Opinión

O misterio do lume

Sinto unha fonda admiración polo libro do teólogo e escritor Xosé Chao Rego, “O Misterio do Lume”, que me apropio do título para iniciar esta columna, nun estado de  circunstancias históricas e tradicionais que marcan os eventos de Nadal, como festa grande para reflexión espiritual e nesta mudanza solsticial. Estamos no solsticio de inverno, no que comezan a medrar os días e a luz solar convértese en protagonista da euforia festiva de longa tradición na sociedade antiga, onde o lume das fogueiras alentaba luz desexada, e a actual sociedade produce consumismo e desencontros. Aquelas festas Saturnais nas que os romanos conmemoraban a entrada do solsticio de inverno, dador de luz e calor. Co fluír dese potencial doutrinario cristián, coincidente co período patrístico do século V, o papa León I o Magno, introduciu a data do 25 de decembro como o día do nacemento de Xesús Cristo, que dixo: “Eu son a luz do mundo”. As festas saturnais capitularon fronte a esa enorme realidade imposta por unha Igrexa que saíu moi fortalecida do derrube do Imperio romano. Sobre esta festividade, sinala o cardeal Gianfranco Ravasi: “A mesma data da Natividade, 25 de decembro, como xa comentamos, escolleuse posiblemente porque era a festa pagá do deus Sol. O solsticio de inverno marcaba o inicio e aumento da luz solar, que anteriormente ficou apagada pola escuridade do inverno”.

No mencionado libro de Chao Rego, encontramos capítulos, excelentes e minuciosos, sobre diversas categorías do lume, tal como o entendemos os galegos, como fonte de luz e de misterio, son os seguintes: “A carón do lume, “Lume no peito”, “Os señores do lume”, “Dialéctica do lume”, “Lume vivo”, “Alumea-lo pan”, “Outros lumes”, Lume penitencial”, O lume da historia” e “O tizón de Nadal”. Chao fala sobre a repercusión que tiña o Tizón de Nadal, que se acendía na Noite Boa, un tema con peso e tradición sacralizada na cultura galega, sen antes manifestar: “Anatematizado por San Martiño Dumiense no século VI e condanado dez séculos despois polas Sinodais de Mondoñedo como ‘rito xentílico’. O Tizón de Nadal parece se-lo primeiro analogado nos festivais ígnicos”.

O tizón de Nadal ten o seu silabario mais íntimo na noite que se lle dá a benvida a un novo ciclo cósmico, representando as potencias da antigüidade que depositaban en Helios, deus do Sol, populares festas oficiais da Saturnalia, celebradas nas calendas dos últimos dez días do mes de decembro e transvasadas ao cristianismo coa nova etiqueta de   celebrar o nacemento de Xesús, por obra e gracia de León I o Magno, en circunstancias históricas. O relato de atributos que se lle concede  a Cristo-Sol, está personalizado no lume e na luz que tantas veces aparece asumido na cultura galega máis ancestral e espiritual. Sobre o Cristo-mito e o Cristo-Sol, dixo Ernest Renan: “Se Cristo non foi Deus, merecía selo”. Pode que o noso tizón de Nadal teña moitas benquerenzas nos atéigaos da simplicidade na cultura labrega.

Reconstruíndo as miñas emocións infantís da Noite Boa, aqueles virtuosos cepos de carballo, que ardían na lareira e aquecían aquela casa fría e humilde, onde resplandecía a luz da fogueirada, eclipsando a luz candil de gas. A meus pais e a min fascinábanos aquel  recendo saído da pota de ferro, cocendo verdura, patacas e bacallau, que naquel tempo era un produto asumíbel por unha economía de pobres, para rematar con figos e uvas pasas, que só as comíamos neste ocasión, mesmo cando o longo repique de campás da igrexa parroquial anunciaba ás doce da noite a do nacemento do neno-Deus ou do neno-mito, igual da para reivindicar a esperanza e a solidariedade da que carecen millóns de persoas que soportan a enorme carga da miseria e da incomprensión e negación dos poderosos. Conmemorar o nacemento dun redentor non é so encher o bandullo e virar o rostro cara o abismo, resistíndose a ollar a miseria da xente que rastrexa nos contedores de lixo procurando os sobrantes que deixaron os ricos seguidores de Opulón.   

Deixo esta encomenda para os adeptos e seguidores do Nazareno: “Cando deas un banquete, convida ós pobres, eivados, coxos e cegos” (Lucas 14, 13).

“Terá que devolve-los produtos sen os consumir, e non se gozará do que gañou mercando, pois oprimiu Deixando espidos ós pobres e acaparou as casas que el non construíu”. (Xob 20, 18-19). Que o tizón solidario de Nadal non se apague. Maranata!