propia Xunta, con respecto ao tema da preservación do noso medio ambiente, o desorde político do PP en Galiza, nesta materia e noutras, continúa o seu curso destrutivo e o seu maior axente e habitual aliado non deixan de ser os incendios. Unha crenza nada descamiñada, no que respecta a rematar coa destrución do noso medio rural, onde se sustenta o equilibrio dos variados sistemas ecolóxicos de Galiza.                   

Comentarios