Opinión

Nadia Anjuman, poeta e mártir do Afganistán

A poeta Nadia Anjuman, naceu na cidade de Herat (Afganistán) en 1980, sendo asasinada en 2005 polo seu propio marido e pola familia deste. Consideraron que os seus versos e a súa posición de liberdade os deshonraba. Vinte e cinco anos de vida bastaron para que a súa voz erguida continúe denunciando a situación ferinte das mulleres secuestradas e emparedadas na gaiola de seus lares, como seres vexetativos e submisos aos preceptos dos varóns fundamentalistas do réxime talibán, que tallaron as alas da liberdade ás mulleres. Nesta sinistra e tenebrosa situación complétanse os matices que Nadia alude ás masacres talibáns. Seus recursos poéticos, foron refuxio de liberdade, desde onde expón a súa propia traxedia: “Retomando a miña memoria, amei a poesía e as cadeas coas que durante seis anos de cativerio baixo o réxime talibán atáronme os pés e introducíronme vacilante na area da poesía. Aínda así non estou a salvo de tropezar neste meu camiño tan difícil de andalo”.

Christina Lamb, biógrafa de Nadia Anjuman, expón a longa xeira de oprobios que soportou a poeta, por parte da parentela de seu marido, escandalizados polos poemas evocadores de amor, beleza e liberdade. Coidando e preservando a súa ortodoxia fundamentalista determinaron pór fin á súa vida, sendo o seu propio marido o executor. Mais o seu drástico encerro permitiu que a súa ousadía constatara os sufrimentos das mulleres do seu país e dela mesmo. Nos seguintes versos de Nadia encontramos esa fonda anomalía que a dor manifesta nos rostros da mulleres humilladas e silenciadas e que Nadia puxo de relevo no poema, “O sórdido pranto”: “Atormentados corpos de rapazas criadas na dor / a ledicia fica lonxe de seus rostros / vellos corazóns aliñados de fendas / de seus inhóspitos beizos non xorden sorrisos / de seus ollos non brotan nin secas bágoas”. 

Neste desespero cultívase o legado poético de Nadia Anjuman, nese seu berro sufrinte, unánime e seco das donas afgás que soportan escravitude de xénero. Poucas delas ignoran os ditados das próceres da liberación da muller fronte aos totalitarismos enxaugados entre infamia e morte. Nestas circunstancias, apareceu a remisa poesía nos xuntoiros do silencio e da conmoción opresiva. Só a palabra de muller creou en Afganistán un formato, extraordinariamente liberador, proclamando unha aventura dolorosa contra o feminicidio que tantos holocaustos silenciados e, tamén, visíbeis e incontestábeis como os que están a acontecer actualmente no Afganistán talibán, onde predomina a misoxinia oficializada; anulando e recluíndo a millóns de  mulleres baixo o ditado dun sistema devastador.

Pese a estes reducionismos, as poetas afgás recadan recursos para dignificar as súas vidas e manifestar as penurias existenciais que as devoran. Hai múltiples mulleres que exemplarizan o orgullo con que Nadia Anjuman non desistiu en proclamar a liberdade, o amor, a beleza e, tamén, o horror e o sacrificio de entrega, sen renuncia, até ser sacrificada insidia e vileza. Outra vítima da represión foi Zarmina, cando os depredadores da intransixencia a acusaron de compor un landay de dúas estrofas que narra as desventuras amorosas e sexuais, foi tratada pola horda talibán e polos seus irmaos de prostituta que a sorprenderon recitando poemas. Neste asalto á súa intimidade decidiu inmolarse, poñendo fogo a seu corpo en Kandahar en 2010. A resistencia das poetas mozas afgás esclarecen  liberdade solidaria que elas expoñen nos seus poemas de gueto.

Afganistán ten unha tradición inmemorial onde as mulleres poetas consolidaron unha lírica en liberdade e contra a imperante misoxinia relixiosa, creando o seu propio universo poético de emancipación feminina. Nesa tradición encontramos á enorme poeta, Nazo Tokhi, máis coñecida por Nazo Anã (Kandahar, 1651-1717) foi unha inesquecíbel e influínte poeta e escritora en lingua paxto. Está considerada como a “Mai da nación afgá”. A súa memoria continúa dando azos de liberdade. O emblemático poema de Nazo Anã, que recitan e cantan as donas afgás, é o seguinte: “O orballo pinga dende o seu temperán albor / como bágoas desde un ollo de melancolía. / Ou beleza! Preguntei quen te fai chorar / -a miña vida é demasiado curta- respondeu. / A miña beleza florece e múrchase nun intre / como un sorriso que aparece e desaparece”. 

Nadia Anjuman, Zarmina e Nazo Anã, entre tantas outras mulleres musulmáns que figuran no claustro dos anonimatos, non deixan de ser unha constante referencia de liberdade e combate contra o asoballo que soportan as pródigas e silentes donas da  resistencia solidaria afgá, que pagan coa propia vida a súa revolta.         

         

Comentarios