Opinión

Nos silencios da poesía

Eugénio de Andrade foi un dos interlocutores seguros das “palabras defensivas, emitindo silencios”. Entendeu que sen silencio non hai poesía. Se non procurásemos simples tons poéticos saídos do silencio había que inventalos na rasca dunha pedra de sílex, para comprender as diversas frecuencias do lume que dá resplandores líricos. A poesía proclámanos en adormecidos misterios e en precarios disimulos existencias. Dos clamores defensivos emana a poesía que nos descubre rebeldías e, de seus silencios, flúe a autenticidade dun sentimento sen artificios revelando a metafísica dese universo oculto e intermitente que tantas veces renunciamos a seus refuxios, sen decatarnos que en nós aínda ocúltase “o fogo que arde sen se ver” camoniano e os resplandores antigos das voces trobadorescas do Cancioneiro galaico-portugués, desde Martín Códax até Rosalía de Castro. Con todos os rosalianos que van cargados de proezas, con eses versos que avivan o dicir que xa se dixo: a permanencia. O herdo da lingua tira por nós, abastecéndonos e marcándonos con ese clamor de fecundas proclamas de recoñecernos como galegos, na luz que nos asiste na resistencia.

Rosalía, advertiu: “Triste é o cantar que cantamos”. Un laio íntegro da nosa enorme pensadora e redentorista poetisa. Semella que xa non cantamos, que a tristura acalounos. Mais o noso cántico, o de sempre, confina tristuras desa loba ferida que nos amamantou. A nosa vitalidade poética está na outra marxe do que aínda somos, na paciente fraxilidade que non deixa apagar o volume do noso eco. A cantiga de sempre esa continúa. Qué sería de nós sen ela? Ecos xordos a bater nos nosos medos. A cantiga que retomamos do longo inventario que emana de poderosos sentimentos. Compre servirse dela aos poucos e modelala como candente ferro da forxa de Vulcano, nos silencios da poesía. Rosalía intuíu o enorme fluír das fervenzas que anuncian un cántico novo.

A “Ode á poesía”, do noso lembrado e saudoso Manuel María, remata con proclama engadida, sobre a mobilidade que a poesía fornece sentimentos de resistencia contra a dilación. A invocación libertaria de Manuel, ofrece este sensíbel apelo: “Ti estás en todo. Es todo. / Para ti non hai fronteiras / nin cancelas. Atentan contra / ti todos aqueles que queren / coutarte, encasillarte, limitarte”. Un apelo poético, como exercicio de liberación, Luis Cernuda pronunciou esta contestataria afirmación: “El poeta es fatalmente un revolucionario, [...] un revolucionario con plena conciencia de su responsabilidad”.

Estamos en véspera da lembradoira morte de Luis de Camões (10 de xuño de 1580), celebración universal da comunidade lusófona. Os escritores galegos, deben reivindicar esta data para posicionarse no legado literario de Camões -non só por ser neto de galegos-, mais por construír unha obra cume, na que os galegos debemos sustentarnos e servirnos desa ponte, sostida nos cancioneiros medievais e na poesía rexurdida de Rosalía. Nestes e noutros roteiros literarios, a Luis de Camões debemos considerar o seu intemporal legado como un gran ben para o noso futuro.

Relendo a poesía da brasileira Hilda Hilst (1930-2004), recoñecemos o herdo identitario da lingua galaico-portuguesa, común da lusofonía. Hilst encarna desde o Brasil, xuntamente con outros poetas do seu país, a retoma de ir á orixinalidade dos antigos acentos trobadorescos e as esixencias do amor rendido e errante dos sonetos de Camões. Ese corpus do épico portugués define certas particularidades de Eros e Thanatos, expresados na obra de Hilda Hilst. Os dardos disparados pola conciencia feminista, en transversal, por esta autora nos concertos creativos da poesía, teatro e narrativa, resúltannos comúns. Unha obra marcante e equilibrada, no que se acrecentan conceptos vitais da súa obra, nos respiros existenciais de Eros e Thanatos. A poesía de Hilda Hilst responde a eses silencios que precisa a poesía para conmemorar e engrandecer as diversas expresión que encarna a lusofonía en seus albores.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.