Opinión

Murguía, Brañas e Catalunya

O Rexurdimento literario galego de finais do século XIX estaba dando seus froitos e consolidando valores intrinsecamente autóctonos, manifestados en varias iniciativas e proclamas que alteraron o silencio imposto durante catrocentos anos. Foi unha época en que xurdiron varios estudos sociolóxicos e políticos sobre a sociedade galega; programas e proclamas, dende varias frontes de pensamento e ideoloxía, centrados en verificar e dar alternativas a graves problemas na que Galiza estaba ensumida. O ano de 1889, marca o principio dialéctico de dúas análises importantes sobre aquela situación de desfeita, unha desde a óptica económica e a outra desde a sociolóxica e política, co mesmo título de publicación: “El Regionalismo”, da autoría de Alfredo Brañas, publicado en Barcelona na Editorial de Jaime Molinas e con prólogo de Juan Barcia Caballero. O de Manuel Martínez Murguía publicouse na imprenta “La Universal” da Habana, con prólogo de W. A. Insua. Unha edición apoiada e costeada por mil douscentos galegos emigrantes en Cuba. Con anterioridade a esta publicación xa tiña escrito un folleto interesante titulado: “El Regionalismo Gallego”. Estes dous libros, tan diversos e aínda contrariados entre si, sobre a base central que os implicou con distintas formulacións. Dúas correntes significativas do pensamento ideolóxico desigual, expostas no panorama galego.

Alfredo Brañas era unha persoa tradicionalista, que se movía dentro do catolicismo mais conservador e do carlismo mais ortodoxo. Aínda que por momentos escribira certos ensaios sobre aqueles momentos contraditorios, mais sempre se manifestou dentro dos lindes conservadores. No seu “El Regionalismo”, manifestou certas pautas progresistas e conceptos innovadores sobre temas de descentralización e, tamén sobre economía, que se perciben en algúns textos do libro. Nos medios académicos composteláns tiveron unha propagación, en seu favor, que o conduciron a un certo mito institucionalizado. “El Regionalismo” de Brañas está seriamente impregnado polo ideario rexionalista de Cataluña, polo que el sentiu enorme simpatía: “Despues de nuestra Galicia, adorada patria en que nacimos, no hay región en España que más nos admire, entusiasme e infunda una religiosa veneración como la noble Cataluña, heraldo del regionalismo.”

No contexto ideolóxico do chamado catalanismo, Brañas bebe do rexionalismo conservador, protagonizado por persoas moi concretas do carlismo catalán, como Juan Mañé y Flaquer (nótese que el non empregou a grafía catalá do seu verdadeiro nome nesta lingua: Joan Manyé i Flaquer, españolizándoo). Foi por moito tempo director do “Diario de Barcelona”, que lle marcou unha liña conservadora e católica, adherida e alentada por Pío IX (o papa masón, igual que a maioría dos integrantes no ideario de Mañé). Aquí estaba a alta burguesía financeira e terratenente como o conde Güell. Mais no contexto católico constatábanse dúas liñas ben diversas: o conservadorismo do eclesiástico e filósofo Jaime Balmes, virado cara a monarquía española e ao que representaba o tradicionalismo relixioso. Pola banda mais liberal e afincado na liña autonomista estaba o bispo de Vic, Josep Torres i Bages, autor do libro: “La Tradició Catalana”, escrito en 1888 e publicado en 1892, cuxas propostas conviven co ideario burgués mais evolucionado do autonomista, Valentí Almirall, autor de: “Lo Catalanisme” (1886) e foi acusado de liberal por Mañé, no seu libro: “El Regionalismo” (1887), publicado dous anos antes que o de Brañas, este difundiu algunha tese que protagonizaba Mañé, e de concretos apéndices rexionalistas da revista: “La España Regional”, publicada en Barcelona de 1886 a 1893.

Brañas estivo vencellado á Universitat de Barcelona, intelectualmente moi admirado polo conservadorismo rexionalista, onde pronunciou unha famosa conferencia no paraninfo en 1892. Foi mantedor dos Jocs Florals de 1893. Brañas foi moi admirado polos rexionalistas de Mañé y Flaquer. Estivo presente nos actos das “Bases de Manresa”, mais isto non quere dicir, que o ideario de Brañas dera expresión ou articulación ao corpo das bases, celebradas en Manresa en marzo de 1892, que algúns confirmaron erroneamente na prensa galega, de non fai moito. As “Bases de Manresa” foi unha iniciativa da “Lliga de Catalunya” e da “Unió Catalaniste” que proxectaron o nacemento do catalanismo político conservador; a idea emancipadora da nacionalidade reivindicada e orientada pola burguesía industrial e comercial que modernizou Cataluña.

A aproximación de miras ou influencias por parte de Brañas á ideoloxía de Mañé e seu grupo, houbo unha diferencia importante na concepción económica polas que aspiraba Brañas de certa disparidade coas que promovía Mañé. Na década de 1890 vemos a un Alfredo Brañas contraditorio, falando de nacionalidade e, en 1898 escrebe un artigo dedicado a Carlos de Borbón (xefe carlista), sobre a organización administrativa de Galiza, na que expón unha serie de ideas, froito da súa paranoia relixiosa. O seu pensamento autoritario non tivo suficiente traxectoria e xa en tempos actuais non inspira referencias para imitar ou seguir, só como curiosidade, a non ser para aos “pepés” que o reivindican. Aínda que nas formulacións económicas expostas no seu “El Regionalismo”, eran bastante correctas na descentralización do Estado, para aquel momento puntual.

Foi defensor das propostas de León XIII, manifestadas na súa encíclica: “Rerum Novarum”. Mais no “5º Congreso Católico Español”, celebrado en Burgos en setembro de 1899, foi convidado a participar Alfredo Brañas, polo seu amigo Gregorio Aguirre, naquel momento arcebispo burgalés, que anteriormente fora bispo de Lugo. Alfredo Brañas fixo unha exposición na que expuxo os máximos do seu sectarismo e ortodoxia, no seu discurso titulado: “Peligros que amenazan a la sociedad en el siglo XX si se aparta del Cristianismo”. Todo unha xoia ultra conservadora dun intelectual visionario con aspiracións a que o século XX imitase aos comportamentos da Igrexa do século XII. Só un fragmento do seu discurso basta para definir o talento fundamentalista de Brañas: “Si nosotros no triunfamos de los parlamentos soberanos, de las libertades democráticas, del liberalismo manso, de la centralización absurda, de las oligarquías ministeriales y de las sectas, la sociedad llegará en breve a su total disolución y ruína. Los masones, los judíos y demócratas españoles nos llaman reaccionarios, y es una frase esactísima, debemos acetarla agradecidos. La reacción tanto en el orden físico como en el moral, suele ser una regeneración para la vida del cuerpo y la saluz del alma. Si la reacción no viene, ellos se encargarán, en su papel de enterradores, de dar sepultura al cadaver de nuestra patria española”.

Comentarios