sábado 25/09/21

O mester patriótico no Día de Galiza

No día oficial da patria galega (25 de xullo) énos propicio manifestar o mester de oficiantes que corresponde a todos os galegos con autoestima e capaces de facer un inventario de reflexións de que lado estamos e que posicionamento tomamos ante os múltiples problemas que atenazan á sociedade, en tantos eidos sociais nos que vivimos  incapacitados e desabastecidos en variados espazos e horizontes existenciais dos que non somos donos nin mentores. O estado de cousas que contemplamos están imposta s en dirección contraria as nosas necesidades e aspiracións do que desexamos ser e estar como construtores da nosa nación, en función da súa propia orixinalidade, no que nos compete harmonizar os atributos, símbolos e prioridades que atinxen a un proxecto que defina o rescate de tais atribucións nas que configuremos presente e futuro.

O mester colectivo de restituír patria liberada, esixe superar as turbulencias sociais e identitarias as que estamos sometidos dunha maneira insistente. É preciso liberarnos e deixar de ser condescendentes dos que nos tratan como proscritos, asentándonos con aleivosas sutilezas nas entretelas dun domesticado colonialismo que leva séculos afastándonos da nosa cultura, das nosas tradicións e de cultivar a noso lingua: fundamento primordial da nosa propia personalidade que nos define como galegos e con autoridade a demandar autodeterminación. Os galegos, cataláns e vascos estamos desautorizados por un Estado que sempre nos remite ás regras dunha constitución repregada nun sistema monolítico que discrimina aos diferentes, con diversas negativas ao diálogo. Neste sistema estatalizado temos a obriga de dar respostas contundentes e democráticas: expresión da nosa liberdade e mester patriótico que debe emitir claridade para decidir o noso futuro e alicerzar proxectos que alimenten unha sociedade libre en patria soberana.

No grande día de hoxe, Día da Patria Galega, no que os eventos e os recoñecementos patrióticos xorden e elévanse en determinadas frecuencias e tolerancias por cidades, vilas e diásporas, onde o noso éxodo emigratorio ten asentamento e desde o cal réndese honor e fidelidade -á nosa maneira- a todo aquilo que para nós ten sentido de non “deixar a esquecemento” o vital desta Galiza que pareza que morre aos poucos, en momentos difíciles, sempre tivo a xeracións dispostas a evitar a hecatombe. Compostela, no día de hoxe, continúa concentrando harmónicos ecos de urxencia reivindicativa na Praza da Quintana, onde as diversas demandas sociais e de liberdade nacional teñen o seu elocuente respiro na festa grande onde honramos e manifestamos nosas benquerenzas co que nos é común na cultura e na lingua. Velaquí os nosos dous monumentos que nos unen e que temos que perseverar en tempos ben difíciles que nos ameazan desde fóra e desde dentro. Temos que permanecer na nosa “Alba de Gloria” que Castelao definiu como a grande obra feita á medida dos nosos próceres, que aínda latexan o fervor da liberdade e que eles construíron á súa medida o enorme legado patriótico que temos o deber de coidar e transmitir a futuras xeracións. Son os dons da nosa Matria, en plenitude, liberdade e prosperidade redencional. Velaquí o noso grande mester feito á medida e clamores e persistencias.                   

comentarios