Opinión

Negarse a ser vello

Os que pretenden burlar inutilmente o ditado que manifesta a metamorfose e alimentan inutilmente as súas artimañas e artificios, co fin de desautorizar as mudanzas naturais que operan na nosa existencia: cambios de aspecto, de carácter e de comportamento, non deixan de ser un excelente baremo para avaliar os nosos desconcertos.

Nisto non hai eximente. A inexorábel bioloxía que nos depara ten na metamorfose a puntualidade que nos subordina a seus ditados. Quizais sexa un amparo en toda esa liña vertical que vai do Alfa ao Omega existencial.

Non aceptar o presaxio e o anunciado das mudanza cíclicas, no que transcende a nosa temporalidade, estariamos nun estado insensíbel fronte a tantos síntomas vitais que producen cambios manifestos, cando un procura pretensións, enganos e sutilezas. En fin, canta maraña emocional nos asiste. Por non aceptar a constante mudanza que se mostra en tantas lecturas que o noso corpo expón en súas limitacións. Os adultos que teñen pavor a ser vellos e chamarse como tales, axudaron a inventar a denominación: “terceira idade”, algo máis livián que lles sirve de contención e saca medos na preocupación narcisista que non aceptan ser vellos.

Así institucionalizaron “a terceira idade”, para confinar o amplo sentido que ten a vellez. E nela vemos aos que intentan resistirse nos cantís da soberbia e do superficial. Os que non aceptan ser vellos, bo sería que lesen e reflexionasen sobre o manual que escribiu Marco Tulio Cicerón, titulado: “Sobre a vellez”. As palabras deste pensador latino, nestes momentos, teñen vixencia de actualidade: “Os froitos da vellez -como a miúdo digo- son os bens acadados con anterioridade á nosa actualidade”.

Cicerón dá importancia aos bens calculados e rematados antes de un ser vello, que vén a coincidir co seguinte texto do Eclesiastés 3,1: “Todo ten o seu tempo determinado, e hai tempo para todo propósito debaixo do ceo” (versión bíblica, Reina-Valera). Nefasta singradura cando un rema en barca remendada e con remos podrecidos para chegar a calmos peiraos.

Cando un non acepta ser vello e refúxiase baixo preceptos falsificados para sentirse eficiente e realizar actividades políticas, coa mesma euforia intelectual que en tempos lucidos e cumpridos xa tiña realizado. Ninguén volve a tempos pasados, pretender isto, é manifestar imprudencia e, mesmo, demencia. Nestas consideracións non só me refiro a Ramón Tamamés, senón a moitos políticos que confunden a herba verde coa de sequeiro que tantas veces trillaron, engadindo nesta confusión a concretos galegos.

Teño mágoa de Ramón Tamames, por ser un intelectual lucido en seu tempo, un economista notorio naqueles tempos duros, cumprindo co seu “tempo determinado” e pragmático. Mais tamén foi unha persoa de andadeiras suspicaces, de por sobre si a chistera e o frac nas tertulias e prédicas da dereita.

O problema de Tamames é que esqueceu a dimensión numérica dos tempos e procesos en mudanza que a todos nos envolve. Máis os destempos non perdoan, devoran a un. Agora apareceu a extrema dereita ofrecéndolle o “panal de rica miel” a Tamames. Pero non para matalo dunha conxestión. Só para alterar a democracia parlamentaria e desacreditar os seus órganos de representación popular; para converter o Parlamento en cortello de cabras para brincar e dando topadas, por veces sanguentas.

No pouco que concordo co señor Feixóo, fago miñas as súas palabras encomendadas a Ramón Tamames: “Si fueses mi padre, no te dejaría hacer esto”. Sorrían que o sermón e fino...