Opinión

Noveno centenario do románico de Pesqueiras (1120-2020)

O noso patrimonio en rescate presenta variados concursos para ser conmemorado e, sobre todo, cando descubrimos e asumimos as súas esencias mais remotas, que non deixa de ser un acto de enorme sensibilidade. Unha acción que nos permite fomentar esas ausencias que non sempre están ao alcance de todos e de podelas descubrir e propagar, como merece, un sen fin de casos referidos aos edificios románicos de Galiza, tan rodeados de incertezas e imprecisións. Mais no caso da igrexa románica de Pesqueiras (Chantada) temos documentada o inicio da súa construción en 1120. Xusto 900 anos de presenza nun territorio que aínda posúe especial perfume para conmemorar presenza activa de tempos idos, mais aínda revelan o peso do que permanece para facer rebuscas na historia das cousas que manifestan o permanecer do antes e das elegancias que nos ofrece pretérito para saber mastigalas e erixir seus portentos.

No caso do templo de Santa María de Pesqueiras temos a data da primeira construción do cenobio que deu orixe a construción da actual igrexa, mosteiro, priorado -como un queira definilo- que albergou unha comunidade feminina de freiras bieitas, que deron corpo a un incontido progreso cultural e económico dentro do florecemento que permitiu aquela época e, tamén, do desorde do século XII. Da súa popularidade e prosperidade, emanado dos poderes eclesiásticos e reais, encontramos o perfil da época dos grandes persoeiros que posibilitaron alzar áticos monumentos, como o referido. Eran os tempos do poder dos grandes magnates, como Xelmirez o protexido do papa Calisto II e pola casa condal de Borgoña; polos tempos de construción do bispo de Lugo Pedro III o Peregrino, da raíña Urraca de Galiza e do seu marido, Raimundo de Borgoña. Todos eles propiciáronlle dons e privilexios, fomentando unha comunidade estábel en expansión no espazo bieito de Pesqueiras, coincidente coa segunda repoboación da Ribeira Sacra.

O mencionado ano de 1120, rexistrado por Villamil e Castro, anotou unha inscrición copiada por Cornide, referido a Pesqueiras, na que se fala de restauración polo mestre de obras Mateo Doals, o iniciador deste monumento. Sobre o facsímile que connota o ano de construción e reforma do cenobio, menciónase a palabra “restauravit”. Mais este asunto o esclarece Nicanor Rielo Carballo, aportando a seguinte aclaración: “É preciso sinalar que cando os documentos ou inscricións antigas usan o verbo “restauravit”, non o fan coa significación de reparar ou arranxar, senón como reconstrución ou reedificación, no sentido de alzar un edificio novo”. A puntualización de Rielo Carballo colócanos no epicentro inicial do actual priorado de Pesqueiras, unhas obras que demoraron bastantes anos até concluílas, xa a finais do século XII. Son datos necesarios para unha celebración memorial, na confusa actualidade dun mundo repregado en si mesmo, mesmo nos atinos e desatinos da era dixital. Onde moitas cousas confúndense, abrévianse e permiten pernicioso esquecemento.

Non todo ese inmenso volume do románico galego conta coa data de construción, como no caso de Pesqueiras. Isto permítenos con certa emoción e agrado recoller a testemuña dun proceso arquitectónico da modernidade clásica do século XII, e proclamar aquel tempo pletórico, nun espazo que produce tanto achego sentimental como o de Santa María de Pesqueiras. Que constitúe o paradigma dunha tradición emerxente onde conflúe todo un prototipo de evocacións espirituais deste espazo lítico. Onde os enormes rochedos, bosques delimitados por soutos, devesas e viñedos, permitíronnos saír de certo hermetismo do mito e da nebulosa prehistórica, para dar paso ao concreto e á individualidade de procesos transcendentes.

No espazo actual en que se asenta o edificio románico de Pesqueiras, alén da emoción  que poida ter un crente, un panteísta, un ateo e un indiferente, aquí encontramos o renazo espiritual no peso do tempo e das sombras que evocan pertenza cultural a unha terra sublimada en tantas vocacións  que aportan os apegos atraíntes e nada reducionistas neste antigo habitáculo no que tiveron cabida os que adoraron e personalizaron os dons e os benéficos misterios que os antepasados mantiveron vivo o facho ergueito da pertenza. Na transición das idades, o cristianismo en súa expansión asentouse nestes lugares de tradición espiritual, desprazando outros asentamentos mítico-relixiosos e ubicando a anacoretas, eremitas e cenobitas ao longo de toda a Ribeira Sacra. No que o espazo en que se asenta o priorado de Pesqueiras non foi alleo a esta realidade co que se connotou neste eido ribeirao.

Pese a tantas desventuras, o románico de Pesqueiras resístese a dar concesións á canseira  e ao aborrecemento daqueles que teñen a responsabilidade de rehabilitar a memoria que, frecuentemente a esquecen con elevada aleivosía e incorrendo en frecuentes anomalías. Nesta situación estamos ante un tema que non é menor, tal como o trata Patrimonio. Cando non se valoran temas tan evidentes do estado dos monumentos románicos, onde persisten os estragos e pouco ou nada non se cuestionan os danos para un arranxo efectivo. Dada esta situación estamos diante dun fracaso administrativo. Por outra banda, un certo asociacionismo -talvez desorientado- que rodeou a este monumento de Pesqueiras, con certa ovación de actos acertados e en decaemento, parece que ignórase a data de 1120, para evocar o noveno centenario da existencia da igrexa de Pesqueiras. E neste tema non vale dicir que non temos datos nin datas para conmemorar, ou mesmo lembrar, este monumento persiste ergueito e demanda respecto. E continúa emitindo concretas mensaxes pétreas que en tantas ocasións falan para as nosas retinas, esas pedras estáticas e altivas como sinala D. Sancho Sánchez de Ulloa, o persoeiro escénico da peza teatral de Fernando García Penas: “Benvida”, na que D. Sancho fai a seguinte evocación: “Nós xa non imos, déixense guiar polas pedras faladoras, cúbranas de alfombras e tapices, de espadas e escudos, algunhas de sangue e traizón, teñan elas moito que lles dicir, escóitenas, non perdan a ocasión.

En tódolos interiores e exteriores da igrexa de Pesqueiras hai reveres de memoria: suficientes para mirarnos nos seus novecentos anos de existencia. As pedras vellas impoñen matices no ver dos tempos, e vernos naquelas incontinencias de numerosa presenza medieval. Das sinxelas oracións que só a alma das cousas avivou retención no imaxinario popular. En tódalas prevencións e apeos da cantiga de clerecía, xograría, de amor e de amigo, que o coro xograresco de trobadores e segreis, como o apócrifo Pero Bernal, que manifestou rezo e cantiga rebelde no sagrado, que ficaron no devocionario que estas pedras gardan. E agardan o agasallo particular do “Cancioneiro de Nosa Señora de Pesqueiras”. O entusiasmo nada cativo e reverente que neste solitario e solemnizado espazo, onde a sacralización da cultura e da lingua milenaria de Galiza, edificaron na verba da fala os mitos derradeiros, os milagres que acugularon historia, coa presenza sedentaria da congregación relixiosa das freiras bieitas, rendidas ante a presenza da Nosa Señora.

Os pergameos do século XII e XIII do mosteiro de Pesqueiras, móstrannos a cara protectora da priora Elvira Eanes, a enorme señora que protexeu e edificou tantas estimas que nesta igrexa téñense manifestado. Así sucedeu até a última priora, Inés de Guitián que foi forzada, pola súa orde bieita, a abandonar Pesqueiras en 1499, e internada no mosteiro de clausura de San Paio de Antealtares, en Compostela. Eficientes historias, misterios, oráculos e santidade rodean a este monumento protexido pola pacífica paisaxe ribeirá, de videiras, castiñeiros e carballos. Onde tantas ánimas revividas reverencian o silencio e conmemoran o herdo identitario na pertenza dos novecentos anos da súa edificación, persistindo e envolvendo a nosa existencia. 1120 Pesqueiras, 2020 limiar do milenio de 2120, para testemuñar as alertas, na data e na cita do que preservamos.              

Comentarios