Opinión

Normalizarnos

O lembrado poeta e escritor, Manuel María, reiteradamente, facía énfase do verbo transitivo: normalizar. Con certa pausa sonora, incidía con rotundidade, nas carencias que ten o noso país para normalizarse, en todo un amplo ventallo de aspectos que teñen un carácter de urxencia para expoñelos con rotundo pragmatismo e rigor en tódalas entornas que soportamos a anormalidade vixente dos poderes que nos desgobernan e que, continuamente, infiltran frecuentes evasivas e truculencias que repelen o verdadeiro sentido da nosa idiosincrasia. Infiltrar contradicións é o deles. Os comandos de operación centralista e con esa carga destrutiva que se manexa desde un neocolonialismo con certas frecuencias silenciosas e disfrazando a mentira en verdade. Este é o cultivo da sinistra situación na que nos encontramos, con un país que precisa orientación desde outra mirada avantaxada, onde nos procuremos a nós mesmos, como colectivo nacional. Hai que romper con ese individualismo que non nos deixa ser o que tantos pretendemos ser no noso, e saír dese claustro reducionista e esmagador, de amplas confusións que tantas veces non nos recoñecemos para poder crear ámbitos de liberdade e pluralidade.

Mais detectamos unha esperanza, nobre e certeira, nos flamexantes fachos que iluminan albores cívicos, que vén dada pola constancia de percibir mudanzas e constatar que se abren camiños longos para non desandalos. As últimas eleccións autonómicas mostraron  as accións e as alertas nacionalistas e, mesmo, os matices e as prioridades coas que precisamos ser normalizados, que abren moitas portas e fiestras para osixenar a nosa nación. A noite dos escrutinios tiven un pensamento emocionado sobre as insistencias de Manuel, e coidei  que estamos encetando unha fase de ver ao noso país en vías de normalizarnos. O triunfo do BNG é un activo de rigoroso recoñecemento popular, por dar un paso seguro á fronte, normalizándonos na  lexitimidade do noso, superando tantos excesos de anormalidades. “Os tempos son chegados” para erixir a Galiza que levamos en nós e con nós. O emblemático poema de Manuel, tan sinxelo como metafísico, fainos entrar nas entretelas dun discurso amplo, sobre o valor vital de pertenza, no ser e no estar  da nosa Matria: “Galiza somos nós: / a xente e máis a fala / !Se buscas a Galiza / en ti tes que atopala!”

As eleccións do 12 de xullo mostraron un resultado que patentou o Bloque, no seu saber, ir e chegar ao fundamento de claros obxectivos que soubo entender o elector. Mais no fondo da cuestión está o traballo mesurado e de amplo significado social e nacionalista que esclarece o activismo normalizador do BNG. Capaz de manter unha mensaxe directa e entendíbel sobre problemas concretos que son críbeis pola cidadanía, como motor de cambio. O extenuado esforzo da militancia e simpatizantes bloqueiros, converxeu en varias direccións, a pé de rúa e por aldeas de labregancia. O nacionalismo inverteu seriedade e confianza normalizadora para continuar traballando ca ampla representación que agora ten no parlamento galego, e, tamén, nas bases que agrandan espazos de acción e comunicación. A equipa de representantes parlamentarias e parlamentarios nacionalistas evoca a unha eficacia moi pormenorizada naqueles temas que precisan debate e solución. Unha estrea de novas deputadas e novos deputados, persoas ben coñecidas e cualificadas nas diversas tarefas da vida pública, que veñen a reforzar a veteranía dos seis parlamentarios da anterior lexislatura, de activa xestión normalizadora.

Comentarios