Opinión

Normalizar o galego nos nosos cemiterios

Hai xusto un mes que foi noticia o alcalde de Lalín, José Crespo, polo interese que ten o concello de axudar a financiar as lápidas funerarias do cemiterio da citada localidade, cuxa inscrición sexa en galego. Un actitude moi sabia e mesmo protectora do noso idioma que axuda a normalizalo nun espazo tan amplo e definido onde o foráneo “idioma do imperio” impón a súa soberanía numérica na lembradoira das lápida en castelán fronte ao idioma lexítimo que é o galego. Unha das mostras máis visíbeis do colonialismo agresivo que esclarece tantas anormalidades e carencias fronte ao galego. Falta por normalizar tantas parcelas onde a letra e a palabra galega están ausentes das nosas necrópoles. A pretensión do alcalde de Lalín de galeguizar o cemiterio local, sen dúbida, o honra e mesmo abre  unha vía a imitar noutros centros funerarios onde as lápidas escritas en castelán, reiteramos, son unha mostra máis da imposición do idioma intruso fronte ao orixinal. Non sabemos cal será a norma ou os extremos de cofinanciar esta lapidaria: gravados en mármore ou en placas metalizadas. O Concello de Lalín estabelecera normas, aceptadas ou non por parte dos interesados, claro, é un acto de liberdade por parte dos usuarios, en todo caso non deixa de ser un proxecto atractivo vindo dun rexedor do PP.

Coido que a “Mesa pola Normalización Lingüística”, o tema de normalizar as inscricións mortuorias en galego o ten nos seus programas e, tamén, están implicadas concretas  entidades e institucións moi sensibilizadas en dar visibilidade en todas as frontes onde o galego ten mínima presenza. Coido que a oferta de José Crespo de incentivar aos que decidan gravar lápidas en galego, non deixa de ser un proxecto  novidoso por parte dunha administración municipal e, sobre todo, vindo dun alcalde que pertence ao PP, un partido que dá mostras de prestar máis atención e axuda aos medios potenciais en castelán que aos galegos.

A decisión tomada polo alcalde de Lalín non é un proxecto novo no contexto do Estado español. Nos primeiros anos de gobernabilidade de Jordi Pujol á fronte da Generalitat de Catalunya, no longo período de 1980-2003, priorizou a normalización do catalán na escrita de lápidas funerarias e a rotulación de anuncios publicitarios, instando aos concellos prestar axuda financeira, aínda que o lapidario dos cemiterios cataláns están estritamente e maioritariamente no idioma do país desde fai séculos. A encomenda da Generalitat e o cumprimento dos concellos en prestar axuda financeira a dita normalización ía dirixida sobre todo aos foráneos que tiñan asentamento por longos anos en Cataluña, e que mantiñan a lingua orixinal en castelán que empregaban nas lápidas. Esta anomalía había que corrixila, non como norma de estrito cumprimento obrigatorio, senón como obxectivo de mentalizar e encomendar o catalán en tódolos aspectos da normalización lingüística e áreas competenciais. Por outra banda, os cemiterios eclesiásticos cataláns, tradicional e maioritariamente as lápidas están escritas en catalán, dado que o clero do país sempre foi celoso cultivador da lingua catalá en tódolos aspectos. Mestres que o clero galego foi á inversa protexendo o castelán, como manifestou este erro o Pai Sarmiento.

Estamos falando de dúas situacións ben diversas no que respecta á normalización lingüística e ás prioridades e alertas entre o que acontece neste eido en Cataluña e os retrocesos e atrancos que encontramos en Galiza, por parte de concretas e visíbeis institucións galegas. O aporte de José Crespo, no que respecta a normalizar o galego no cemiterio de Lalín, aínda que só sexa a nivel propagandístico, supostamente, abre perspectivas de toma de conciencia tanto dos usuarios que contaran con axudas e mesmo cunha expresiva testemuña que debe recoller e aplicar a Xunta, tan retrasada nestes aspectos normativos do noso idioma, tantas veces con manifestos e pertinaces atrancos.       

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios