Opinión

A música das follas invernais

O inverno cabalga, deambulando aos poucos, mentres o sol turra por el no carro cíclico do solsticio que perfila rigor e tempero nas neves, xeadas, choivas e ventos que, na Galiza, vertebra todas as instancias posíbeis da nosa existencia. Mentres procuramos resistir en amábeis recunchos do fogar, no acubillo dos teitumes e no cerimonioso candor que a pel alenta. Prodixioso recollemento na fartura das fogueiras, como reclusos cenobitas meditando nas benaventuranzas da oración do lume. Estamos nos inicios da invernía, na proclama dos silencios fronte as intermitencias e desasosegos que emerxen da pestilencia vírica que nos asiste. A neve comeza a salientar o vital da vida, na prodixiosa liturxia da resignación e de tantos sentimentos flutuantes que pasan polo noso maxín, procurando tempos e mundos inexistentes. Namentres o solpor impón fondas noites de invernía, nós na penumbra dándolle a benvida ao estilo de H. G. Wells, en “The war of the worlds”.

A invernía desabrocha as follas despois dos froitos, acolchando o céspede que o vento  acomoda e as fai ruxir en fráxiles axóuxeres, nun son tímbrico especial de magnánima aleluia, fulgurando nos compasados tons que as rebuldeiras follas secas anuncian desbordantes plenitudes no que desexamos estar. E ter un amplo acubillo na sensíbel follaxe que procura outra primavera extensiva e de pletórica musicalidade. Moitos aspiramos a procurar un souto ateigado de follas secas e arrastrar os pés sobre ese manto de cor ocre. Como naqueles tempos de neno, cando os meus pesados zocos de labrego creaban ruxido musical que superaban os ecos dun afinado óboe, dun animoso  violonchelo ou dunha frauta que conmovía o pensar dos filósofos atenienses.

En certa ocasión, paseando polos soutos de Parada do Courel con Uxío Novoneyra, díxome: “As follas secas teñen un eco fráxil e breve, pero moi discernido e elocuente”. Nun souto de seu fixemos un mostrario de sons lembrando esa acústica das follas de cando éramos rapaces. Agora entendo que a música vexetal, no declive das follas murchas e caías, tamén teñen acordes que fertilizan alma vibrante e redentora na friaxe da invernía. 

Envoltos coas vestes do inverno, axéxanos a corpulencia bicéfala de Xano, tan corporativo e burocrático, móstrase en elocuentes iconografías romanas e románicas, o seu destaque primordial nas mudanzas temporais que indican as súas cabezas. A cabeza caída mostrando o pasado, ben pode ser un indicativo do ano nefasto da desgraza de 2020, que aínda proxéctase en 2021 nun presente sombrío de imprevistos consecuencias. A escenificación bicéfala presentando a decadencia dunha temporalidade caduca, cumprida o 31 de decembro, contrasta coa ática cabeza representando o vixente ano que o 1 de xaneiro encetou as andainas do presente. Xano nos trocos de tempo, o podemos constatar no arco toral da capela románica de Augas Santas (Pantón). O tempo decadente, xa decaído e o tempo presente resistente. Estamos transcendendo pola porta aberta que Xano, o deus bicéfalo da mitoloxía romana, abriu en xaneiro o presente 2021. Temos a impresión que a decadente porta de 2020 ficou mal pechada polo que respira e transfire seus males pola porta aberta de 2021. Pese á pestilencia vírica, a presenza do cántico das follas secas persiste en festexar renovada primavera con follas verdes, superando o ano da desgraza de 2020. 

Comentarios