domingo 19/09/21

A mensaxe poética de Isaac Díaz Pardo

Inaudita sorpresa a que pon en alto relevo Esperanza Mariño Davila, referente a descuberta mensaxeira da poesía de Isaac Díaz Pardo (Compostela, 1920-A Coruña, 2012), aportando un escenario novidoso no que se recreou e moveu este artista: pintor, ceramista, escritor, editor, xornalista, poeta e galeguista. Un dos protectores desa Galiza portentosa cuxas esencias culturais sempre cultivou en numerosos espazos nos que a fraxilidade dun pobo acentuaba especiais ameazas. A fábrica de cerámica de Sargadelos foi un dos opulentos monumentos que Díaz Pardo ergueu e converteu nunha importante referencia estética e vangardista. Desde Sargadelos espallou fornecidas individualidades e manifestacións artísticas, proclamando o don e o ego insubordinado, patentando fidelidade co seu país que aínda precisa de ser libre e servirse por si mesmo. Coido que este foi o ideario de Díaz Pardo, a quen o réxime franquista reprimiu e asasinou a seu pai, o pintor e cartelista, Camilo Díaz Baliño. Isaac, desde o seu exilio na Arxentina, constituíuse en emprendedor e empresario, co pensamento posto nesa Galiza irredenta, tantas e tantas veces non asumida por aqueles empresarios que teñen o poder económico, mais renuncian a aceptar o formato creado e asumido polo fundador de Sargadelos. Galiza como misión de rescate e sen inhibicións para calquera galego que queira exemplarizar o desafío e o patrocinio que nos legou o sempre lembrado Díaz Pardo.

“A mensaxe entre sombras (Obra poética de Isaac Díaz Pardo)”, edición, estudo crítico, notas e fotografías de Esperanza Luz Mariño Davila, publicado por Edicións Xerais (2021), é unha das novidades da insospeitábel aparición poética de Isaac, nesta nova oferta editorial. A pesquisa desta escudriñadora, que do imposíbel rescata das entretelas do silencio unha das premisas que toman carácter de urxencia para os lectores e para os que temos a Isaac no frontal das benquerenzas e dos bos faceres. Os poemas iniciais deste libro, corresponden aos anos de 1955, 1956 e 1957, deste último ano corresponde o titulado: “O ángulo de pedra”, unha longa peza poética de diversos persoeiros colectivos e individuais de intervintes: rapaces, rapazas, moralista, político, voces corais femininas que espraian prantos fúnebres e delicadas queixas que nos lembran e remiten ao clasicismo da dramaturxia grega, coa presenza de persoeiros mitolóxicos como Ícaro, Midas e Sileno. Nesta exuberante peza poética-teatral merece ser representada polo rigor e os adobíos que introduce da temática galega como é o himno dos degustadores dos viños da Ulla e do Ribeiro, que Sileno remite: “Viñedos do Ulla, do Ribeiro de Avia / tornade sempre qu’antre vós non naza, / chamándolle folla, edra disfrazada”. Estes cánticos dionisíacos é unha grata noticia para o noso teatro, neste excelente aporte de Isaac Díaz Pardo.

Esperanza Mariño tamén fai recolleita da poesía antifranquista de Isaac, presente na publicación “Galicia Hoy”, da edición de Ruedo Ibérico (1966), da autoría de Santiago Fernández, pseudónimo de Isaac Díaz Pardo. En “A mensaxe entre sombras”, aparece o inicial: “Comprobade o que fago”, un interesante texto de prosa poética desafiante que serve de preludio. E seguen “Carteis de cego” de variadísima creación poética, na que se destingue a pegada tan persoal, libre e independente, deste eminentísimo ácrata -que el mesmo gustaba da definición-. Neste merecido oficio de escritor, non deixaremos de pasar por alto, a súa escrita xornalística que recolle centos de artigos publicados en diversos xornais, e recollidos no libro: “O ollar clarividente de Isaac Díaz Pardo, colaboracións xornalísticas (1963-2009)”, con mais de oitocentas páxinas de contidos. Publicado por Andavira editora e Consorcio de Santiago (2018). Con todas estas referencias literarias e por ser un dos maiores protagonistas de potenciar as artes e as letras na Galiza, para o próximo 2022, cúmprese o décimo aniversario do seu pasamento: quere dicir que fica aberto o período que establece a Real Academia Galega, para dedicarlle o Día das Letras Galegas a Díaz Pardo. Unha débeda da que temos que contraer reivindicando un ano para dita dedicatoria en favor do que creou tantos legados con identidade.

Non deixaremos de insistir neste fecundo aporte que nos ben do extraordinario labor de Esperanza Mariño; deste seu rescate literario de Isaac Díaz Pardo, desvelando os perfís de Isaac en diversos parámetros desta edición, sobresaíndo o estudo crítico. Entrando a escudriñar e valorar, nesa andaina iniciática pola obra do seu protagonista, como é a súa poesía, dramaturxia, reacción contra a censura, os carteis de cego etc. Un enorme traballo de Esperanza e unha grata noticia editorial para un exclusivo ventallo de lectores.

comentarios