Opinión

A ollada transversal

A recta final das eleccións galegas marca os tempos decisivos de ollar o noso país en transversal. En tódalas confluencias, matices e prioridades que precisamos para innovalo e darlle visibilidade a un proxecto de conxunto, como o de recompor o sofisticado crebacabezas tan perdido e espallado por todas as xeografías do sentimento. Que tantas veces interróganos dunha maneira exclusiva e nada excluínte, para temperar rescates que tantas veces eluden. A pesar destas adversidades e dos silencios que manifestan os que están no poder autonómico de Galiza, recusando ao máis existencial do que precisa a nosa sociedade, en ambientes minimamente democráticos, entra no contexto inconcluso de negativas evidencias que contradín o que din co que fan.

A ascendente norma corporativista tan usual do PP está na tentativa depredadora de ocultar as prioridades que precisan os galegos e dando couces aos desafíos puntuais con que a oposición esgrime un sen fin de proxectos e necesidades que foron puntualmente debatidos no parlamento galego. A prioridade social é excluída con evasivas e practicando malos usos para lexitimar as paranoias da ineficacia e de que eles cultivan o mellor dos mundos posíbeis, coa mesma diatriba desde 2009, data en que Núñez Feixóo ascendeu ao goberno da Xunta. Pasaron tres lexislaturas e agora aspira a unha cuarta. En todas elas a mesma canción e a mesma impertinencia. Os ambientes das actuais eleccións predín que o globo de Feixóo desinchouse. E o temor que o cerca descontrola dos nervios a ousados partidarios que ven vir o vendaval e non teñen suficientes paracaídas para saír ilesos. Mentres a vox populi en expansión, vén a ser o mellor detector e detonante de que se vai cumprir o que se anuncia.

Feixóo, nos seus once anos de goberno, mantén a mesma oferta e idéntico discurso do eu fago e acontezo, nesta ocasión, é un tema esgotado. Por moitas circunstancias e avatares que a sociedade galega procura cambiar de estilo, tomando conciencia das estáticas políticas tan reducionistas e tan salvaxe que o PP aplicou en moitos frontes, como é a inquisitorial maneira de tratar o noso idioma e desprezar a nosa cultura. Nos ámbitos sociais e económicos xa se ve o perfil endémico das estruturas actuais que non anticipan un futuro medianamente aceptábel, que resolva certas desconxunturas dun estado de cousas parasitarias que emerxeron dos desgobernos destes once anos de mirar cara outros horizontes e non cara o noso país.

O señor Núñez Feixóo ten un grave problema co cambio xeracional que se deu en Galiza, dunha mocidade que se sente abandonada e seus proxectos desprezados no intre de abandeirar necesarias mudanzas que esixen ollalas na Galiza, desde unha transversalidade e dunha mentalidade adolescente, nada dispersa e que se encontra con poderosas barreiras que frean o seu pragmatismo innovador. Este é o novo modelo dunha sociedade progresista, con capacidade intelectual, que aspira a se escoiten as súas ideas e suxerencias para superar o impasse das políticas do PP.

O señor Feixóo tivo esa dose de soberbia que utilizou constantemente a súa vontade e sen vacilar. Sen medir que as cilíndricas apisoadoras da súa maioría absoluta no parlamento, tamén collen óxido e paralízanse. E, sobre todo, cando teñen en fronte unha oposición moi motivada e virada cara os intereses de Galiza, con perfecto coñecemento das causas que provocan políticas antisociais. Seis deputados do grupo bloqueiro bastaron para mostrar que hai alternativas a enorme volume de problemáticas que o presidente da Xunta non considerou arranxos para solucionar monstruosas situacións, como o caso de Alcoa de S. Cibrao. Un vello tema que se viña anunciando desde fai tempo e que os seis parlamentarios insistíronlle ao goberno galego que debía ser parte da solución. Ignorouse o tema. O señor Feixóo, ademais dos dilemas que ten de gobernabilidade, debe ter un temor moi groso -non é para menos- ver nas encostas, incluso nos medios que lle son fieis escudeiros e que o promocionan, non ocultan o risco que Feixóo ten ante o grupo que encabeza Ana Pontón, que dobra a elección dos seus deputados. El ben coñece os parámetros en que se move a oposición do Bloque: con pericia, rotundidade, datos concretos e pragmatismo. E isto tamén o sabe a sociedade galega que manifesta simpatía e augura o crecemento de voto para unha nova governabilidade.

Comentarios